Necesitábamos goles. Son a salsa do fútbol esta xornada os conxuntos lucenses déronnos un agasallo. Catro marcou o Polvorín no seu primeiro encontro da temporada. Mágoa que fosen contra outro equipo da nosa provincia. O Viveiro chegaba ao derbi líder, pero non puido cos de Álex Ortiz. O Racing Vilabés fixo cinco tantos ante un frouxo As Pontes e mantense invicto.
Triunfo do Polvorín no derbi provincial ante o Viveiro cun póquer de Cristian (4-1). Aínda que a vitoria local foi xusta, o marcador pode considerarse abultado para o visto na Cheda. O conxunto mariñán, que chegaba líder, entrou ao partido dominando, con moito xogo por dentro aproveitando a calidade dos seu xogadores. Ao filial albivermello costoulle entrar no partido. Falta de ritmo e de precisión despois de varios días parados por mor do Covid-19. Non houbo case que ocasións na primeira metade, tan só a que propiciou o primeiro tanto do partido. Cristian colocou o balón na escadra da porta de Manu Cedrón. O Viveiro tivo o balón, pero non foi quen de chegar con perigo á área rival. Na segunda metade, o conxunto de Chusky saiu na procura do empate, pero un erros dos centrais facilitou o segundo tanto local. Cristian plantouse só ante o gardameta viveirense e definiu cunha vaselina. O Viveiro adiantou liñas na procura do gol e o Polvorín fixo dano á contra. Nunha delas Iago Novo deu o pase da morte a Cristian que fixo o terceiro desde dentro da área. A falta de cinco minutos para o final, Quindimil fixo falta ao borde da área e Xaime na súa gran especialidade, non perdonou e fixo o tanto para o Viveiro. Co tempo cumprido, noutra contra dos de Álex Ortiz, Cristina culminou a súa gran tarde co cuarto tanto.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Racing Vilabés resolveu o encontro ante o As Pontes en media hora (5-1). O partido comezou sen continuidade no fútbol de ámbolos conxuntos, pero todo cambiou cando os chairegos lograron romper a defensa visitante. Primeira ocasión e primeiro gol. Buyo, nunha boa xogada por banda esquerda, deixou un balón en bandexa para Dani Pedrosa, que logrou o seu primeiro tanto coa camiseta do Racing. Non quixo ser menos Santi Gegunde, que tan só cinco minutos despois fixo o segundo tras definir ben ante Paco. Nese tramo de partido Dani Pedrosa e Santi Gegunda volveron tola á defensa do As Pontes. O terceiro tanto foi obra de Make ao culminar unha boa acción entre López e Jose Varela. Antes do descanso, Santi Gegunde puido marcar o cuarto, pero desta volta Paco gañoulle a partida. Dos visitantes en ataque na primeira metade tan só unha falta que botou Vilela. Logo do paso por vestiarios, Pedrosa gozou doutra boa ocasión para ampliar diferencias pero o seu disparo bateu no pao. Pouco despois, o ribadense serviu un bo balón para o tanto dun Cuadrado que entrou no descanso e non desaproveitou a súa oportunidade. O quinto chegou pouco despois. De novo Cuadrado marcou, desta volta a pase de Ángel. A partir de aí o Racing baixou o ritmo e Simón Lamas moveu o banquiño. Rares, Marino e Anxo tiveron os seus primeiros minutos da temporada. O As Pontes logrou facer o gol da honra por medio de Álex Del Río, que marcou logo de aproveitar un rexeite á saída dun córner. Javi Rumbo, que ocupou a portería do conxunto vilalbés, realizou un par de paradas de mérito no tramo final a lanzamentos de Gonzalo e Rubén Pardo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)