- O PM Friol segue sumando para manterse nos primeiros postos da clasificación e o seu filial consegue a primeira vitoria da tempada
- O Lugo volve tropezar e encadena a segunda derrota consecutiva mentres que o filial faña cun resultado avultado
- A SD Antas e Jenny seguen sumando. Porén, a SD Chantada firma un partido para esquecer
- Debut con derrota para o Carballedo, Comercial e Milagrosa cae na súa estrea ligueira
- O San Lázaro e Monte Forte comezan cos tres puntos
O PM Friol segue sumando pese a non facer o seu mellor partido. As friolesas non entraron ben no partido aínda que co paso dos minutos conseguiron irse atopando máis cómodas e mellorar no seu xogo.
O gol chegaría cun disparo dende fóra da área, pegado á banda, co que o balón entrou na portería rival rozando o segundo pau, polo que deixou á porteira do Victoria sen prácticamente nada que facer.
Mais as xogadoras do Victoria non baixaron os brazos. Cunha acción a balón parado empataron o encontro grazas a un bo disparo de falta directa.
O partido estaba igualado, aínda que o Friol dominaba o apartado da posesión. Pola súa banda, o Victoria apostaba por un xogo máis directo e rápido. Aínda así, non se daban demasiadas chegadas a portería nin ocasións, senón que o groso do partido estaba preto do círculo de mediocampo.
As friolesas caeron no xogo proposto polo Victoria. Aínda así, as amarelas conseguiron facer o segundo gol recuperando un balón grazas á presión alta exercida sobre a porteira, que coa perda da bola nunha posición letal, non tivo nada que facer para evitar o 1-2 definitivo para as friolesas.
O PM Friol suma xa doce puntos que as colocan na cuarta posición da táboa, adiantando ao Sardoma e Bovedana.
Segue a mala xeria do Lugo
O CD Lugo encadeou esta fin de semana a súa segunda derrota consecutiva. Aínda que as luguesas comezaron moi ben o partido, con tres ocasións moi claras e poñéndose por diante no marcador na primeira hora, non puideron gañar.
As albivermellas gozaron do dominio e das ocasións, pero non foron quen de aproveitalos para resolver o encontro. As dúbidas comezaron a asolagar ás luguesas e os erros lastraron moito ó equipo e que lle daba as rendas do partido ó Victoria.
Na segunda parte, as xogadoras que entraron de recambio devolveron o ímpetu que o equipo precisaba para meter ó Lugo no partido. Pero o tempo e limitado e, ás albivermellas faltáronlles minutos para poder acadar finalmente o empate.
O PM Friol B consegue a súa primeira e merecida vitoria
Dous equipos moi parellos na clasificación atopábanse fronte a fronte. O filial do PM Friol e a Cultural Maniños víanse as caras.
O PM Friol comezou o partido plantexando o seu xogo, cun posicionamento moi adiantado e cun obxectivo claro: a vitoria si ou si. Porén, coa posición adiantada do Friol a Cultural tentaba xogar ás costas con accións rápidas nas que poder facerlles dano. En tan só dous minutos as friolesas encaixaron deste xeito o gol en contra, obra de Lore.
Tras ese baixón anímico o equipo foise recompoñendo ata que Lidia marcou, tamén nun gol moi tempraneiro, o empate 1-1 cun disparo de falta. A partires de aí o PM Friol B puido dominar máis o balón, aínda que pecaba de certa precipitación nas posesións.
O gol da remontada chega dun balón que colle ás costas Alba e o PM Friol marcaba o tanto que as levaba ó descanso con vantaxe e cunha situación máis cómoda.
Mais o ímpetu do equipo rival fixo que nunha xogada moi rápida á volta dos vestiarios se puxeran co 2-2 no luminoso grazas a unha boa transición das xogadoras da Cultural.
O definitivo 3-2 chegou da man de Noelia, que lle deron os tres primeiros puntos ás friolesas na Liga e un sopro de aire fresco despois dun mal comezo de tempada.
Vitoria folgada para o filial do Lugo
O Lugo B vence con claridade ó Sporting Meicende cun 7-0 no luminoso.
O equipo fixo un partido coral, as xogadoras luguesas amosaron calidade, paciencia e bo xogo de balón ó tempo que capacidade para exercer unha boa e intensa presión cando tocaba.
«O equipo deu un paso adiante aínda que temos que seguir mellorando moitos aspectos, coma o do posicionamento. Pero estamos no camiño que queremos seguir», declara Bargados para FutbolinLugo.
Os goles do Lugo chegaron por parte de Ainara (4′ e 67′), Claudio Castro (33′ e 63′), Xiana (81′), Valcarcel (82′) e Iria (87′).
A SD Antas e os goles de Jenny volven gañar
Vitoria traballada dunha SD Antas que foi medrando co paso dos minutos. No comezo do partido o Touro tivo varias chegadas á meta defendida por Ángela, pero co avance do encontro a SD Antas sentíase cada vez máis cómoda e comezaba a crear perigo.
Xa na segunda parte, un balón rexeitado no borde da área cazábao Nuria, que aproveitaba para pór o 0-1 no marcador.
O Touro botouse ó asedio da área das seoanesas buscando o tanto do empate, pero as xogadoras dirixidas por Dani Abelairas mantiñan unha liña defensiva sólida e con ideas moi claras. Partindo desa base chegou o 0-2 das botas -para sorpresa de ninguén- de Jenny.
Partido de fin de semana, partido de cita co gol de Jenny, que tras recibir o balón amagou co golpeo para superar a súa marca e logo cruzar o balón ó fondo da rede para aumentar a vantaxe no marcador e firmar o resultado definitivo. Nos 20′ restantes de partido a SD Antas pechouse ben atrás e conseguiu a vitoria e deixar a portería a 0.
Partido para esquecer da SD Chantada
A SD Chantada desprazábase a Ourense coas importantes baixas das xemelgas Eva e Sara Piñeiro, e tamén de Ángeles. O rival, ademais, é un dos equipos duros da competición, o EFF Rosalía, cunha velocidade de xogo letal. O primeiro gol chegou despois dun erro colectivo das chantadesas que minou unha moral que xa non conseguiron levantar co 9-0 final.
Pouco máis queda para as xogadoras dirixidas por Nieves que pensar no seguinte partido, no Sangoñedo, ante a SD Xuventú Aguiño.
Domingo de goles para o Monte Forte
O Luis Bodegas lucía un 6-1 no luminoso ao pitido final do encontro. O equipo monfortino dominou o encontro de principio a fin, concentradas dende o comezo.
Xa no minuto 7′ adiantábase o equipo local cun gol de Carla Vázquez, pero tan só uns instantes despois, no 16′, Carla Lema marcaba para o Trazo e poñía as táboas no marcador.
As monfortinas reaccionaron axiña. Tres minutos despois, no 19′, sería Noa Da Rocha a que marcaría o 2-1 e xa no 21′ Carla Vázquez volvía atopar porta para pór o 3-1 co que chegaron ó descanso.
Tras o paso polos vestiarios Laura Correas uniuse á festa dos goles no Luis Bodegas para pór o 4-1 no 47′. Un penalti a favor das de Monforte deu a Noa Da Rocha o seu segundo tanto no encontro. O terceiro gol de Noa pechou o marcador no encontro no 74′, cun triunfo e partido de gala no comezo da tempada ligueira das xogadoras do Monte Forte.
O San Lázaro gaña pola mínima no Rodríguez Lago
O encontro de inicio de liga entre o San Lázaro e a SCD Milagrosa caeu do lado das locais pola mínima: 1-0.
Os dous equipos chegaban a ese encontro case sen preparación, sen desputar apenas partidos de pretempada e con moitas caras novas en ambos cadros.
O San Lázaro comezou o encontro bastante descolocado, sen dominio do balón e incómodas. Pouco a pouco foron asentándose aínda que a circulación do balón seguía bastante atascada e as xogadoras de arriba apenas recibían balóns.
O único gol do partido chegaría no minuto 37′ despois dun tiro de falta de Mireia que a porteira da Milagrosa non consegue parar nunha xogada bastante desafortunada.
O partido estivo moi igualado. A segunda metade desequilibrouse máis a favor das xogadoras do San Lázaro despois da expulsión do adestrador da Milagrosa, Felipe; sen o cal as xogadoras visitantes quedaron máis perdidas e incómodas. Así, o San Lázaro tivo algunhas ocasións máis. Porén, co marcador a favor as xogadoras locais relaxáronse e non foron quen de aumentar a súa vantaxe pese ás dificultades que presentaba a Milagrosa.
Comezo con derrota para o Carballedo
A primeira parte foi un auténtico ‘ti a ti’, con dous equipos moi parellos. O Carballedo tivo un par de ocasións nos primeiros instantes do partido para pórse por diante no marcador, pero que non puido aproveitar.
Xa na segunda parte, nunha xogada polémica na que Chusa, a porteira do Carballedo, ten un balón blocado pero unha xogadora do Santiso bate contra ela e derriba a Chusa, que perde o balón e remata por entrar na portería poñendo o 1-0 no luminoso.
Co resultado en contra as xogadoras adestradas por Sementa tentaron ir a polo partido con todo, lanzándose ó ataque e adiantando liñas. Unha decisión valente pero arriscada que acabou por condenar ó Carballedo xa que, nunha contra, o Santiso anotou de novo por medio de Elvira Mazas, que firmou un doblete e o resultado definitivo para as locais.
Derrota contundente da Comercial
As de Vicky comezaron o partido competindo, cunha boa primeira parte na que o quipo era competitivo. Porén, o gol tempraneiro das de Vila de Cruces por medio de Nerea Gamallo e xusto antes de irse ó descanso, con outro de Candela González, deixaba o partido moi tocado.
As lesións condicionaron á Comercial, que na segunda parte encaixou catro goles, un en propia meta, para pechar o encontro co 6-0 desfavorable.