#Fútbol afeccionado #Feminino

PM Friol B e San Lázaro, liderado compartido

Nove puntos de nove posibles. Esa é a bagaxe dos dous líderes da Segunda Galicia, ambos lucenses. O PM Friol B e o San Lázaro comparten a cabeza da táboa despois de sumar tres triunfos noutros tantos encontros.

O conxunto de Santi Vieitez volveu gañar nun derbi. E volveu golear. Esta vez a un Carballedo que deixou boa imaxe na Reigosa. O PM Friol B deixou o duelo encarrilado co 3-0 antes do descanso. E sentenciou na reanudación, coa porteira Nuria Meijide selando o seu dobrete particular (volveu a xogar fóra dos tres paus). Ana Lamas fixo o gol da honra para as de Adrián Rodríguez.

Pola súa parte, o San Lázaro, impúxose no derbi capitalino ante á Milagrosa. As de Luchi dominaron todas as fases do xogo e do partido. Porén non materializaron a súa superioridade en goles ata o cuarto de hora final, cos tantos de Wanessa e Eukene.

E os colíderes ven como Monte Forte e Chantada lles seguen os pasos moi de cerca. Ambos conxuntos deixaron os seus primeiros puntos nesta última data, asinando sendos empates a un gol. O cadro de Perry asinou un traballado punto ante o último campión. O Santiso puxo en serios apretos ás monfortinas e adiantouse no marcador na primeira metade. Sara Mougán aproveitou, nunha contra, para facer o definitivo 1-1 nun dos momentos de inspiración do Monte Forte. As do Luis Bodegas aguantaron o empate con uñas e dentes para certificar que van moi en serio nesta Liga.



O Chantada non logrou volver co triunfo de Montirón. As rapazas de Gorry atopáronse cun San Roque moi completo e no que debutou Paula, ex do Antas. Cada equipo tivo o seu momento no partido. O Chantada exhibiu o seu potencial a balón parado nunha primeira metade na que marcou Tania Gómez. Tralo paso pola zona de vestiarios, as de Quiroga dispuxeron de ocasións suficientes para levar máis premio sobre un céspede artificial cheo de auga. Sofía Lage igualou de novo a contenda tras unha boa acción individual.

Wane abriu a lata para o San Lázaro no derbi capitalino

Ademais, a Comercial pecou de falta de actitude e deixou fuxir o triunfo das Gándaras na media hora final. De pouco serviu o dobrete de Natalia no primeiro cuarto de hora. As de Vivian Dors pechan a clasificación e atópanse aínda sen puntuar na competición.

O LUGO SEGUE O SEU PULSO PARTICULAR CO SÁRDOMA B

O CD Lugo mantense na loita polo liderado cun Sárdoma B que tampouco da o seu brazo a torcer esta xornada. As de Joaquín comparten o liderado con 16 puntos coas pontevedresas despois de superar ao Mos B nun encontro que só tivo o color albivermello. A posesión, o control e as ocasións foron sempre para un Lugo pouco atinado. Aínda así, o bo exercicio defensivo e os goles de Ana e Candela, de falta directa, deixaron o triunfo na Cheda.



No extremo contrario, o Antas mantense na última posición da táboa despois de sufrir unha nova goleada ante o Bergantiños. O doloroso da derrota non empaña a melloría das do Castro Seoane, que se enfrontaron a un dos galos da categoría sen porteira e con só sete das xogadoras veteranas.

RESULTADOS DA XORNADA

Nuria Meijide, dous goles máis para a porteira do PM Friol B

Fundación Osasuna B 4-3 PM Friol

CD Lugo 2-0 Mos B

Antas 1-9 Bergantiños

San Lázaro 2-0 Milagrosa



San Roque 1-1 Chantada

PM Friol B 4-1 Carballedo

Monte Forte 1-1 Santiso

Comercial 2-3 EF Silleda

O PM FRIOL REGRESA DE BALEIRO DE PAMPLONA

O PM Friol non sae da zona baixa da táboa unha semana máis. As de Covi mantéñense con cero puntos despois de sufrir unha nova derrota na súa visita ao Fundación Osasuna B. As ‘rojillas’ aproveitaron a mala posta en escena das lucenses para poñer o 2-0 no marcador antes do ecuador da primeira metade. O cadro da Reigosa reaccionou e igualou con dous goles xusto antes do descanso, un deles co sabor lucense de Nerea Lombardero. Na reanudación, o Osasuna B impuxo a súa lei ante un PM Friol que maquillou o resultado cun tanto de Ali.

PM Friol B e San Lázaro, liderado compartido

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 6

PM Friol B e San Lázaro, liderado compartido

O cabaleiro de Seixosmil e os sesenta

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *