A Federación Galega de Fútbol anunciou o pasado sábado, unha vez pechado o plazo, os equipos inscritos nas competicións de ámbito autonómico: Preferente e Primeira Autonómica. Quedan pendentes as inscripcións na Segunda e Terceira Autonómica, competicións que comezarán previsiblemente máis tarde.
Como era previsible, agás que puidera haber algunha sorpresa de última hora, a participación será masiva e os nosos representantes inscribíronse na súa totalidade. Tan só o Viana, conxunto ourensán de Primeira Autonómica non formalizou o seu rexistro e non competirá a vindeira temporada.
Na Preferente Norte contaremos coa participación de 25 equipos, dos cales sete serán lucenses: Atlético Escairón, C.D. Foz, Club Lemos, Ribadeo F.C., S.D.C. Residencia, S.D. Santaballés e S.D. Sarriana.
Agás o Escairón, que rexeitou a súa participación, o resto dos equipos participaron da competición exprés organizada pola Futgal, sendo a Sarriana o equipo que estivo máis preto de acadar o ascenso a Terceira, gozando de posibilidades ata a derradeira xornada.
Ademáis dos sete equipos da nosa provincia, a competición conta con outros dezaoito conxuntos, todos eles da provincia da Coruña (Victoria, Betanzos, San Tirso, Montañeros, Arteixo, Laracha, Paiosaco, As Pontes, Mugardos, Dubra, Sigüeiro, O Pino, Fisterra, Xallas, Boiro, Puebla, Estudiantil e Boimorto).
No grupo lucense da Primeira Autonómica inscribíronse un total de 20 equipos. Ningún deles compite desde a paralización das competicións en marzo de 2020 por mor da pandemia da Covid-19, ao rexeitar de xeito masivo a súa participación na última temporada.
Os conxuntos que participarán son: Pol, Chantada, Monterroso, Riotorto, Outeiro de Rei, Burela, Guntín, Taboada, Xove Lago, Chantada Atlético, Folgueiro, Castro, Pastoricense, San Roque, Friol, Lourenzá, Alfoz, Sporting Pontenova, San Lázaro e Portomarín.
Polo momento non se deu a coñecer o formato de competición de xeito oficial, aínda que todo apunta a que tanto o grupo norte da Preferente como o grupo lucense de Primeira Autonómica se dividirán en dous subgrupos que contarían cun sistema de competición semellante ao da Terceira División da última temporada.