«Galicia perde 30 habitantes ao día«, con ese debastador dato abrían os xornais a pasada semana facendo fincapé no progresivo avellentamento da nosa poboación, sen dúbida un dos grandes problemas aos que se enfronta a nosa sociedade. Do mesmo xeito podemos falar do avellentamento que sofre ano tras ano o noso fútbol provincial e que en moitas ocasións pon en risco a supervivencia de moitos clubes da nosa xeografía.
Cada luns podemos ler no xornal as aliñacións dos diferentes equipos das nosas ligas rexionais plagadas de «mitos» que ano tras ano se prometen que esta será a última tempada, e que ano tras ano rematan adicando as súas fins de semana a percorrer as estradas da nosa provincia por 90 minutos de ese deporte que tantas alegrías lles leva dado.
Ao mesmo tempo e neses mesmos clubes ano tras ano decenas de xuvenís colgan as súas botas sen case estrenalas, xeración tras xeración das que con sorte van quedando algúns poucos rapaces para dar completado os equipos e que os de toda a vida poidan seguir desfrutando da súa paixón.

Esta tendencia vai repercutir na vida dos clubes e dificulta a xa de por si complexa tarefa dos dirixentes e adestradores do fútbol afeccionado. Para uns cada ano resulta tarefa máis complicada garantir a supervivencia do clube, para os outros adestrar convértese nun desexo máis que nunha obriga, xa que co paso dos anos multiplícanse as obrigas e redúcense as posibilidades de adestrar con certa regularidade.


Os motivos deste abandono precoz? Opinións para tódolos gustos… «aos rapaces de agora non lles gusta o fútbol…» «prefiren o ordenador…» «empezan coa festa moi novos…» «tanto campo de herba artificial…» seguramente unha mestura de todo, ou simplemente que a sociedade cambia e o fútbol tamén, pero dun ou doutro xeito queden tranquilos, a ilusión que un anaco de coiro con forma de circunferencia provoca nun neno de catro anos semella unha das poucas cousas que non muda co paso do tempo. Ah! E sirva este artigo para animar a todos os veteráns a continuar un ano máis coa súa «última tempada«.
Miguel Rego, mestre e adestrador de gran futuro.
