Despois de moito pensar sobre que falar nestas liñas, cheguei a conclusión de que tiña que ser o que penso que é máis importante no fútbol: a base. O fútbol base é posiblemente a mellor etapa que un pode pasar como futbolista, onde realmente desfrutas do que fas sen pensar máis lonxe do próximo partido.
Tiven a sorte de desfrutar moitos anos, dende prebenxamín ata xuvenil, de innumerables adestramentos e partidos, percorrer toda Galicia de norte a sur e inclusive saír da comunidade e do país, enfrontándome a verdadeiros equipazos e vendo cómo traballan o fútbol base ditos equipos. De todo isto, un quedase cas amizades que fai, sen dúbida o máis bonito do fútbol. Pero tamén un se queda con todos os aspectos da aprendizaxe deportiva que cada adestrador foi capaz de inculcar. E cando digo APRENDIZAXE DEPORTIVA non estou a falar unicamente do aspecto futbolístico, senón tamén do persoal e do humano.

Por desgraza, non é difícil nestes tempos atopar situacións desagradables dentro dos recintos deportivos, que poñen en dúbida o verdadeiro fin deste deporte. Cando me refiro a estas situacións desagradables seguro que a todos se vos veñen a cabeza, insultos, ameazas, patadas antideportivas e incluso se ides máis lonxe, pelexas entre xogadores ou entre afeccionados. Todo o mundo denuncia estas actitudes, e todos estamos de acordo en que para nada teñen que ver co fútbol, pero en realidade poucos se paran a pensar que estes problemas non resultan así porque sí en medio dun partido, senón que veñen dados por unha mala educación e unha mala formación nas idades máis temperás.
Outros casos que tamén me chaman a atención son os desas persoas que pensan que por levar un neceser e uns cascos máis grandes ca bolsa da roupa do partido van xogar mellor, ou eses outros que se dedican a dar ordes e berrar durante o partido como si él fose o adestrador ou tamén eses ‘compañeiros’ que queren xogalo todo e non respectan as decisións do adestrador. En fin, innumerables casos coma estes, que seguro que vos ten coincidido ver algunha vez. De verdade que é iso o que están a aprender nas escolas deportivas?



Entón… cal é a solución para evitar éstos problemas? Pois ben sinxela, formar persoas ademais de futbolistas. Ese é o verdadeiro traballo que deben ter os adestradores do fútbol base. Ademais de traballar os conceptos máis básicos do fútbol como golpear o balón ou facer un control, deben ter a obriga de educar dende pequenos a boas persoas para que nun futuro poida haber mellores profesionais neste deporte. Baixo o meu criterio, é tan importante iso como o meramente futbolístico. Investir na base é necesario para que o día de mañá non nos atopemos ante estas circunstancias anteriormente citadas ou algunhas similares. Iso non é fútbol. As grandes canteiras futbolísticas nacionais e internacionais deberían dar máis exemplo do que o fan, posto que son o espello onde os máis novos se queren ver reflexados.
E ata aquí creo que chegou a miña humilde opinión sobre o fútbol formativo. O meu máis sincero agradecemento a todos eses adestradores e compañeiros dos que desfrutei e que me ensinaron a amar este deporte.

Andrés Bustelo. Xogador do Xove Lago e apaixoado do noso fútbol