#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Pablo Vivero: «O importante é o club, o resto somos pasaxeiros»

Pensabamos que iamos termar outro ano sen facernos maiores. O verán xa esmorecía e todo parecía que seguía igual. Aqueles futbolistas cos que moitas xeracións da provincia medraron deran o si quero a seguir un ano máis. Aínda así, a sensación dos últimos días de sol poñía en dúbida se realmente rematara o tempo estival. Pablo Vivero (6-12-1979, Gontán – Abadín) fíxolle honra ao cambio climático e puxo fin en outono a súa carreira futbolística, ou que é o mesmo, a súa carreira racinguista no Vilalbés. Apéase camiño da súa vixésima terceira temporada e a súa intención era facelo sen ruido, sen que ninguén se enterara. Menos mal que está o xornalismo para contalo. Marcha o home de club, queda o referente.

FUTBOLINLUGO: Fin a 23 anos e nós sen sabelo…

PABLO VIVERO: Hai tres semanas que non estou no grupo. Iso non se ía saber porque o club non ía sacar ningún comunicado. El Progreso da man de María Roca enterouse e estaba obrigado a publicalo. Aí decidimos comunicalo nós tamén. Se non se soubera, non habería nada disto. Pablo desaparecería das convocatorias, dos adestramentos e a xente esqueceríase. Que era o que eu quería.

FIL: É unha noticia que hai que contar, por que esa decisión?



PV: Ao final de temporada xa se diría. Isto do fútbol é moi efímero, hoxe estás e mañá non. A xente logo se esquece. Se non te ven nas convocatorias, algún preguntariase pero iría pasando. O importante ao final sempre é o club que o que leva case 90 anos de historia. O resto somos pasaxeiros.

«É unha liberación pechar unha etapa»

O Vilalbés – Boiro foi o último encontro que xogou Vivero na Madalena. Na seguinte xornada participou fronte ao Choco fóra da casa

FIL: Agora que xa se sabe, as redes sociais son un fervedoiro de boas palabras cara ti, que sensacións tes nestes momentos?



PV: De orgullo. Recibir tantas mostras de cariño e recoñecemento a humilde traxectoria de un tamén che gusta. Significa que algo polo menos fixeches ben. No aspecto deportivo é unha liberación pechar unha etapa. Non son sentimentalista niso.

FIL: O aspecto laboral é o único motivo para deixalo?

PV: Basicamente é unha incompatibilidade laboral. Xa levo uns meses así, pero é un esforzo que chega un momento que non me compensa. É mellor apartarse e dicir «ata aquí cheguei que xa non estivo mal».

FIL: Imaxinabas que a despedida fose así?

PV: Cando está preto a retirada sempre pensas que vai ser dunha forma determinada, pero ás veces as circunstancias particulares cambian a túa forma de velo. As cousas ían ir a peor coa chegada do inverno entón, canto antes tiña que ser mellor.



«Creo que o momento idóneo para deixalo era a temporada pasada»

Pablo Vivero vén de vivir a mellor temporada co Vilalbés a nivel colectivo ao chegar a segunda fase de ascenso á Segunda B

FIL: Que foi o que te fixo decidirte no verán a seguir un ano máis ?

PV: Algunha chamada de teléfono. Algún consello de que non era o momento idóneo para deixar o equipo despois dunha temporada así, de tantas marchas de xente importante de peso e de que o cadro de xogadores fora tan novo. Sentinme un pouco responsabilizado en que polo menos houbese unha cabeza que fixese de «máis maior» para dar outros puntos de vista. Creo que o momento idóneo para deixalo era a tempada pasada.

FIL: Coincide a túa marcha cun mal inicio do equipo neste curso, cales cres que poden ser os motivos da situación actual? Os cambios son tan grandes con respecto ao ano pasado?

PV: O equipo está buscando a identidade que aínda non atopou. Os resultados non están acompañando. Cada adestrador ten a súa maneira de velo fútbol e darlle o seu toque. O equipo aínda non asimilou a idea. A forma de traballar é distinta. Despois de catro anos seguindo unha mesma rutina, calquera cambio pequeno parece moi grande. Aínda así, o Racing leva uns anos, xa antes de Óscar, que ten unha filosofía de xogo e é moi difícil cambiala.

FIL: O de deixar o fútbol é definitivo?

PV: Unha pachanga de vez en cando si, pero nada de competir. Vou reciclar un pouco a acabeza, dedicarme a outras cousas e a outros deportes que tamén me ilusionan.

«Como adestrador non me vexo»

FIL: Nin como adestrador?

PV: Gústame cando estou no campo colocar ou dar algunha indicación, pero como adestrador non me vexo.

FIL: Pero…, seguirás indo pola Madalena?

PV: O Racing é o equipo da miña vida. O meu fillo xa xoga nas categorías inferiores. Non o podes esquecer nin deixalo de lado así como así. Ao mellor ao principio intentas poñer algo máis de distancia para non ter ningún tipo de recordo, pero vou estar aquí para o que queira o Racing.

FIL: Cres que existe alguén que poida herdar esa carreira futbolística única no Vilalbés ou xa é moi complicado nos tempos de hoxe no fútbol?

PV: Dicíallo por redes sociais. Vérez é un xogador que me recorda en moitas cousas a min. Sinte a camisola como o que máis e dentro do campo ten ese «ADN vilalbés» que moita xente non sabe o que é, pero o que viviu o Racing si. Se alguén o pode facer e se algúen me gustaría que o fixera é el.

FIL: Son moitas as experiencias en tantos anos, pero o curso pasado foi especial para ti, que supuxo?

PV: Primeiro, pechar cousas do pasado que tiñamos aí pendentes como fora a da primeira fase de ascenso. Por outro lado, confirmar que un móllase en moitas cousas que cre que son xustas e benefician ao equipo a pesar de que outra xente non o tome así, e ao final ver que tes razón. Éncheme de orgullo que fixeramos a mellor temporada da historia o ano pasado.

Pablo Vivero: «O importante é o club, o resto somos pasaxeiros»

O partido en imaxes: Cazás 1-0 Lugo

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *