#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Os sobranceiros da Terceira na quinta xornada da 2ª fase

Vaise asentando a competición e paulatinamente poñendo en orde os partidos adiados nas últimas xornadas polo estados dos campos. Esta semana púxose ao día o Corgo empatando ante o Fonsagrada, aínda que ao conxunto fonsagradino quédalle un enfrontamento pendente co Sober. Nunha xornada na que o Goiriz mantense na cabeza da clasificación na fase polo ascenso e na que hai cambios nos primeiros postos dun Trofeo Delegación de Lugo no que lles tocou descanso ao Friol B e ao Río Sil. De novo será unha semana con premio para os máis sobranceiros.



Na fase polo ascenso, o Goiriz mantense no primeiro posto ao derrotar no derbi interparroquial vilalbés ao Catro Roldas pola mínima. Segundo é o Corgo que sumou catro puntos nos últimos días. Primeiro venceu a domicilio ante o Cervo. Chave foi a entrada de Álex Fernández na segunda metade que remontou o partido con dous goles, o primeiro deles logo dun bo disparo dende a media lúa da área. O martes de entroido colleitou un punto no encontro ante o Fonsgrada disputado en Cospeito (adiado o seu día por mor da neve e tivo que trasladarse a terras chairegas pola mesma causa).

Terceiro é o Incio que, logo de dúas derrotas consecutivas, volveu ó camiño da vitoria diante do Sober nun partido no que se puido adiantar calquera dos dous equipos. Un dos protagonistas foi Álex Torres que deu un pase de gol e marcou o da vitoria nun bo lanzamento de falta directa. Na mesma xeira viña a Comercial que venceu á Fonsagrada. Nestes momentos completa os cinco primeiros postos o Catro Roldas e non ascenderían á Segunda Galicia: Cervo, Sober e Fonsagrada (os dous últimos teñen aínda un partido menos que foi adiado).

No Trofeo Delegación de Lugo, no grupo norte, o Muimenta aproveitou a xornada de descanso do filial do Friol para colocarse na primeira praza. O conxunto adestrado por Basi superou ao Celta Barreiros e suma pleno de triunfos nos catro encontros que xogou. A goleada da xornada estivo en Viveiro, onde o Celeiro conseguiu a súa primeira vitoria logo de vencer con claridade ao Rioaveso. Teso con dous goles e un pase de gol foi un dos protagonistas do choque, xunto con Martín Prado que anotou o mellor tanto. Outro que gañou por primeira vez nesta fase foi o Rábade, a domicilio diante dun Cazás no que Javi Guizán marcou o golazo de chilena que non lle serviu de moito ao seu equipo. No lado visitante, Alfonso foi un dos máis destacados xunto co primeiro gol de Diego.



No grupo sur, o Paradela recuperou o liderado do grupo (a pesar de ter un partido menos por disputar ante o FC Becerreá) ao sumar o seu terceiro triunfo diante do Laxosa aínda quedando con dez. Gran papel de Víctor que primeiro marcou un gol e despois tivo que quedar de porteiro pola expulsión do seu compañeiro. Segundo, a dous puntos, está agora o Quiroga que se viu superado polo Relámpago Taboada e os tres goles que marcou Luis Rojo. Un partido que se disputou no campo da Raña en Rodeiro (Pontevedra) lembrando vellos tempos no que os equipos de Lugo xogaban en campos de fóra da provincia na Liga da Montaña. Terceiro é o Guntín que venceu a domicilio ao FC Becerreá nun partido que os locais chegaron a empatar a falta dun cuarto de hora para o final, pero non puideron co empuxe final do Guntín cun gran papel de Ouali que entrou no tramo final.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *