Os sobranceiros da Terceira na 11ª xornada

O Muimenta e o Quiroga son os campións de inverno da Terceira Rexional 2018/2019, categoría un pouco descabellada no grupo sur pola desorde de encontros debido as baixas antes do inicio de tempada do FC Becerreá e do Laxosa. Non obstante, agora todos os equipos rematan o ano en igualdade de condicións en canto a número de encontros xogados se refire, 9. Na última xornada do ano, destacou a vitoria do Alfoz no duelo directo co Fonsagrada ou a do Rioaveso ante o Celta Barreiros. No sur, o Quiroga volveu ao liderado logo de que o Paradela perderá goleado ante o filial do Taboada.

No norte, o Muimenta rematou unha primeira volta case perfecta; 30 puntos e só unha derrota co que mantén unha marxe de seis puntos sobre o segundo e oito sobre a terceira praza. A última vitoria logrouna por goleada no Pichón ante o Celeiro. Os fallos en defensa pasáronlle factura ao equipo viveirense que se refixo na segunda metade e no que Ángel reactivou o centro do campo. Pola súa banda, o Alfoz mantén o posto de ascenso ao derrotar nun duelo directo ao Fonsagrada. Valea e Sousa lideraron ao cadro adestrado por casal fronte a un conxunto fonsagradino no que destacou Javi Regueiro, aínda que o equipo mellorou en xeral na segunda metade cando xa ían por detrás no marcador. A pesar das dúas ultimas derrotas, mantéñense en postos de promoción de ascenso.

Esas posicións afianzáronas o Matela e a Milagrosa. O cadro de Outeiro venceu ao Cazás no Catro Ventos, aínda que inquietados polo xogo a balón parado do conxunto xermadino que só lles permitiu sentenciar ao final. O porteiro Álex realizou unha gran intervención e o central Manu abriu o marcador. A Mila estreou camisolas e venceu ao outro equipo que ocupa postos de ascenso, o Catro Roldas. Ao cadro de Román non lle chegou co dobrete de Diego. No resto da xornada destacou o triunfo en Paraños do Rioaveso pola mínima ante un Celta Barreiros que queda a catro puntos da promoción. Ademais, o Friol B venceu ao Lugo Unión logo de cinco xornadas perdendo. Santi Carballido e Adrián foron os sobranceiros do filial friolés.

No grupo sur, o Quiroga lidera a categoría polo diferencial de goles positivo con respecto ao Paradela. O conxunto quirogués venceu ao Sober cun gran Marquiños baixo paus, a pesar de atoparse fóra da súa habitual posición de lateral. Nun campo moi pesado tamén destacou o traballo de Hugo. O Paradela marcha de vacacións como colíder ao perder na ponte festiva de decembro o seu encontro adiantado ante o Taboada B. O equipo taboadense amosou a súa superioridade tendo a disposición algúns dos xogadores sub 23 que xogan no primeiro equipo e tamén os xuvenís Gabri e Dieguito que destacaron marcando cadanseu dobrete.

A tres puntos do ascenso directo queda o Castroverde que volveu ao camiño da vitoria despois de dúas xornadas sen conseguila ante o filial do Lemos. Carlos e Marcos Gemelo volveron ser do máis sobranceiros na Veiga do Olmo. A mesma distancia do líder queda o Antas que descansou esta xornada ao igual ca o Relámpago Taboada. Os postos de promoción complétanos o Río Sil e o Sober. Os pupilos adestrados por Juan Diéguez empataron ante o Rubián nun partido que rematou en igualada a tres goles. Lobios, que rematou expulsado, foi un dos máis destacados; mentres ca no Rubián, Javi e Iago guiaron un empate que conseguiu este último cun bo gol.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario