O Casás e o Rubián foron os dous equipos da Terceira Galicia que eliminaron a dous conxuntos da Segunda nos dezaseisavos de final da Copa Deputación 2024. O Casás superou ao Roupar e o Rubián ao Ferreira. Sobresaíu Cristian no Casás e Casillas no Rubián. Ademais Rocky foi clave na vitoria da Candelaria e é o máximo goleador da competición.
Oitavos de final (en Semana Santa)
- Iberia – Muimenta
- Casás – Comercial
- Piringalla – Racing Villalbés B
- Candelaria – Xermade
- San Roque – Becerreá
- Brollón – Antas
- O Páramo – Friol
- Rubián – Paradela
O Muimenta atopa un bálsamo na Copa
O Muimenta gañou o seu primeiro partido da era Álex Vázquez no banco. Foi no Pichón, pola mínima e ante o Sporting Pontenova (1-0); precisamente o seu anterior rival na liga co que empatara na Mina (3-3).
Ambos equipos xogaban a súa primeira eliminatoria de Copa ao quedar exentos da anterior. O cadro celeste adiantouse moi cedo. Por medio dun córner, Dani Francos puxo por diante aos seus.
O encontro estivo igualado, aínda que o cadro visitante si levou o dominio do balón na maior parte do encontro. Faltoulle concretar ocasións nos últimos metros. O Muimenta tentouno ao contragolpe. Non houbo excesivas oportunidades de perigo e os locais contiveron ben ao rival.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Muimenta visitará nos oitavos o campo das Valgas para xogar co Iberia. O cadro de San Miguel de Reinante tamén superou pola mínima ao Cabreiros (1-0). É a primeira derrota dende que Isaac Rouco dirixe ao cadro xermadés. Precisamente o técnico vilalbés estrearase no partido de Copa da primeira rolda.
Non foi unha eliminatoria doada para o Iberia. Aínda que si se puxo por diante no marcador na primeira parte. Franchi volveu amosar unha vez máis o seu bo estado de cara o gol e anotou o único tanto do partido. Os locais tiveron algunha acción máis para marcar por medio de Dani Prieto ou de Pisco.
No segundo tempo, o Cabreiros tentouno e estivo perto de igualar o partido. Gozou de varios achegamentos principalmente a través do balón parado, pero o empate non chegaría.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![abogados máxicos](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/WhatsApp-Image-2024-01-05-at-10.12.31.jpeg)
Casás e Comercial, duelo capitalino nos oitavos
O Casás entrou con forza na Copa, logo de estar exento de xogar a primeira eliminatoria. O equipo lucense venceu con contundencia no resultado ao Roupar (4-0), equipo da Segunda Rexional.
Os locais conseguiron marchar ao descanso con dous goles de vantaxe. Ferro e Guizán puxeron por diante aos seus. Baixou o ritmo no segundo tempo, pero o dominio foi local sen darlle opcións ao Roupar. O Casás ampliou as diferenzas cun dobrete de Cristian.
O Casás vivirá en oitavos un derbi da cidade de Lugo ante a Comercial. O conxunto preparado por Andrés Rodríguez tivo que botar man dos penaltis para superar na Veiga do Olmo ao Castroverde (0-0 / 2-4).
Foi un partido igualado. Ambos equipos tiveron ocasións para marcar sen necesidade de chegar a quenda de penaltis. A balanza desequilibrouse desde os once metros. Aí luciuse Joshua, como xa ten demostrado noutras ocasións. O porteiro da Comercial parou dúas penas máximas.
A Piringalla destrona ao Celta Barreiros
Vinte e cinco puntos separan na clasificación do grupo norte da Terceira á Piringalla do Celta Barreiros. Pero as eliminatorias a partido único son outro conto. O Celta Barreiros non puido continuar coa súa boa xeira tras conseguir xa o ascenso. Perdeu pola mínima co conxunto da capital lucense (0-1).
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Con todo, os locais si dominaron en varias fases o encontro e gozaron de ocasións para marcar. Pita, Hugo ou Nico puideron poñer por diante ao Celta Barreiros.
O infortunio estivo do lado local ao comezo da segunda metade. A través dun mal despexe marcan en propia. Pouco despois, a Piringalla quedou cun xogaor menos por expulsión. Pero iso non beneficiou aos celestes que non foron capaces de igualar o resultado.
Tras eliminar a dous conxuntos da Mariña (Alfoz e Celta Barreiros), a Piringalla recibirá en oitavos ao Racing Villalbés B. O filial racinguista superou no derbi vilalbés ao Catro Roldas en Román (0-2).
Os locais termaron ben na primeira metade xogando tamén co factor do campo. Santi obrigou a Pedro a unha boa estirada para evitar o gol. Con todo, xusto antes do tempo de lecer, Gabri marcaba para o filial. No segundo acto, puxo distancias o Racing co segundo a balón parado a través de Iago. Tentouse meter no partido o Catro Roldas e puido facelo por medio de Moha.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/02/WhatsApp-Image-2024-02-14-at-10.18.27.jpeg)
Rocky impide un derbi xermadés
O líder da táboa de goleadores da Copa leva o nome de Miguel Gomes Varela ‘Rocky’. O dianteiro da Candelaria marcou os catro goles do seu equipo no Catro Ventos ante o Cazás (1-4). Xunto cos 3 da primeira rolda, Rocky acumula sete tantos na competición.
No primeiro tempo foi cando se puxo por diante o club da Rúa. Rocky aproveitou un mal despexe da zaga local. Na segunda parte, a Candelaria serviuse da velocidade de Rocky para facer dano e ampliar distancias. No tramo final, un man a man supuxo o gol local.
A Candelaria impediu que houbera en oitavos un derbi xermadés. Porque o seu rival será o Xermade na Granda. Os pupilos adestrados por Borja Bouza superaron ao Pastoricense (0-0 / 5-4), líder da 2ª norte.
Iso si, non houbo goles nos 90 minutos e a eliminatoria resolveuse nos penaltis. O cadro da Pastoriza tivo máis a posesión e os locais agardaron o seu momento. De feito, o Xermade tivo boas oportunidades para marcar. Tamés os visitantes, a quen lles foi anulado un gol.
Ángel Prieto foi quen desnivelou a balanza. Parou o único penalti da quenda que non se marcou.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/02/SEGUNDA-NORTE-XORNADA-6-3.png)
San Roque e Becerreá, idéntico resultado para pasar aos oitavos
O San Roque e o Becerreá venceron nos seus cruces a domicilio por 2-3. O equipo preparado polo tándem Fernando Corredoira e Piru superou ao Río Sil na Carqueixa.
No primeiro tempo, o San Roque adiantouse grazas ao balón parado. No segundo acto, os visitantes lograron ampliar as diferenzas con dous goles máis. Con todo, os locais non se renderon e foron capaces de meterse no partido con dous tantos. Na recta final aínda dispuxeron dalgunha ocasión para empatar.
O Becerreá venceu ao Bóveda (2-3) nun encontro que tivo polémica co último tanto visitante. No partido en si predominou o xogo directo e estivo igualado. Os locais realizaron un gran encontro e estiveron sempre vivos.
O equipo da Segunda Rexional tirou do balón parado para marcar os tantos. Dende o cadro local aseguran que o gol decisivo debería ser anulado ao entender que non entra na portería de xeito legal.
![máxicos salvatierra abogados](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova.gif)
Brollón – Antas, o duelo máis parello na clasificación dos oitavos
O Brollón superou no duelo de proximidade ao Lemos B (2-3). Foi un encontro entretido e igualado que se disputou na Pinguela. Entraron ben os visitantes e marcaron por medio de Pablo Tourón. Non se veu abaixo o filial lemista que igualou mediado o primeiro acto. Antes do descanso, Isma anotou o 1-2.
No segundo tempo, o Lemos B volveu empatar. Foi por medio de Jorge Tourón (irmán de Pablo que tamén marcara antes para o Brollón). Todo parecía destinado a ir aos penaltis, pero unha xenialidade de Damián resolveu o partido en favor do Brollón.
Agora o conxunto dos Medos vivirá en oitavos un duelo de altura co Antas. Ambos equipos están pelexando por estar nos postos cabeceiros da Segunda Rexional grupo sur ao final da liga. O equipo da Ulloa venceu ao Quiroga (3-2).
Partido vibrante con ocasións e alternativas para os dous conxuntos. Primeiro marcou o Quiroga por medio de Sergio Pollo, logo empatou o Antas. No segundo tempo, o cadro verde volveu poñerse por diante. No tramo final Goleta marcou un dobrete co que lle deu a volta ao marcador para o Antas.
Cabe destacar tamén o gran esforzo de Mario, dianteiro xuvenil do Quiroga que lle botou unha man aos seus de porteiro ante as baixas. Fixo boas intervencións e un gran favor ao club.
O Friol remonta dous goles in extremis ante o Oural
Era o partidazo da rolda de dezaseisavos. Xogaban Friol e Oural, dous dos grandes dominadores da clasificación na Segunda Rexional no que vai de liga. O Friol avanza de eliminatoria ao gañar 3-2.
Ao descanso non había goles na Reigosa. No segundo tempo pasou de todo. O Oural errou dous penaltis (un deles parado por Alejo). Así e todo, o cadro visitante conseguiu marcar dous goles por medio de Cayuela e Michi. Máis tarde, o Friol deulle a volta ao marcador. Foi todo nos últimos intres en apenas sete minutos con balóns colgados á área.
O Páramo será o rival do Friol en oitavos. Superou no duelo de proximidade ao filial da Sarriana (0-3). Encontro desputado no que os visitantes xa marcaron dous goles antes do descanso. Primeiro José nunha boa xogada pola banda e logo Juan.
No segundo tempo, Hugo conseguiu marcar o tanto da sentencia. Tentouno o filial pero non foi capaz de marcar. Ademais do pase, no Páramo están moi contentos co regreso de Fontal aos terreos de xogo. Estivo máis un ano fóra por mor dunha grave lesión de xeonllo.
O Rubián supera a súa segunda quenda de penaltis
O Rubián eliminou ao Ferreira, equipo da Segunda (0-0 / 3-1) nos penaltis. Sen dúbida un dos grandes protagonistas do encontro foi o porteiro Casillas. Impediu que o Ferreira chegase a marcar nos 90 minutos e logo detivo dous penaltis na quenda.
O Rubián mellorou no segundo tempo, tras dominar o rival no primeiro acto. Acercouse a área contraria pero aínda así foi o Ferreira quen puido resolver antes do pitido final.
O rival do Rubián será o veciño Paradela. Os pupilos preparados por Rubén Bergantiños venceron ao filial do Chantada Atlético (0-3).
O Paradela foi dominador do partido. Marchou ao descanso cun 0-2 ao seu favor e a eliminatoria non perigou en ningún momento.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/02/SEGUNDA-NORTE-XORNADA-6-4-1.png)
Foto de portada: Roberto Carreira