O torneo por excelencia da primavera na provincia xa entra na fase dos oitavos de final, despois dunha segunda rolda que non volveu deixar indiferente a ninguén. Sorpresas, tandas de penaltis e protagonistas que permiten a 16 equipos do fútbol máis afeccionado seguir soñando unha semana máis con chegar a final e que quedan recollidos no once da xornada.
Na zona norte, unha das vitorias máis destacadas foi a do Matela diante do Lourenzá; aínda máis despois de que o enontro se puxese 0-3 a favor dos visitantes. Nos últimos minutos o equipo de Outeiro conseguiu anotar catro goles que lle deron unha histórica remontada, despois de non darse nunca por vencidos. O seu rival será o recén ascendido Cervo que eliminou ao Abadín. A vitoria máis contundente foi a do Burela que derrotou ao Celeiro nun encontro no que marcou tres goles nos primeiros 15 minutos, aínda así o Celeiro estivo vivo no partido durante 6o minutos que acabou sucumbindo ante a superioridade do rival. O seu rival agora é o Folgueiro, co que se revivirá un duelo de equipos que estivo loitando pola liga. O cadro do Vicedo superou nun duelo igualado ao Goiriz, nun choque xogado no artificial da Madalena.
Non haberá duelo xermadino nos oitavos logo de que o Cabreiros perderá ante o Pol nun dos duelos máis atractivos desta segunda rolda. Si que cumpriu o Roupar, despois de ir perdendo 3-0 no campo do Catro Roldas, fallou un penalti que parou José Antonio, conseguiu igualar a tres e culminou o pase nunha tanda de penaltis na que se puxo de gardamallas o interior Chono. A outra eliminatoria da zona norte será entre o Fonsagrada, que venceu con onces xustos ao filial do Friol, e o Celta Barreiros que superou na tanda de penaltis despois dun igualado encontro ao Rábade. O mediocentro Rubén foi un dos protagonistas xogando de porteiro todo o encontro pola ausencia dos seus compañeiros e parando tres penaltis na tanda.
1. Cervo – Matela
2. Folgueiro – Burela
3. Pol – Roupar
4. Fonsagrada – Celta Barreiros
Na zona sur, o Incio avanzou de rolda ao derrotar a domicilio a un Río Sil que cometeu erros que lle costaron os goles en contra, aínda así estivo a piques de igualar a eliminatoria. O Incio termou nos últimos minutos e enfrontarase ao SD Becerreá nos oitavos. O cadro becerrense eliminou ao filial do Monterroso aínda que sufriu nos últimos minutos cando o conxunto da Ulloa marcou dous goles seguidos. No derbi chantadino o Chantada Atlético foi quen de superar o emparellamento ante o filial do Chantada facendo valer a súa efectividade. Por el xa agarda o Santa Comba que leva un par de semanas clasificado ao adiantar o seu encontro ante o Paradela.
O San Lázaro evitou que o Friol tivese opción de repetir o feito na temporada pasada e enfrontarase nos oitavos de final ao Brollón. O cadro dirixido por Chura superou ao Corgo tamén na tanda de penaltis. Da mesma forma, avanzou de rolda o Portomarín diante da Comercial con Santos detendo dous penaltis. Non haberá duelo entre o conxunto da capital e o Sporting Lucense, xa que este último tamén caeu na súa visita ante o recén ascendido Guntín.
1. Incio – SD Becerreá
2. Santa Comba – Chantada Atlético
3. San Lázaro – Brollón
4. Guntín – Portomarín