#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da 11ª xornada na Segunda

A undécima xornada da Segunda Rexional trouxo un sempre especial derbi da horta con emoción e vitoria pola mínima do Lourenzá. O Folgueiro continúa na cabeza da táboa, seguido por un Guitiriz que volveu gañar e un Roupar que na actualidade é o equipo máis en forma da categoría se temos en conta as últimas cinco xornadas. Na zona sur, o San Roque mantense como líder recuperando o segundo posto o Palas ao vencer no derbi da Ulloa ao Monterroso B. Ademais, estrea de nova parella aos mandos do Portomarín e vitoria da SD Becerreá case dous meses despois.

No grupo norte, un encontro destacou por riba de todos. O Lourenzá 1-0 Mondoñedo non tivo excesivo bo fútbol, pero si un gran ambiente con preto de 800 persoas desfrutando da emoción no Santa Cruz. O cadro mindoniense quedou con dez pola expulsión de Iván Croa e fallou un penalti antes de que o xuvenil Manu Santamarina marcase o gol que lle deu o triunfo o Lourenzá. O equipo laurentino suma sete partidos sen perder e consolídase na parte alta da táboa. Pero non foi o único derbi do grupo, tamén houbo duelo veciño na Cea con vitoria final do Cabreiros diante dun Xermade que leva dúas derrotas consecutivas. O encontro non foi moi vistoso pero impúxose o acerto dos pupilos adestrados por Abel Rochela.

O Folgueiro continúa como líder despois de vencer na súa casa ao Meira. A dous puntos, tamén en zona de ascenso directo, sitúase o Guitiriz que volveu ao camiño do triunfo na Fonte ante o Cospeito despois de tres xornadas sen gañar. Empatado a puntos, está o Roupar que suma cinco triunfos seguidos ao derrotar a Candelaria. Na zona morna da clasificación continúa o Goiriz que volveu sumar un novo punto ante o Abadín no Ventiño, campo onde ningún equipo visitante gañou no que vai de curso. Na zona baixa destacan os triunfos da Comercial e do Cervo. O equipo capitalino derrotou pola mínima ao Iberia nun encontro directo por evitar a zona de descenso. Pola súa banda, o Cervo logrou o primeiro triunfo da temporada ante o Valadouro nun choque no que puido gañar calquera e finalmente chegou a primeira vitoria tamén de Jesús Martín como adestrador no seu cuarto partido.



No grupo sur, o San Roque deu un pequeno golpe na mesa cunha vitoria de peso ante un dos rivais importantes como está sendo o Ferreira. O conxunto de Montirón amplía a diferenza co segundo a catro puntos e presenta a súa candidatura ao ascenso. Dende o club confirman que xa non teñen ningún tipo de relación de filial coa Residencia, polo que se o logran na clasificación non terían ningún impedimento para ascender á Primeira Rexional. Non obstante, aínda queda moita temporada por diante. Por exemplo, o Palas volve estar en postos de ascenso directo logo de derrotar pola mínima ao filial do Monterroso no Anexo de Cerdeiriños. O cadro da Ulloa está con 20 puntos, ao igual ca o Guntín, que sacou un meritorio empate nos Medos ante o Brollón logo de comezar perdendo 2-0, e tamén ca o Bóveda, que segue á alza e derrotou a un Corgo no que Vivian Dors se estreou no banco.



O Oural tamén está medrando moito na clasificación ao conseguir a súa terceira vitoria en catro partidos; desta volta xogando co San Lázaro como rival. Xeira contraria lévaa o Portomarín aínda que sumou un empate nos últimos intres do partido ante o Santa Comba no que supuxo a estrea no banco de Fernandito e Óscar Pampín como adestradores logo da saída a semana pasada de Sousa. Na zona baixa, o Sporting Lucense e a SD Becerreá protagonizaron dúas importantes vitorias para os seus intereses. O cadro adestrado por Lolo comeza a espabilar xa que suma 10 dos últimos 15 puntos en xogo con vitoria a pasada fin de semana ante o Incio. Cos mesmos puntos (11) pero en zona de descenso está o Becerreá que se reencontrou coa vitoria dende o 23 de setembro cando vencera ao Oural. Gañou diante dun Chantada B que tivo un partido accidentado xa que a ambulancia tivo que levar a Efrén por un choque de cabeza cun rival (acción na que o futbolista foi expulsado). O susto foi grande porque quedou mareado, pero está fóra de perigo.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *