Os Máxicos compiten como poden baixo a choiva

Nova xornada dos Máxicos da Primeira, que comezaron a segunda volta cunha fin de semana marcada polas baixas temperaturas e a choiva en todos os puntos da provincia.

O Racing Villalbés ‘B’ e o Monterroso empatan nun dos poucos duelos sen auga (2-2). A intensidade foi protagonista no Roca ata que Guaje adiantou aos seus, pero poucos despois Gabri transformou unha pena máxima para poñer o 1-1 antes do tempo de lecer. Un gol de Martín Blanco, que está a amosar un gran estado de forma, volveu adiantar aos Máxicos de Cerdeiriños. Co 1-2, o partido entrou nunha fase trabada, con moitas interrupcións, ata que o Racing Villalbés conseguiu un procurado empate practicamente no tempo engadido. Ao final, reparto de puntos en Vilalba.

A Residencia non da opción ao Chantada Atlético (4-0). Primeira victoria do ano para os Máxicos da Cheda, que deixaron o choque resolto na primeira metade de xogo con goles de Rois, Artai e Róber. No segundo tempo, Renda transformo un claro penalti para pechar o resultado diante dun Chantada Atlético que puido estar dirixido por última vez por un Edu que sona para o banquillo do Club Lemos logo da entrada dunha nova xunta directiva.

O Lourenzá cae ante un Burela que mantén o ritmo (0-2). Logo dun primeiro tempo igualado, cos Máxicos locais ben posicionados e o Burela moi precipitado na toma de decisións, unha xogada de Antón xusto ao comezar o segundo tempo saldouse cun remate de Jairo para poñer o 0-1. Co gol, o partido abriuse e ambos equipos gozaron de ocasións en transición ata que David puxo o definitivo 0-2 no engadido para levar os tres puntos cara A Marosa.



O Santaballés obtén premio na recta final no Ladairo (0-1). A igualdade foi dominante en Guntín, e a choiva e o céspede protagonistas ao longo do primeiro tempo. Os locais puideron adiantarse cun remate ao longueiro á saída dun córner, mentres que o Santaballés mellorou na segunda metade co cambio de sistema. Desde o minuto 75′ viviuse un intercambio de oportunidades no que os Máxicos chairegos se erixiron vencedores, ao aproveitar unha transición cun centro de Play que rematou Palomo para levar tres puntos cara A Liga.

Pastoricense e Oural collen medo á derrota (0-0). O duelo directo do Acebreiro estivo marcado polo estado do céspede, con moita lama. O fútbol estivo marcado polo estilo directo, aínda que o Oural foi mellor no comezo e o Pastoricense colleu o pulso do partido desde o minuto 20′. Fer detivo unha oportunidade clara dos Máxicos visitantes antes do descanso, mentres que Adrián fixo o propio coas ocasións locais á volta dos vestiarios. A concentración defensiva de ambos conxuntos evitou sobresaltos na recta final e o choque rematou sen goles, o único da xornada na Primeira.

O Castro triunfa no derbi chairego dos Máxicos

O Castro gaña no derbi ao Outeiro (1-3). Dous erros defensivos locais puxeron o choque de cara para os Máxicos de Dumi, que mandaban por 0-2 no minuto 10′. Logo de momentos de incertidume, o Outeiro colleu o ritmo do partido e conseguiu recurtar diferenzas antes do descanso cunha boa definición de Redondo no man a man. Porén, o Castro non se deixou sorprender na reanudación e, con moita sobriedade, acadou o definitivo 1-3 por medio dun penalti que transformou Álvaro para manter aos seus na zona alta da táboa.



O Xove volve gañar a costa dun San Lázaro con brotes verdes (1-0). Un segundo balón logo dun saque de esquina ao comezo do partido traduciuse no único gol do choque. Os locais buscaron transitar con perigo desde o 1-0, mentres que os Máxicos visitantes procuraban ameazar as costas da defensa rival. As máis claras dos celestes chegaron nunha boa opción de Yago Armesto e nun remate de Bao nun balón parado, mentres que os mariñáns puideron sentenciar con contragolpes nos que non se mostraron efectivos. Aínda así, os tres puntos quedaron no Municipal.

Foz e Taboada empatan nun choque igualado (1-1). O Foz tivo máis posesión do coiro diante dun Taboada que facía dano con transicións e, de feito, os de Martín Murado foron quen de adiantarse nun contragolpe que finalizou Gabri. Na segunda metade, o xogo directo e os ataques verticais foron protagonistas e os Máxicos focenses gozaron dun maior protagonismo. Ao final, os de Pelayo acadaron o empate e buscaron culminar a remontada, mentres que o Taboada buscou o seu segundo gol, pero as defensas e os gardamallas impuxéronse sobre os ataques no Martínez Otero.

A SD Chantada domina a un Meira con moito que dicir (3-1). O dominio chantadino na primeira metade fíxose notar no electrónico, cun gol de penalti de Manu e un golazo de Miguel desde banda esquerda para chegar co 2-0 ao descanso. O Meira, porén, deu un paso adiante á volta dos vestiarios e Berto recurtou diferenzas logo dun centro de Seixosmil. Co 2-1, os visitantes puideron facer o empate en dúas chegadas moi claras, pero unha boa xogada local sentenciou o choque cando restaban apenas 10 minutos para o asubío final.

A Milagrosa saca un punto de mérito en Tui (1-1). Tan só un gol olímpico no tempo engadido privou á Milagrosa de levar os tres puntos da casa do líder, o Tyde. O gol de Miguel ás beiras do descanso deulles folgos aos lucenses, que defenderon a renda ao longo de toda a segunda parte, na que o Tyde mostrou o seu potencial ofensivo, pero a súa pouca efectividade. Finalmente, logo dun gran exercicio de resistencia por parte dos Máxicos albivermellos, chegou o empate para deixar á Milagrosa coa mel nos beizos e cun punto que, ao comezo do partido, tería sido bon.



Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *