Salvatierra Abogados trae unha nova edición duns Máxicos que están a ofrecer moito espectáculo nas xornadas iniciais desta 24/25.
O Santaballés remonta diante do Monterroso (2-1). O Monterroso forzou unha pena máxima nos intres iniciais e Jorge non fallou desde os once metros. O Santaballés non modificou o seu plan de partido e gozou de ocasións na primeira metade con centros laterais. Xa no segundo tempo, coa expulsión de Raúl Antas, os Máxicos chairegos apretaron aínda máis ao seu rival e conseguiron o empate nunha boa xogada de Play e Xoán. Nos últimos intres, Novás enganchou un remate de chilena que se traduciu no 2-1 definitivo.
Tolemia no Luis Pallín (3-7). Os ataques impuxéronse sobre as defensas nunha primeira parte que rematou cun resultado ao descanso de 3-4 a prol do Meira. Na segunda metade, os visitantes tiraron de efectividade e anotaron as ocasións das que dispuxeron, mentres que o Oural protestou un gol pantasma que tería suposto o 4-5 e que os achegaba no marcador. Ao final, os puntos marcharon cara A Lomba nun duelo completamente tolo.
Un efectivo Castro imponse ao Taboada (3-0). Os Máxicos locais tiraron de pegada na primeira metade e anotaron o 1-0 diante un Taboada que gozou de oportunidades, pero desbaratadas por Josema. Tras a reanudación, o choque mantívose igualado e aberto para ambos cadros, pero o segundo tanto local pechou un encontro no que o Castro anotaría un gol máis e gozaría de varias ocasións para ampliar o marcador diante dun Taboada que non estivo acertado de cara ao gol.
O Xove imponse no feudo do Racing Villalbés ‘B’ (0-2). Duelo pechado no Anexo da Magdalena, no que os chairegos non foron quen de impoñer o seu ritmo e o Xove aproveitou as súas opcións para sacar un resultado moi positivo. Hugo transformou unha pena máxima no primeiro tempo e, pese a que os de Iván Lamas meteron pernas frescas no descanso, un gol de Kevin sentenciou a contenda a prol dun cadro mariñán que levou tres puntos de ouro da súa visita ao feudo vilalbés.
Un gran Burela imponse á SD Chantada (3-0). Foi mellor o cadro de Traste na primeira media hora de xogo, contando con varias ocasións claras, especialmente un 2 contra 1 diante de Kiko Mariño que non foron quen de finalizar. O Burela foi medrando no partido e anotou o 1-0 ás beiras do descanso logo dun balón parado e, xusto ao comezar a segunda metade, outro tanto locai puxo o partido moi de costas para os chantadinos. De feito, e aínda que a SD gozou de oportunidades para recurtar diferenzas, os Máxicos mariñáns fixeron moito dano con transicións. Dunha delas chegou o definitivo 3-0, moi protestado polo banco visitante, xa no tempo de desconto.
Moita remontada nos máxicos desta semana
Quince minutos tolos deixan os puntos no Sangoñedo (2-1). Partido con dominio alterno entre Chantada Atlético e Foz no que o primeiro gol non chegou ata o 76′, cando Salim fixo un golazo desde a frontal. Porén, a reacción local foi inmediata: Iván anotou de vaselina logo dun rexeite nun balón parado e Marzán completou a remontada no 84′, cun gran remate desde fóra da área que serviu para que os tres puntos quedasen na casa.
Triunfo balsámico do Lourenzá sobre o Outeiro (2-0). Partido pouco vistoso na Santa Cruz, con dous equipos que querían evitar errores. O Outeiro estivo lixeiramente mellor que os seus rivais, pero os Máxicos locais aproveitaron un balón longo e un mal bote para anotar o 1-0 xusto antes do descanso. Na segunda metade, o Outeiro buscou recompoñerse, especialmente coa entrada de Redondo, pero Paulo anotou un gol olímpico que sentenciou o choque a prol do «Atleti», 2-0.
O Guntín iguala cun Pastoricense que non presentou adestrador (1-1). Logo do despido de Basi, os do Acebreiro chegaron ao Ladairo sen técnico, pero competiron moi ben. Pese a que o Guntín dominou a primeira metade, foron os visitantes quen se adiantaron cunha transición no segundo tempo. Co gol do Pastoricense, o xogo tornouse trabado e os locais sufriron a expulsión de Mateo, pero mantiveron o dominio ata empatar e gozar de numerosas ocasións para unha remontada que non se chegou a culminar, 1-1.
A Residencia remonta no derbi capitalino (2-1). O cadro visitante neutralizou o ritmo de xogo local e, de feito, conseguiu adiantarse no marcador logo dun saque de banda no que Yelko se erixiu como o máis listo da área. No segundo tempo, os Máxicos locais deron un paso adiante e conseguiron pechar ao San Lázaro no seu campo: Pereira empatou nun centro lateral e, pouco despois, provocou unha pena máxima que anotaría Dani Renda para culminar a remontada na Cheda, 2-1.
A Milagrosa non se adapta ao céspede natural (3-1). Na outra esquina de Galicia agardaba un Gondomar que se adiantou cedo no marcador e, pese a que a Milagrosa fixo o empate pouco despois, os locais fixeron o 2-1 aos escasos minutos e a partires de aí dominaron o choque. Non foi ata a metade do segundo tempo cando chegou o definitivo 3-1 diante dunha Milagrosa que loitou, pero que non puido sacar nada positivo do feudo do Gondomar.