#Fútbol afeccionado #Feminino

Os lucenses da Terceira salvan unha xornada moi discreta

Só o líder da Terceira Galicia, o Bandeira, foi quen de impedir un pleno lucense nesta última xornada. De feito, tódalas vitorias dos nosos rexistráronse co mesmo resultado: 5-1.

Noa, atacante do Monte Forte, co seu premio #XogadoraTorredeNúñez do mes de xaneiro

A Comercial asaltou Silleda nun gran partido, tanto a nivel de trato de balón como de efectividade. As doce futbolistas que viaxaron a terras pontevedresas amosáronse superiores ao seu rival e responderon nos momentos clave do encontro. O 1-3 das vermellas chegou xusto despois de recibir o único tanto do EF Silleda. E a dous minutos do tempo do lecer. Noa destacou no equipo de Vicky, con dous goles e moi bos pases ao espazo.

O Monte Forte sacou adiante un partido máis complexo do que reflicte o marcador final. O Órdenes entrou mellor ao terreo de xogo ante un cadro local que creceu co paso dos minutos. Na segunda metade, xa se observou unha mellor versión das de Cristian Penas. O Monte Forte xerou moito perigo ás costas das centrais visitantes e rematou goleando cun hat trick de Paulita.

Un hat trick tamén asinou Jenny no cómodo triunfo do Carballedo. As de Sementa dominaron en todo momento ao Arenteiro B. As ocasións sucedéronse unha tras outra. Os paus e a mala sorte evitaron un resultado aínda máis avultado nunha gran tarde de Jenny e Uxía Díaz. As ‘Guerreiras’ prolongan a súa gran xeira. Só coñecen o triunfo neste 2024.



O San Lázaro deixou os tres puntos na casa ante o líder. O Bandeira aproveitou o balón parado para vencer ao cadro de Luchi. Despois dunha primeira metade igualada, as da Ponte foron superiores. Porén non conseguiron transformar ese control do partido en goles e o triunfo escapouse das Gándaras. Por último, o CD Lugo B descansou nesta xornada.

Un empate insuficiente e tres derrotas nunha data para o olvido na Segunda Galicia

Ao San Roque só lle faltou o gol no seu duelo ante o Sporting Meicende. As de Quiroga viviron en campo contrario a maior parte do tempo e levaron un inxusto empate despois do visto sobre o artificial da Polvoreira. As verdibrancas propuxeron con balón e crearon boas oportunidades. Tamén se amosaron serias sin o esférico, concedendo só opcións a balón parado. En definitiva, un punto insuficiente e agridoce para un equipo que non se quere descolgar do tren do ascenso.

A Milagrosa competiu de ti a ti ante un Xallas moito máis acertado de cara a porta. Dous goles tempraneiros da visitante Olalla castigaron en exceso ao cadro de Felipe Varela. As branquivermellas non lle perderon a cara ao partido e fixeron o gol de honra no tempo de prolongación.



Mery golpea con forza ante a mirada de dúas xogadoras do Bandeira. ROBER CARREIRA

O Chantada perdeu a oportunidade de puntuar na súa visita ao Xuventú Aguiño. Os erros tontos lastraron ás de Jorge González nun mal partido. Un tanto tras saque de banda deulle unha mínima vantaxe ao cadro local logo dun primeiro acto igualado. Melloraron as chantadinas despois de pasar polos vestiarios. E empataron nun saque desde o curruncho cun ‘chicharro’ de Ángeles. Aínda así, o equipo do Sangoñedo concedeu un novo agasallo en forma de falta lateral (2-1). Ese gol afundiu ao Chantada, que recibía o terceiro e definitivo golpe nas postrimerías do encontro.

O Antas caeu no Castro Seoane ante o potente Atlético San Pedro. Unha mala primeira metade penalizou ás de Dani Abelairas, que non foron quen de contrarrestar o ataque visitante en momento algún. O 0-2, a piques de chegar a descanso, foi unha xerra de auga fría. Especialmente por chegar nun posible fóra de xogo non sinalado polo colexiado.

O cadro da Ulloa mellorou no segundo acto. Controlou o partido ante un Atlético San Pedro que buscaba constantes interrupcións. No tramo final, María logrou o necesario 1-2 para soñar con puntuar. Porén, as numerosas ocasións do Antas non atoparon de novo a senda do gol.

O PM Friol B perde ante un rival directo na primeira galicia

O PM Friol B desaproveitou unha boa oportunidade de poñer terra de por medio co descenso ante un rival directo. Dous goles do Sárdoma B na primeira metade, un deles xa rozando o paso por vestiarios, tumbaron a un filial que segue a un punto de perigo. A mellor noticia de todas é que os tres equipos que o PM Friol B ten por debaixo na clasificación, non conseguiron punto algún nesta última data na Primeira Galicia.

O CD Lugo rozou a sorpresa e o pM friol desquiciouse ante o olímpico de león na terceira RFEF

O CD Lugo rozou a proeza ante o potente Deportivo B. As de Joaquín Blanco sufriron nos primeiros compases ante un equipo coruñés dominador. Con moita orde e sacrificio, as albivermellas mantiveron o 0-0 inicial ao descanso.



Lucía P., da Milagrosa, leva un balón dividido ante dúas xogadoras do Xallas. ROBER CARREIRA

Cambiou o decorado na reanudación. O filial deportivista realizou unha mala posta en escena e o CD Lugo instalouse en campo contrario. No mellor momento das lucenses, cando o seu gol parecía unha simple cuestión de tempo, chegou o primeiro das visitantes. O tanto reanimou ao Deportivo B, que volveu mandar sobre o verde da Cheda. Froito desta superioridade, caeu o 0-2.

Lonxe de virse abaixo, o conxunto de Joaquín Blanco pelexou ata facerse de novo co control. O CD Lugo fixo o gol da honra e creou tres ocasións máis para, polo menos, empatar. A sorte esquivou unha tarde máis ás lucenses. Iso si, hai motivos para o optimismo. A ex do Huesca Ashley debutou con gol no bando albivermello.

Para despedir esta análise da xornada, toca falar do PM Friol. O equipo de Ángel Buján e Geluco Villar desquiciouse contra todo ante o Olímpico de León. As amarelas focalizaron a derrota na actuación arbitral. Porén os goles leoneses non foron marcados polo colexiado. De feito, o primeiro deles (minuto 82) naceu nunha falta na medular na que ata seis xogadoras entraron a rematar libres de marca. Tres xogadas máis tarde, o Olímpico mataba o partido nun claro penalti cometido por Marta cando unha rival encaraba a meta local completamente soa.

Dura derrota para un PM Friol moi superior na primeira metade. E que topou cos paus ata en dúas ocasións na mesma acción. As lucenses perdoaron e afogaron en río revolto na tolemia de transicións sen defensa na que se transformou a segunda parte.

Resultados da xornada

CD Lugo 1-2 Deportivo B

PM Friol 0-2 Olímpico de León

PM Friol B 0-2 Sárdoma B

San Roque 0-0 Sporting Meicende

Antas 1-2 Atlético San Pedro

Milagrosa 1-4 Xallas

Xuventú Aguiño 3-1 Chantada

Carballedo 5-1 Arenteiro B

Monte Forte 5-1 Órdenes

San Lázaro 0-1 Bandeira

EF Silleda 1-5 Comercial

Descansa: CD Lugo B

Os lucenses da Terceira salvan unha xornada moi discreta

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 21

Os lucenses da Terceira salvan unha xornada moi discreta

Os 50 do Oural, os 3 de

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *