#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Sanci, a un partido do ascenso mentres se aperta a clasificación no sur

Foto de portada: Mariluz Fagín

A Segunda Rexional está na fase decisiva e, aos poucos, vaise clareando a clasificación. O Sanci colle tres puntos de vantaxe no norte, mentres que o Antas iguala co Becerreá no liderado do sur. Contamos os detalles nunha nova entrega dos #OncesFutbolinlugo.

Na antepenúltima xornada da fase de ascenso da zona norte, un partido marcaba o camiño. O Sanci impúxose ao Cospeito alabando o fútbol do equipo chairego. O conxunto preparado por Jaime Méndez lidera a táboa con tres puntos de vantaxe sobre o Meira. Precisamente, este domingo visita a Lomba. Un triunfo, daríalle o ansiado ascenso ao conxunto da Mariña. O Cospeito queda con poucas opcións xa que a diferenza co primeiro posto é de cinco puntos.

O Meira sabe que aínda ten as súas posibilidades de facerse co primeiro posto. Venceu con claridade ao Celta Barreiros e colócase na segunda praza. Conta cun punto de marxe sobre a Candelaria. O cadro da Rúa impúxose a baixas como as de Simón e tamén venceu ao Guitiriz para seguir na pelexa. Estará moi pendente do que pase na Lomba porque na última xornada o Meira xoga na Granda.



No encontro para aumetar postos na clasificación, o Cabreiros goleou ao Muimenta. Non obstante, dende ambos equipos coinciden no resultado enganoso co que rematou o choque. A falta de acerto do cadro celeste e a boa actuación de Nesi baixo paus, permitiron que o Cabreiros non encaixase ningún gol.

Na antepenúltimma xornada da fase pola permanencia na zona norte, o Iberia e o Xermade seguen facendo gala do seu dominio. Ambos sumaron a súa sexta vitoria seguida neste tramo de competición. O cadro de San Miguel de Reinante impúxose a un Fonsagrada que volveu pagar caro o seu desacerto cara a portería rival.

Pola súa banda, o Xermade venceu pola mínima ante un Abadín que ten cinco puntos de marxe sobre o descenso directo. Catro equipos están na clasificación con dez puntos: Goiriz, Fonsagrada, Matela e Roupar.



O Goiriz empatou no campo dun necesitado Mondoñedo que aínda non queda morto de todo, ao sumar o seu primeiro punto desta fase. Por outra parte, o Roupar conseguiu un importante triunfo pola mínima ante o Matela.

Na quinta xornada da fase polo ascenso na zona sur, cumpríronse os pronósticos que nos adiantara Juan Diéguez e ao Becerreá non lle foi sinxelo gañar na Carqueixa. De feito, empatou nun partido que acabou con catro goles por equipo. O segundo empate do equipo da Montaña provoca que xa non estea só no liderado.

O Antas iguala a puntos co líder ao sumar a quinta vitoria seguida e seguir co seu pleno nesta segunda parte da campaña. Non llo puxo fácil un Ferreira que perdeu moitas das súas opcións de pelexar pola primeira praza. Non houbo un dominador claro no Baliño e accións puntuais decantaron a balanza en favor do conxunto da Ulloa.

Invicta nesta fase tamén está a Milagrosa. Sumou tres novos puntos que a colocan a tan só un do Becerreá e do Antas. O equipo preparado por Manolo Couso venceu na súa visita ao Chantada B.

A catro puntos da cabeza queda agora o Paradela logo de caer no Luis Pallín ante o Oural, no primeiro triunfo dos de Negrete nesta fase. O cadro de Paradela pagou moi caro dous despistes en balóns aéreos ao principio do encontro. Logo ambos equipos dispuxeron de ocasións e, sobre todo, os visitantes no segundo tempo, pero non conseguiron batir a meta rival.



Quedan tres partidos neste grupo e confírmase o dominio dos equipos que xogaron na primeira fase no chamado «grupo do centro». Esta situación provoca que non haxa duelos directos nesta recta final. O Ferreira, o Oural, o Chantada B e o Río Sil serán xuíces do ascenso.

Na fase pola permanencia da zona sur no grupo de cinco equipos, quedan tres xornadas. Na anterior finde quedou aprazado o duelo clave entre o Santa Comba e o Quiroga. Ambos equipos chegaron ao acordo de suspendelo por mor dos casos de covid no conxunto quirogués. Dous puntos separan na clasificación aos dous clubs. O partido xogarase este domingo no que ía ser finde de descanso do Santa Comba. Non obstante, o Quiroga dobrará xornada porque ten partido o sábado ante o Sporting Lucense.

No resto do grupo, o Páramo e o Sporting Lucense igualaron sen goles e suman un novo punto na clasificación. Teñen unha diferenza de dez puntos ou máis cos dous últimos clasificados. O líder do grupo é o Brollón que descansou nesta xornada.

Na fase pola permanencia da zona sur no grupo de catro equipos, o Corgo lidera a táboa logo da súa vitoria pola mínima ante un Bóveda que segue ocupando o posto de descenso directo. Queda unha xornada é o equipo adestrado por Pasín está a dous puntos de saír dese posto.

O seu inmediato rival é o Incio, que caeu nun encontro con moitos goles ante o Palas. Catro marcou o conxunto da Ulloa e tres foron da autoría de Tenerife.

O Sanci, a un partido do ascenso mentres se aperta a clasificación no sur

Diario dun mercado. Episodio 263

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *