#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

O Racing Vilalbés tumba ao líder nunha xornada con pleno de vitorias lucenses

A novena xornada déixanos un pleno de triunfos para os representantes lucenses da Terceira División. O Racing Vilalbés volveu á senda da vitoria e fíxoo rematando coa imbatibilidade do Somozas, mentres que o Viveiro impúxose con autoridade no Poboado ante o As Pontes. O Polvorín segue nun gran momento e acadou un novo triunfo diante do Silva na Cheda.

O Racing Vilalbés afianza a terceira praza logo de derrotar ao líder (2-1).

Gran triunfo do conxunto chairego na Madalena diante do Somozas, ata o de agora líder invicto e o conxunto máis en forma da Terceira. O Racing mantense invicto no seu campo e mantén a terceira praza cun punto de vantaxe sobre o Arzúa e o Viveiro.



O encontro seguiu o guión marcado por Simón Lamas. O Somozas tivo o balón e o Racing defendeu replegado con tódolos seus xogadores sen deixar espazos buscando xerar perigo en rápidas contras. O conxunto de Ferrolterra non tivo profundidade no seu xogo, sobre todo na primeira metade, e apenas xerou ocasións de gol. Tan só en dúas perdas de balón do cadro local en campo rival, o Somozas inquedou a portería defendida por Javi Rumbo. A falta de nove minutos para o descanso, Sandá recuperou un balón e abriu á banda esquerda, onde Ángel centrou para que Cuadrado rematase de primeiras batindo ao ex racinguista Marcos Souto.

Na segunda metade, o Somozas comezou forte, xerando situacións de perigo sobre todo pola súa banda esquerda. A máis clara nas botas de Luis Nuño, cun remate ao longueiro. Refíxose o Racing Vilalbés e preto do ecuador do periodo final chegou o segundo gol. Logo dun rápido contragolpe, Santi Gegunde desfaise de Garrido e Pacheco e consegue un bonito tanto.  Pero o conxunto visitante aínda non dera o brazo a torcer. Nunha dubidosa falta cometida por Make, o Somozas recurtou diferencias cun lanzamento directo de Pablo Rey. O balón fixo un estrano e despistou a Javi Rumbo.

O cadro chairego sufriu nos compases finais para manter a vitoria. Simón Lamas dispuxo nos últimos minutos unha liña de cinco defensas para contrarrestar os numerosos balóns colgados á área en córners ou faltas laterais.



O viveirense Aldán Naval entrou ao campo no segundo tempo e puido disfrutar de vinte minutos de encontro.

Segundo triunfo consecutivo do Viveiro que o sitúa na zona alta da clasificación (1-3).

O Viveiro sitúase na quinta posición da táboa clasificatoria logo de gañar con todo merecemento no campo do Poboado, o que foi o segundo triunfo consecutivo dos mariñáns, logo de vencer ao Racing Vilalbés no derbi provincial o pasado fin de semana.

Desde o pitido inicial, o conxunto dirixido por Chusky foi superior a un As Pontes que non tivo nunca opcións de sacar algo positivo. Álex Meitín adiantou ao Viveiro, antes dos vinte minutos de xogo, tras aproveitar un bo pase dun Asier xa asentado no equipo titular.  Cando xa estaba o tempo cumplido do primeiro tempo, os mariñáns ampliaron diferencias no marcador, de novo por medio do seu capitán Álex Meitín. O xovense interceptou unha mala entrega dun defensor pontés e fixo o segundo tanto na súa conta particular.



O segundo tempo non comezou ben para o Viveiro. Xaime tivo que retirarse lesionado aos tres minutos da reanudación e foi sustituído por Iván. Non tardou en chegar a sentencia. Foi nun saque desde o curruncho botado por Rolle, que rematou Tichu lonxe do alcance do meta Bugy. As escasas esperanzas do conxunto local esvaecéronse coa expulsión por cartón vermello directo a Artai.

O tanto da honra chegou a dez minutos para o final. Dani Breijo conectou un potente disparo desde fóra da área ante o que nada pode facer Manu Cedrón.

Un solitario gol de Quindimil outórgalle un triunfo de outro ao Polvorín diante do Silva (1-0).

Terceira vitoria consecutiva, cuarta da temporada, para o filial albivermello en seis encontros disputados. O cadro de Álex Ortiz é sexto na clasificación con tres encontros aínda por disputar, suspendidos no seu día por diversos positivos en Covid-19.

Encontro de dominio local, practicamente na súa totalidade, pero con escasas ocasións de gol. O Polvorín cargou o xogo pola banda dun inspirado Martín, que lle creou moito dano ao Silva coas súas incorporacións ao ataque. En dous centros do lateral esquerdo lucense, Manu Nuñez gozou das ocasións máis claras da primeira metade.

Logo do paso por vestiarios, o encontro seguiu a mesma tónica. O adestrador local deulle entrada antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora a Gabarre e Morais, en sustitución de Marcos e Antón Escobar e poucos minutos despois chegou o único gol do partido, obra de Quindimil. O seu lonxano disparo rebotou nun defensor e Damián nada puido facer para detelo.  O Silva apretou nos últimos minutos, pero sen xerar apenas perigo. Ángel Fraga, que foi titular na portería do Polvorín por primeira vez na temporada, amosouse moi seguro durante todo o encontro.

O focense Xusto foi titular no centro da zaga do Silva e xogou os noventa minutos.

O Racing Vilalbés tumba ao líder nunha xornada con pleno de vitorias lucenses

O partido en imaxes: Polvorín-Silva (1-0)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *