#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O Racing Vilalbés remonta e xogará a segunda rolda polo ascenso

Gran encontro do Racing Vilalbés que remontou a eliminatoria no campo do Rápido de Bouzas. Xogará a segunda rolda da fase de ascenso diante do Arousa. Na Preferente, a Sarriana non pasou do empate co Noia no partidazo da xornada e ve reducida a catro puntos a súa vantaxe. Triunfos importantes do Ribadeo e do Lemos. Os mariñáns venceron no campo do Fisterra, mentres que os monfortinos na Pinguela co Sofán. A Residencia caeu na súa visita ao Sigüeiro e o Portomarín fixo o propio no campo do Montañeros.

O Racing Vilalbés deixa na cuneta ao Rápido de Bouzas e sigue vivo na loita polo ascenso (0-2)

Non puido comezar mellor o encontro para o cadro chairego. No primeiro minuto de xogo un mal despexe do porteiro local Brais Pereiro recolleuno Cuadrado e puxo por diante ao Racing. Coa eliminatoria igualada desde o comezo os de Simón Lamas souberon conter as acometidas dun Rápido que se lanzou ao ataque. Álex Santomé detivo a ocasión máis clara dos de David de Dios, nas botas de Cellerino. No minuto 36 o Racing Vilalbés deulle a estocada a eliminatoria. Foi nunha xogada ensaiada á saída dun córner. Make enganchou unha volea que se colou pegada ao pao.

Na segunda metade o Rápido de Bouzas apretou na procura do gol e fixo sufrir a un Racing que soubo defender moi ben o marcador. Nas ocasións do conxunto local erixiu providencial Álex Santomé. Primeiro nun remate de Álex Rey e posteriormente enviando a córner un potente disparo de Iago Martínez. Finalmente o Racing Vilalbés puido festexar o pase á seguinte rolda xunto cos 150 seareiros chairegos desprazados ao Baltasar Pujales para alentar ao seu equipo.



A Sarriana iguala na Ribela diante do Noia e ve recurtada a súa vantaxe (1-1)

Partidazo entre dous claros aspirantes ao ascenso que rematou en empate. Con este punto, o cadro local ve reducidos a catro os puntos co terceiro clasificado, que pasa a ser o Noia (igualado co Boiro, cuarto), logo do triunfo do Betanzos, que é segundo.

O encontro resultou moi igualado cunha metade para cada equipo. O Noia estivo mellor no periodo inicial, sobre todo na primeira media hora de encontro na que contou con dúas claras ocasións de gol. A segunda delas rematou co tanto do goleador Nando logo dunha boa combinación deste con Anxo. No último cuarto de hora os de Brais Prados desfixéronse do dominio visitante e puideron lograr a igualada cun bo disparo de Jacobo que sae lixeiramente alto. Xusto antes do descanso chegou o empate. Santín rematou no segundo pao un bo centro de Marino.



Na segunda metade estivo mellor a Sarriana e foi quen de chegar con perigo a área do Noia. Dous debutantes, ámbolos ex do Viveiro, contaron cunha boa ocasión. Sané en xogada individual deixa un bo balón para o remate de Iker Hurtado, que un defensor despexou providencial. Álex Pérez contou con outra boa ocasión que detivo ben Iván Bouzón. Nos últimos intres, o Noia colgou balóns á área sen demasiado perigo para a zaga da Sarriana.

Unha Residencia en cadro caeu no campo do Sigüeiro (2-0)

Mal encontro do conxunto lucense que viaxou ao campo do Sigüeiro con só doce xogadores de campo. Malia todo Yago tivo no primeiro minuto unha gran ocasión para poñer por diante á Residencia, pero o seu remate detívoo o porteiro local. A partir de aí o Sigüeiro foi superior e someteu aos de Dani Galán por xogo, ritmo e ganas. Antes da primeira media hora de encontro, Yago anotou o primeiro para os locais nun despiste defensivo e contaron con máis ocasións para marchar ao descanso co encontro encarrilado.

Na segunda metade a Residencia tivo o balón, pero non foi quen de xerar ocasións de gol. A falta de dez minutos para o final, Santi Taboada culminou unha gran xogada colectiva e sentenciou o encontro.

O Ribadeo cumple en Arasolis e achégase á permanencia (1-3)



Encontro trampa para o Ribadeo no campo dun Fisterra xa descendido que os de Dani Moirón solventaron con éxito. No primeiro minuto de xogo un bo centro lateral de Isma rematouno Xairo ao fondo da portería. O Ribadeo amosouse serio en defensa e non concedeu excesivas ocasións ao conxunto local. Cumprida a media hora de xogo Xurde culminou unha gran xogada individual de Asier para facer o segundo tanto. Antes de que rematara o primeiro tempo Juan Formoso recurtou diferencias nunha indecisión da zaga ribadense.

O tanto local non inquedou a un Ribadeo que apenas sufriu no segundo tempo. Aos seis minutos da reanudación, Diego Núñez, que debutou na súa nova etapa no club mariñán despois do seu paso polo Pol, sentenciou o choque á saída dun córner.

O Lemos golea ao Sofán e agárrase á permanencia (4-1)

Malia ao triunfo o cadro monfortino non sae dos postos de descenso, por mor dos triunfos dos rivais. Os de Óscar Moure tiveron o control do partido e contaron con varias ocasións para poñerse por diante, a máis clara de Dafonte. Pero foi o Sofán que abriu o marcador, nun penalti que transformou Jacobo Eibe. Reaccionou rápido o Lemos e empatou só dous minutos máis tarde cun lanzamento desde fóra da área de Dafonte. Xusto antes do descanso Iago López puxo por diante aos monfortinos nun lanzamento de falta.

No segundo tempo o Sofán saiu na procura do empate, pero o Lemos soubo defender o empurrón visitante e sentenciou o encontro á contra. Primeiro por medio de Marco a pase de Mauro e posteriormente co tanto de Varela noutra rápida transición.

O Portomarín sae goleado do campo do Montañeros (6-1)

Moi frouxo o encontro do Portomarín na Grela diante dun Montañeros que aínda non certificou a permanencia por mor dos arrastres. Partido sen historia no que os constantes erros defensivos do conxunto miñoto facilitaron a labora atacante dun Montañeros que xa marchou ao descanso con tres goles de vantaxe, dous deles obra do veterán Rubén Rivera.

Na segunda metade o encontro seguiu na mesma liña e o cadro coruñés foi quen de anotar tres goles máis. Preto do final Martín marcou o gol da honra para o Portomarín.

O Racing Vilalbés remonta e xogará a segunda rolda polo ascenso

Sesión Plenario 22: Luis Romay – Manu

O Racing Vilalbés remonta e xogará a segunda rolda polo ascenso

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 33

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *