#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Polvorín recupera o liderato en Terceira e o Lemos pon pé e medio na fase de ascenso.

O Polvorín venceu a domicilio e convertiuse no novo líder de Terceira. Superou na táboa a un Somozas que cedeu un empate ante o Racing Vilalbés. Un punto moi valioso foi quen de acadar o Viveiro na súa visita a Calabagueiros. Na Preferente os dous derbis provinciais tiveron cor visitante. A Sarriana gañou no campo do Escairón e o Lemos fixo o propio no do Santaballés. A Residencia goleou no campo do San Tirso e o Ribadeo acadou un moi meritorio empate no campo do Montañeros.

O Polvorín recupera o liderato logo do seu triunfo no campo do Xuvenil de Ponteareas (0-2).

O filial albivermello é o novo líder de Terceira. Os de Álex Ortiz superaron o seu mini bache de resultados e xa suman dous triunfos consecutivos que os sitúan no máis alto da táboa clasificatoria. O partido estivo moi condicionado polo mal estado do terreo de xogo despois da intensa choiva. Malia todo o Polvorín foi quen de xerar numerosas ocasións. Na primeira metade as máis claras levaron a sinatura de Idrissa, que non superou a Dani Sampayo no man a man, e de Fidalgo que estrolou o balón no pao.

Logo do intermedio, o conxunto lucense por fin abriu a lata. Un centro de Torrado foi rematado sutilmente por Rojo de cabeza e pouco despois un rexeite foi recollido por Idrissa, que desta vez superou ao gardameta no man a man.



O Racing Vilalbés sumou un punto, que puideron ser tres, no campo do Somozas (1-1).

Cuarta xornada consecutiva sen perder para os chairegos, que foron quen de sumar un punto na sempre complicada visita ao Alcalde Candocia. O dominio foi alterno nos primeiro compases. Pedrosa foi o primeiro en avisar, pero o conxunto local gozou de dúas claras ocasións de contado. A primeira nas botas de Pablo Rey cun lanzamento de falta que se estrelou no longueiro, e a segundo por medio do viveirense Aldán que puxo a proba a Ángel Fraga. Sobrepasado o ecuador da primeira metade, José Varela puido adiantar ao Racing cun potente tiro cruzado ao que respostou Marcos Souto. Con media hora cumplida chegou o tanto local. O tiro de Cañi rexeitouno Ángel Fraga, pero Rubo aproveitou o balón solto e rematou ao fondo da portería.

Na segunda metade comezou mellor o Somozas, pero co paso dos minutos os de Simón Lamas melloraron e chegaron con perigo á área rival. Otero e Tomé tiveron sendas ocasións antes de que chegara o empate. Pedrosa recolleu un balón na frontal e o seu disparo resultou inalcanzable para Marcos Souto. Con vinte minutos para o final ámbolos conxuntos tiveron ocasións para levar os tres puntos. A máis clara estivo nun remate de cabeza de Make que un defensor local salvou preto da portería.



O Viveiro logrou un valioso punto no campo dun dos favoritos, o Barco (0-0).

Importante empate o que arrancou o conxunto celeste do campo de Calabagueiros. O Barco levou a iniciativa diante dun Viveiro moi ordenado en defensa. O camerunés Chenkam foi quen dispuxo da primeira ocasión do encontro e Tichu, preto do descanso tivo a máis clara para o Viveiro. O cadro local apenas xerou perigo diante da portería de Manu Cedrón, agás nalgunha xogada a balón parado.

Na segunda metade o encontro seguiu a mesma tónica, pero o Barco a raíz dos trocos buscou máis a portería viveirense, aínda que sen lograr inquedar de xeito claro. Ningún dos dous conxuntos foi quen de impoñer o seu fútbol e o encontro convertiuse nun ida e volta sen que os porteiros apenas tiveran que intervir.

A Sarriana amplía diferencias no liderato logo do seu triunfo diante do Escairón (0-2).

Non foi o mellor encontro do líder. Á Sarriana costoulle atopar o ritmo do encontro no Municipal diante dun Escairón que amosou unha imaxe pouco acorde coa súa posición na táboa. A primeira metade foi de dominio visitante. Os de Edu Rodríguez tiveron a posesión, aínda que sen demasiada profundidade. Malia todo antes do primeiro cuarto de hora foron quen de adiantarse no marcador cun tanto de Omar, e contaron con varias ocasións claras nas botas de Torres e Omar, ante as que respostou ben o gardameta Álex Ávila.

A segunda metade estivo condicionada polo vento e a choiva. O Escairón meteuse máis no encontro e tivo varias ocasións para acadar o empate. O tanto da sentencia non chegou ata os últimos intres, obra de Gerardo de penalti.

Un solitario tanto de Álvaro dalle o triunfo ao Lemos no campo do Santaballés (0-1).

Quinta xornada consecutiva sen perder do Lemos, que foi superior na primeira metade, pero a falta de acerta de cara a portería privoulle de marchar ao descanso en superioridade no marcador. Sidibé, Álvaro, Rubén ou Mauro tiveron opcións para marcar, moitas delas desbaratadas polo gardameta local Adrián. O Santaballés apenas xerou perigo, agás nun centro de Palomo que non chegou a Miguel cando este xa estaba preparado para rematar.

O segundo tempo resultou máis nivelado. Os de Juan Rodríguez chegaron á área rival con máis perigo. Palomo gozou da ocasión máis clara ao estrelar un balón no pao, logo dunha indecisión da defensa lemista. A falta de vinte minutos, chegou o único tanto do encontro. Unha falta sacada por Álvaro colouse na portería dun Adrián que desta volta non estivo acertado. O Santaballés tentou a igualada nos compases finais, pero non foi quen de atopar o camiño para sorprender a un Lemos moi seguro en defensa. Nos últimso compases Sidibé e Varela tiveron ocasións para sentenciar.

O Ribadeo acadou un meritorio punto no campo do Montañeros (1-1).

Dúas saídas complexas en catro días e dous empates para os de Dani Moirón, que tanto na Pinguela como na Grela deron mostra da súa solidez. O primeiro tempo foi de dominio local. O Montañeros puxo o fútbol e as ocasións, mesmo desperdiciou un penalti aos vinte minutos de xogo. Preto do descanso, os locales lograron adiantarse cun tanto de Bacariza, que recolleu un balón solto despois de varios rexeites na área.

Na segunda metade cambiaron as tornas. O Ribadeo saiu mellor de vestiarios e foi superior ao seu rival. Dominou o xogo e foi quen de xerar ocasións claras. A falta de vinte minutos para o final, Xairo empatou o encontro cun bo tiro desde a frontal. Nos últimos intres Jacob e Santi tiveron opcións para facer o segundo, pero o marcador permaneceu inamovible.

A Residencia volve sorrir tras golear a domicilio ao San Tirso (1-4).

O primeiro triunfo da Residencia lonxe da Cheda chegou con goleada. Os de Dani Galán foron superiores ao San Tirso e non tardaron en avisar ao conxunto coruñés. Un bo pase de Poratti a Txiki rematou cunha vaselina deste que sacou Roberto Prieto cando o balón xa case entraba na portería. No minuto 24 chegou o primeiro tanto. Poratti conectou con Rasilla e este disparou á escadra da portería de David. O segundo non se fixo agardar e cinco minutos máis tarde unha internada pola banda de Tkiki rematou co tanto e propia porta de Roberto Prieto.

O San Tirso comezou a segunda metade presionando e xogando un fútbol directo que a Residencia soubo defender sen ceder practicamente ocasións ao rival. O cadro lucense non eran quen de chegar con perigo á área local e a sentencia non chegou ata o minuto 90. Un bo pase atrás de Txiki rematou Xabi ao fondo da portería. No 92 recurtou diferencias o San Tirso por medio de Lucas pero aínda houbo tempo para o cuarto da Resi. López culminou unha gran xogada colectivo do conxunto lucense cun remate no segundo pao.

O Foz estivo preto do triunfo pero o Mugardos remontou no tramo final (1-2).

O conxunto mariñán foi superior ao seu rival, sobre todo na primeira metade, na que Dani Chao aproveitou un erro defensivo da zaga mugardesa para adiantar ao Foz. Os de Gayol non tiveron excesivas ocasións de gol, pero amosaron un bo fútbol diante dun conxunto chamado a pelexar o ascenso.

Na segunda metade o Foz replegouse e cedeulle o dominio a un Mugardos que buscou a igualada. Esta chegou no minuto 72 cun bo tanto desde fóra da área do ex viveirista Nes. Non lle sentou ben o tanto ao cadro local, que non soubo reaccionar e viu como Moi, en xogada individual culminaba a remontada.

O Polvorín recupera o liderato en Terceira e o Lemos pon pé e medio na fase de ascenso.

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 15

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *