#Con F de Futbolista #Feminino #Fútbol afeccionado

O PM Friol resárcese coa vitoria ante As Celtas

  • Vitorias este fin de semana do PM Friol e a SD Chantada
  • CD Lugo, Lugo B, PM Friol B e SD Antas saíron derrotadas nos seus encontros

O CD Lugo caeu pola mínima ante o Deportivo de La Coruña ‘B’, para encadear así o seu terceiro partido sen gañar. As xogadoras lucenses e o seu adestrador sabían que era un encontro complicado no que ían sufrir. Enfrontábanse a un dos mellores equipos da categoría: o Deportivo ‘B’.

As albivermellas conseguiron estar ben posicionadas no campo e defender ben. A partir de aí, a idea do adestrador lugués era montar a contra e crear perigo con transicións rápidas. Porén, aínda que na primeira metade foron capaces de manter a portería a 0, o CD Lugo non foi quen de crear ocasións.

Aliñación inicial do CD Lugo. CD Lugo

Nada máis comezar a segunda parte as coruñesas adiantábanse no marcador co tanto de Paula Monteagudo no minuto 48′. O Lugo non se veu abaixo e comezou a roubar balóns preto da área defendida por Martina, a porteira coruñesa. Así chegaron ás botas das albivermellas catro ocasións moi claras nas que empatar o partido, pero o balón non quixo entrar.



«Fixemos un gran partido, cun gran traballo de todas as xogadoras. Quizais mereciamos máis premio ca este«, declara Joaquín Blanco, o adestrador do Lugo.

O PM Friol reencóntrase coa vitoria ante As Celtas

A derrota da pasada xornada en León deixou con moi mal sabor de boca ás friolesas. Durante toda a semana, os adestramentos foron intensos para volver canto antes á senda da vitoria. O rival que as agardaba esta fin de semana era un dos máis complexos da categoría, As Celtas.

O recén formado equipo olívico conta nas súas filas cun grupo de xogadoras de enorme calidade, moitas delas con experiencia xogando xuntas na selección galega.



O PM Friol non se achicou e saiu ó partido exercendo unha presión alta. Cando pasaran tan só 5′ chegou o primeiro e único gol do partido dende un tiro de falta. Balo anotou para as friolesas, que se resarcían así despois da dura vitoria da semana pasada.

As Celtas tentaron meterse no partido con transicións moi rápidas que causaban problemas ó PM Friol. As da cidade olívica achegábanse con perigo grazas ós balóns ás costas e o seu xogo a balón parado. Foi aí cando emerxeu a figura de Sara Rodríguez, a porteira das friolesas, que foi un muro imbatíbel para as viguesas.

Un partido intenso e vistoso que puido gañar calquera. A sorte quixo que, esta vez, a sorte caera do lado amarelo.

Derrota do CD Lugo ‘B’ en Santa Comba

O filial do CD Lugo caeu pola mínima ante o Xallas FC.

O Xallas saiu ó encontro moi ordenado, pero as luguesas foron quen de plantarlles cara. «O Xallas gañounos por méritos propios, non por deméritos nosos, porque nós fixemos o noso traballo aínda que quizabes non tivemos sorte de cara á porta. Pero estamos no bo camiño«, explica Bargados, que incide en que o obxectivo principal do equipo é conseguir que as xogadoras se sintan cómodas no grupo.



Foi un gol da xogadora xalleira, Andrea Otero, no minuto 60; o primeiro e único tanto do partido que deixaría ó filial lugués sen sumar puntos na táboa clasificatoria.

O CD Lugo B tentará seguir medrando e confía en que, pouco a pouco, cheguen os tres puntos.

O PM Friol B segue sen saír a frote

O PM Friol B caeu en terras cambresas ante o Brexo Lema (3-1). O partido tivo dúas fases ben distintas. Na primeira parte nas friolesas non eran quen de atoparse co seu xogo nin de sentirse cómodas no xogo ofensivo. Porén, o Brexo Lema coas súas xogadoras, moi rápidas, facíanlles ás friolesas moito dano coas súas transicións e balóns ás costas.

A falta de concentración coa que as xogadoras do filial do Friol entraron no partido fixo que a primeira parte das amarelas fora bastante pobre. Nos primeiros minutos do encontro as cambresas adiantáronse cun 2-0, dous goles case consecutivos de Noa Ferreño (10′) e Laura Rocha (14′). As de Quiroga acudían a este partido con tres baixas importantes de tres xogadoras que aportan experiencia a este equipo tan novo: Noe, Noa e Sofía.

Xa na segunda parte, cos axustes marcados por Quiroga no paso polos vestiarios, a saída do equipo friolés foi moi distinta. As xogadoras comezaron a atopar o seu xogo, máis cómodas coa posesión de balón, con desmarques e balón ós espazos… polo que foron quen de pór o 2-1 no luminoso grazas ó tanto anotado por Carla Pena Leiras no minuto 55′. Un sopro de esperanza que chegaba para as friolesas mentres amosaban tamén no campo un bo xogo.

Imaxe do encontro entre o Brexo Lema e o PM Friol B. Hugo Quiroga

As decisións arbitrais tamén marcaron o partido. O primeiro gol do Brexo Lema tivo polémica. O fóra de xogo no que se atopaba a xogadora cambresa, Laura Ferreño, semellaba claro, pero non o viu así o árbitro polo que o tanto subiu ó marcador. A sorte contraria sufriron as xogadoras friolesas, que viron anulado un gol por un fóra de xogo que, quizabes, non era.

Con este resultado o filial do PM Friol suma a súa terceira derrota consecutiva nos tres partidos que van de liga.

A SD Chantada suma tres valiosos puntos no Sangoñedo

O encontro no Sangoñedo comezou con dous equipos que tiñan dificultades para crear perigo na área rival. A SD Chantada non se atopaba cómoda no terreo de xogo e custáballe encadenar pases fluidos para crear situacións de perigo.

As súas rivais, xogadoras do Vitoria C, tampouco se atopaban cómodas no terreo de xogo.

O descanso chegou cun 0-0 no luminoso que facía xustiza a un partido raro, sen continuidade. Despois do paso polos vestiarios, a adestradora da SD Chantada, Nieves, mudou o sistema de xogo e así mesmo, a actitude das súas xogadoras tamén cambiou. As ocasións de gol para as vermellas sucedéronse ata que no minuto 73′ Rocío Carnero anotou cun disparo dende fóra da área logo dun saque en curto dende o curruncho de Laura Vázquez.

Disparo do gol de Rocío Carnero dende fóra da área. Eva R. Argiz

A presión alta que exerceron as chantadinas impedía ó Vitoria saír cómodas co balón e propiciaba as recuperacións rápidas das locais.

Merecida vitoria para a SD Chantada que suma así outros tres puntos.

Un despiste moi caro para a SD Antas

A SD Antas foi moi superior no seu encontro ante o EF Rosalía, pero un despiste en defensa desperdiciou todo o bo traballo das seoanesas no encontro.

As xogadoras dirixidas por Dani Abelaira saíron ó partido coas ideas claras: exercer presión alta para provocar roubos en campo rival; e así o fixeron. O EF Rosalía, pola contra, apostaba por un xogo competitivo e con moita mobilidade.

As seoanesas tiveron para anotar no partido. Nuria remataría un córner no que o balón saiu rozando o pau. Tamén Jenny chegou ata a área en varias ocasións desbordando por velocidade pola banda.

Aliñación titular da SD Antas. Dani Abelairas

Na segunda metade, un saque dende o curruncho das visitantes é despexado polas xogadoras da SD Antas, pero o balón cáelle á xogadora que sacara o córner e, dende esa posición, fusila para pór o único danto do encontro.

As celestes non deixaron de pelexar ata o último intre do partido, pero non conseguiron recompensa.

Incorporación en Antas

Vero, xogadora que se podería denominar ‘histórica’ do Carballedo CF, foi dada de alta a semana pasada nas filas da SD Antas. Logo de que a súa filla ingresara no equipo cadete das de Castro Seoane, súa nai seguiu os seus mesmos pasos incorporándose ás filas do equipo celeste dirixido por Dani Abelairas. «Na decisión pesou moito a miña filla. Gustaríanos xogar xuntas algún día«, comenta Vero para FutbolinLugo.

Foto de Vero, a pasada campaña, aínda coas cores amarelas do Carballedo CF. Eva R. Argiz

A carballedesa admite que «non foi unha decisión doada» xa que o equipo da súa vila, o Carballedo CF «sempre será o meu equipo e, especialmente as miñas compañeiras do feminino sempre serán coma da familia. Eu seguirei sendo unha seguidora das ‘Guerreiras’ sempre», afirma Vero emocionada.

Desta irá a vencida?

Todo apunta a que a competición na Terceira Futgal feminina arrincará esta fin de semana. Milagrosa, Monteforte, Carballedo, Comercial e San Lázaro agardan o estourido de saída para dar inicio a unha Liga que tiña que ter comezado hai case un mes.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *