O calendario de Terceira División sufre este fin de semana unha alteración para que boa parte dos equipos poñan ao día os seus encontros adiados. É o caso do Viveiro que xogará este domingo ás 16:30 horas en Cantarrana o partido correspondente á xornada 13 diante do Fisterra, un rival directo na pelexa pola permanencia, aínda que a coa considerable diferencia de oito puntos na táboa clasificatoria. O encontro será arbitrado pola colexiada ourensá Zulema González González.
O Viveiro afronta o encontro na sexta posición, fóra dos postos de promoción de descenso, cun punto de vantaxe sobre un Arzúa que conta cun encontro disputado máis que os mariñáns. Logo da suspensión do choque da pasada xornada diante do Silva, o equipo adestrado por Chusky retorna quince días despois á competición, e tentará facelo do mesmo xeito que daquela, cun triunfo. Non serán da partida os mancados de longa duración Jacob e Roi, así como Iván con problemas de xeonllo.
Con sete encontros por diante, Cantarrana xogará un papel decisivo na posición que o Viveiro ocupe na clasificación ao final de temporada. Fisterra, Arzúa, As Pontes e Fabril terán que visitar o feudo dos celestes. Os tres primeiros marchan peor clasificados que os viveirenses, mentres que o filial deportivista conta cos mesmos puntos, aínda que xogou un encontro menos. Unha boa xeira na casa sería decisiva para a tan desexada permanencia.
O Fisterra non llo porá doado. Malia súa situación clasificatoria sumou catro puntos nos dous últimos encontros, logo da saída do banquiño de Jaime Sánchez, quen ata o momento non ten sustituto. O cadro verde foi quen de gañar no sempre difícil campo do Viso e de empatar diante do Polvorín na xornada intersemanal. Xogadores da experiencia de Marcos Caridad, Julián, Bilal, Eloy, Herbert ou o ex racinguista Juan de Dora, dan conta do bo nivel dun conxunto que pagou caro o mal comezo ligueiro.
O último enfrontamento entre o Viveiro e o Fisterra tivo lugar o 24 de novembro de 2019 en Preferente e rematou con triunfo local por dous tantos a cero. Álex Meitín e Xaime lograran os tantos mariñáns.
Falamos do encontro con Edgar, un fixo na zaga viveirense na súa primeira temporada no conxunto celeste.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
EDGAR (VIVEIRO C.F.)
– O Fisterra. «Creo que será un partido moi disputado, xa que os dous equipos necesitamos sumar os tres puntos para acadar o noso obxectivo. Agardo un rival moi intenso ao que non lle vale outro resultado que non sexa gañar dada a súa situación na clasificación».
– O camiño cara a permanencia. «Non temos que facer plans a longo plazo, simplemente pensar en nós e ir partido a partido. Debemos facernos fortes na casa, xa que a permanencia pasa por Cantarrana onde nos queda por recibir a boa parte dos rivais directos pola permanencia. Se logramos gañar este domingo ao Fisterra daremos un paso de xigante e meteremos presión ao resto de equipos».
– O primeiro ano en Viveiro. «Estou contento no equipo. É un ano raro pola Covid-19, con moita incertidume, sen saber si o fin de semana poderemos xogar ou non…pero o máis importante e seguir unha temporada máis sumando minutos e con moitas opcións de cumplir o gran obxectivo do equipo que é a permanencia en Terceira».