#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

O partido en imaxes: Racing Villalbés-RC Deportivo (0-3)

0 Racing Villalbés: Pita; Diego López, Vérez, Bruno Caballero, David Buyo; José Varela, Javi Varela, Make, Ángel; Santi Gegunde e Pedrosa. Tamén xogaron Rumbo, Marino, David, Muiña, Javi Sandá, Aitor, Cuadrado, Rares e Anxo.

3 RC Deportivo: Carlos Abad; Valín, Álex Bergantiños, Juan Rodríguez, Héctor Hernández; Nacho González, Queijeiro, Sanmartín, Gandoy; Rui Costa e Adri Castro. Tamén xogaron Alberto Sánchez, Mujaid, Borja Granero, Salva Ruiz, Bóveda, Celso Borges, Keko Gontán, Lara e Miku.

Árbitro: Jesu López (Lugo). Non tirou de cartóns.

Goles: 0-1 Lara (min. 61). 0-2 Adri Castro (min. 66). 0-3 Celso Borges (min. 77).



A Magdalena. 300 espectadores.

Hai clásicos cos que nin a pandemia pode acabar. Como a visita do Deportivo á Magdalena en pretemporada. Co correspondente resultado favorable para os herculinos. Iso si cada curso ten a súa historia.

A deste 2020, ano oficial da máscara, foi a dun duelo de contrastes. Dunha primeira metade de cor chairega para dar paso á superioridade manifesta visitante na reanudación. Unha segunda parte na que chegaron todos os goles do encontro.



O primeiro acto foi o da clásica película de Hollywood, na que o alumno avantaxado supera ao seu mestre. ‘O Profesor’ Fernando Vázquez sufrindo ante o local Simón Lamas. Ambos non foron quen de poñerse de acordo. O técnico de Castrofeito apostou de inicio polas promesas de Abegondo, escoltadas polo liderazgo de Bergantiños no centro da zaga e un inoperante Rui Costa na punta de lanza. E o Racing saiu con case todo, con ampla maioría dos supostos titulares.

O resultado: táboas ao descanso e moitas conclusións para extraer. Dende que a estancia do Deportivo na Segunda B non vai ser un camiño de rosas ata a confirmación da solidez do bloque verde e vermello. O alumno Simón Lamas cedeulle o protagonismo da película ao suposto actor principal. Pero as escenas de verdade foron para o secundario de luxo. O perigo en ataque sempre correspondeu aos da Magdalena, que avisaron nalgún intento de Pedrosa ou José Varela. E deixaron novos rexistros co fútbol de Santi. Recordando ao do vello Justino. Liberdade e unha calidade moi por enriba do que mostrou calquera dos supostos ases a seguir na matinal do sábado. En chave, branquiazul pouco que destacar máis alá do poderío fisico de Valín ou as boas maneiras de Nacho. A tea de araña local sorprendeu ao gran candidato ao ascenso na división de bronce nacional. Ao nivel de ver aos coruñeses protestando polo aire dos balóns ou os típicos saques de banda dubidosos. Evidencias da incomodidade herculina.

Cambiou o conto tralo paso pola zona de vestiarios. A segunda unidade vilalbesa claudicou ante os Keko Gontán, Mujaid, Borja Granero, Lara ou o debutante Miku. Demasiados argumentos en contra para o humilde e equipo traballador lucense. Os goles eran só unha cuestión de tempo. Lara abriu a lata nun mal despexe local dentro da área. Adri Castro fixo o segundo á saída dun córner. E o último e definitivo, obra do ‘tico’ Celso Borges. Un triunfo tan agardado como sufrido para todo un Deportivo. Un club emblemático e referente no que moitos botaron de menos a presenza dun veciño: Diego Villares, o neno de Samarugo. Velo na súa Magdalena coa branca e azul ás costas tivese sido de xustiza.

O partido en imaxes: Racing Villalbés-RC Deportivo (0-3)

R.C. Deportivo e Somozas, duros rivais para

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *