Con máis da metade da temporada consumida existen encontros que comezan a ser decisivos. Deses que un se lembra do resultado no mes de maio. Un deles pode ser o que o vindeiro domingo ás 16 horas enfronte, no campo de A Liga, ao Santaballés e ao Burela co arbitraxe de Xavier Rebolo Jul. Dous equipos que partían en setembro como aspirantes ao ascenso, aínda que sen obrigas, un máis modesto e outro cargado de historia en categorías superiores, pero agora metidos en faena, ningún quere deixar pasar a oportunidade de ocupar un dos dous postos de ascenso a Preferente.
O Santaballés pasa por ser o equipo máis en forma da Primeira Autonómica. Segundo clasificado a só tres puntos do Atlético Escairón e con catro de marxe sobre o Pol, terceiro e cinco sobre o seu rival desta xornada. O conxunto adestrado por Dani Moirón acumula catorce xornadas sen perder (dez triunfos e catro empates) e mantense invicto no seu feudo, onde só o Friol foi quen de arañar un empate. Con eses números afronta o conxunto chairego un encontro chave ante o Burela, ao que de gañar deixaría a oito puntos. De tódolos xeitos o encontro da primeira volta non é un bo precedente para o Santaballés, xa que colleitou na Marosa a derrota máis abultada da temporada.
O Burela é o equipo con menos derrotas da categoría, tan só dúas, ante o Atlético Escairón e o Riotorto a domicilio e ten na súa zaga un dos puntos fortes, sendo o segundo equipo menos que menos tantos recibe, superado soamente polo líder. Pero varios empates no seu campo ante conxuntos da zona baixa como Folgueiro, Guntín ou o da pasada xornada ante o Lourenzá, impiden que os de Jaime Méndez asaltaran os postos de ascenso. Pero o cadro verde aposta forte para que esta temporada sexa a do retorno a Preferente, e reforzouse neste mercado invernal con Jairo, que chega do Viveiro e Uru, que retorna ao fútbol logo dun parón, pero xa formara parte da S.D. Burela.
O último enfrontamento no campo da Liga entre ámbolos conxuntos tivo lugar o 17 de febreiro de 2019 con triunfo local por tres tantos a cero. Os goles foron obra de Hugo, Vérez e Nico.
Falamos do encontro con dous dos goleadores: Dani San (Santaballés) e David Ben (Burela).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
DANI SAN (S.D. SANTABALLÉS)
– O Burela. «Sen dúbida agardo un partido moi duro e moi físico no que os dous equipos iremos a polo partido dendo o pitido inicial. Creo que será determinante aproveitar os bos momentos que teñamos ao longo dos noventa minutos. Sabemos que o Burela é un equipo moi forte en tódalas liñas, ten as cousas moi claras e sabe ao que xoga«.
– A racha. «A verdade é que estamos nun bo momento e iso da tranquilidade. No vestiario o máis importante é a alegría e a ilusión que tódolos xogadores amosamos día a día polo traballo de cada partido e cada adestramento. Iso lévanos a estar máis unidos e a seguir traballando tódalas semanas para poder disfrutar desta situación«.
– O ascenso. «Está sendo unha liga moi disputada e con moitos cambios. Creo que hai equipos que xa foron diseñados para ascender e pelexarán por eles, pero sen dúbida serán aqueles que máis traballen os que o acaden e ninguén o vai poñer doado».
DAVID BEN (S.D. BURELA)
– O Santaballés. «Será un partido duro e igualado que se vai decidir nos pequenos detalles. O rival ten un bo equipo e está moi forte na casa, onde aínda non perdeu. Ben seguro que vai apretar para levarse os tres puntos».
– Últimos tropezos. «A pesar dos últimos resultados, confiamos en volver á senda do triunfo para meternos de cheo de novo na pelexa. Temos claro que este partido é fundamental para conseguir achegarnos aos postos de ascenso».
– Primeiro ano sénior. «Está sendo unha boa temporada, aínda que sempre se pode mellorar. Nos primeiros encontros do ano nótase un pouco o cambio de pasar de xogar en xuvenís, pero logo te acostumas. Axudoume moito o feito de ter xogado algúns partidos xa en sénior, tanto na anterior etapa no Burela como os dous últimos anos no Viveiro».