Este domingo porase o broche a esta temporada 2018/2019 no fútbol lucense. O esceario é o idóneo: A Madalena, onde se viviron moitos dos momentos máis apaixoantes desta campaña, e onde o Racing fixo historia disputando dúas eliminatorias de playoff. Pero desta vez, non xogarán os de Gilsanz, senón que se disputarán dúas finais, a da Copa Feminina ás 17 horas, e a da Copa de Preferente e Primeira Autonómica ás 19 horas.
PELUQUERÍA MIXTA FRIOL – ANTAS S.D. (FINAL DA COPA FEMININA)
Abrirán fogo ás 17 horas as rapazas nun encontro de altos voos. O Friol, que milita en Segunda División Nacional, e que a vindeira temporada será equipo vinculado ao C.D. Lugo, enfróntase ao Antas, recén ascendido a Primeira Galega, logo dunha temporada pra enmarcar das rapazas de Melendo.
O Friol deixou na cuneta en semifinais á Milagrosa, logo de deixar sentenciada a eliminatoria na ida na Reigosa, amosando o por qué da categoría na que militan, e tentarán poñer o broche a unha gran temporada levantando o trofeo provincial.



Pola súa banda, o Antas tamén tivo unha eliminatoria plácida ante o Ribadeo, gañando a domicilio na ida, e goleando no Castro Seoane. Tras realizar unha campaña ligueira prácticamente perfecta, as da Ulloa queren pechala ao grande. «Chegamos a esta final con moitas ganas e moita ilusión de conseguir algo importante, e moi concienciadas de que pode ser o ano que se poña contra as cordas ao poderoso Peluquería Mixta Friol», apunta Melendo, técnico do Antas. As xogadoras, logo do ascenso de categoría gañaron en confianza e según Melendo, «sabemos que o que era imposible, como gañar a copa, este ano podemos logralo. Sabemos que será difícil e que imos sufrir, pero é a única opción. Se xogamos como temos preparado ben seguro que teremos posibilidades».
S.D. PÁRAMO – S.D. OUTEIRO DE REI (FINAL DA COPA DE PREFERENTE E PRIMEIRA AUTONÓMICA)
Nada máis rematala final feminina, ás 19 horas, xogarase a final da Copa de Preferente e Primeira Autonómica, entre dous equipos que chegaron a esta competición nun gran momento de forma, clave a estas alturas de temporada: Páramo e Outeiro de Rei.


O conxunto de Fontal, que logrou a permanencia en Primeira na derradeira xornada goleando a domicilio ao Bóveda, afronta a súa primeira final. O camiño para chegar a ela non foi doado. Na primeira rolda eliminou á Sarriana na quenda de penaltis. En oitavos goleaou ao Xermade, mentras que en cuartos voltou a triunfar nos penaltis na Pinguela ante o Lemos. Na semifinal, nun gran encontro do meta Lisboa, o Páramo desfíxose do Viveiro e plantouse na final, que afrontan con gran ilusión. Corbelle, goleador do Páramo en semifinais apunta que «é unha gran oportunidade para o clube e para nós. Estamos ilusionados e mentalizados, e temos que facer un bo papel na final«. Para Corbelle é clave manter o nivel dos últimos encontros, «confío en facer un bo encontro. Somos un grupo unido que tiramos todos para o mesmo lado. Os últimos resultados déronse grazas a que formamos unha familia, máis que un equipo«. O xogador do Páramo cédelle a presión ao seu rival «son os favoritos. O Outeiro ten grandes xogadores que veñen de xogar nunha categoría superior, unha mezcla de xóvenes e veteranos que sincronizan moi ben entre eles, pero daremos guerra«.

O Outeiro de Rei, malia a competir na Copa co mal sabor de boca de non poder manter a categoría en Preferente, chegan á final dun xeito moi meritorio. Logo de quedar exente na primeira rolda, eliminou a domicilio ao Ribadeo en oitavos, ao Monterroso en Cerdeiriños en cuartos, e goleou ao Taboada na Medela en semifinais. «Unha final non se xoga tódolos anos. Hai ilusión e iso sempre axuda a estas alturas de temporada«, recoñece Pereira, dianteiro do Outeiro de Rei. Pese ao descenso de categoría, remataron a liga amosando un gran nivel de xogo e conseguindo os mellores resultados do ano. Según Pereira «tardaron en saírnos as cousas e nunha competición tan dura como a Preferente págase moi caro. Na Copa estivemos competindo a un gran nivel, defensivo e ofensivo e agardamos poder mantelo na final«. Non dubida en afirmar que vai ser un encontro moi difícil ante o Páramo, «sempre foron un equipo moi intenso e que disputa os partidos ao cento dez por cen. Estou seguro que vai ser un gran partido«.