#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O partido da xornada . . . dous derbis que deciden a permanencia en Preferente

Coas restantes categorías do noso fútbol xa embarcadas na disputa da Copa Deputación, a Preferente tamén baixa o pano este fin de semana. Cinco conxuntos xa non poñen en xogo máis que a honra de logralos tres puntos. O Polvorín xa co ascenso no peto, Ribadeo e Castro sen opcións de ascenso e EscairónOuteiro de Rei xa descendidos. Pero esta derradeira xornada aínda ten moito en xogo para o noso fútbol provincial. O Viveiro C.F. e a S.D. Residencia xóganse a permanencia na categoría, e farano en dous derbis!

⇒ Viveiro C.F. – C.D. Castro (Domingo ás 18 horas en Cantarrana)

O conxunto viveirense ocupa o décimoquinto posto na clasificación con 43 puntos. Malia que a día de hoxe non depende de si mesmo para lograla permanencia é posible que á hora de comezo do encontro si o faga. Terá que estar pendente do que ocorra co Coruxo e o Compostela. Se o conxunto vigués mantén o sábado a categoría no encontro que o enfronta ao Mérida, e o domingo en horario de mañá o Compos logra o ascenso ante o filial do Espanyol, o Viveiro gañando o seu encontro ante o Castro será equipo de Preferente a vindeira campaña.

A afección de Cantarrana agarda que o conxunto de Chusky poda seguir un ano máis en Preferente

No caso de que non se den as circunstancias propicias, os da cidade do Landro terán que sacar adiante o seu partido e agardar o que ocorra en dous encontros: Dumbría – San Tirso e Paiosaco – Ordes. Unha derrota de San Tirso ou Ordes, xunto coa victoria propia salvaría o Viveiro.



«As nosas posibilidades pasan por acadalos tres puntos ante o Castro. Estaremos atentos ao que fagan Coruxo e Compostela, pero nós temos que gañar porque tamén os equipos que veñen detrás como Residencia, Betanzos ou Dumbría poden superarnos. Hai moitas combinacións que nos serven, pero temos que cumplir en Cantarrana ante a nosa afección, que se merece todo. É a nosa última bala, e iremos a por todas«, explica Chusky, adestrador dun Viveiro, que logo dunha accidentada temporada tentará lograr a ansiada permanencia ante un Castro sen obrigas classificatorias.

⇒ S.D. Residencia – S.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 18 horas na Cheda)

Máis complicada aínda é a situación da Resi. Precisa tamén dos «favores» dos conxuntos de superior categoría ou ben dunha derrota do Viveiro. Polo tanto, o conxunto lucense ten a obriga de acadalos tres puntos ante o Outeiro de Rei na Cheda. «O partido afrontámolo como unha final, só nos vale a victoria. Enfrontámonos a un conxunto que chegou moi ben ao final de liga, pero temos que sumar os tres puntos e cando remate a xornada ver se temos opcións reais de salvación» apunta Álvaro Meilán, adestrador da S.D. Residencia. Para o técnico lucense «é clave correxir erros de xornadas pasadas, nas que se nos escaparon puntos nos últimos minutos ante Arteixo, Ordes e Boimorto. Debemos ser mellores nas dúas áreas«.



O conxunto dirixido por Meilán viuse moi penalizado nos últimos minutos de moitos encontros esta temporada

O Outeiro de Rei, descendido desde fai varias semanas, ven amosando nas últimas xornadas un gran estado de forma, logrando catro triunfos consecutivos, e estando a pique de empatar o pasado domingo ante o Polvorín. Para Xoán Peón, adestrador do Outeiro «tentaremos preocuparnos do noso que é adestrar o mellor posible e competir e xogar o mellor que poidamos. Entendo a situación complexa dos rivais, pero xa me gustaría a min xogarme o mesmo. Respectámolos moito e non é agradable fastidiar a ninguén, pero isto é moi longo e o do domingo é un encontro máis. Que ningúen espere unha sobremotivación pola nosa parte, seremos os de sempre«. O adestrador do Outeiro avoga por unha boa saúde do fútbol lucense, «debemos deixarnos de rivalidades que vaian máis alá de cada encontro. O Polvorín xa está en Terceira e ogalla o Vilalbés poidera subir a Segunda B. En Preferente sería unha gran nova que se poideran salvar Viveiro e Residencia. Canto máis arriba estén tódolos equipos é mellor para todos«.

[themoneytizer id=»15360-3″]

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Fase de ascenso a Segunda B

Atlético Pulpileño – Racing Vilalbés (Domingo ás 18 horas no Estadio San Miguel de Pulpí): a máis de mil kilómetras da capital chairega, o Racing buscará meterse na segunda rolda do playoff de ascenso. Logo do empate a cero goles da ida, un triunfo ou un empate con goles clasificaría aos pupilos de Gilsanz.

Preferente Norte

 – Polvorín S.D. – Estudiantil (Domingo ás 18 horas no Anxo Carro): encontro que servirá de homenaxe, nun esceario de luxo, ao filial do C.D. Lugo, tras acadalo ascenso a Terceira.

O gol de Cuadrado deulle o ascenso ao filial lucense. Foto: Endie DoaRúa

– Ribadeo F.C. – Xallas F.C. (Domingo ás 18 horas no Pepe Barrera): logo das dúas últimas derrotas os mariñáns chegan sen opcións de ascenso á última xornada, pero quererán brindarlle un triunfo á súa afección ante un rival que vén de facer unha gran segunda volta.

– Atlético Escairón – S.D. Sofán (Domingo ás 18 horas no Municipal): o conxunto do Saviñao buscará un triunfo na que será a súa despedida da categoría nunha temporada complexa.

Copa Deputación (Preferente/Primeira)

 – C.D. Foz – U.D. Xove Lago (Domingo ás 18 horas no Municipal): derbi mariñán entre dous conxuntos que poden aspirar ao título copeiro. Ámbolos conxuntos chegan logo de caer derrotados como locais na última xornada ligueira.

Juanjo buscará prolongalo seu idilio co gol tamén na Copa

A.D. Bóveda – Club Lemos (Domingo ás 18 horas no Hermanos Somoza): os de Edu Rodríguez, que continuará un ano máis no banco monfortino, buscarán o pase á seguinte rolda, no sempre complicado campo do Bóveda.

Copa Deputación (Segunda/Terceira)

 – U.D. Folgueiro – S.D. Burela (Domingo ás 18 horas en Boa Vista): derbi entre dous dos conxuntos máis pontentes da Segunda. Os do Vicedo quererán triunfar na Copa, ante un Burela que xa o fixo na liga, pero que se mostra ata o de agora intratable.

S.D.C. San Lázaro – C.D. Brollón (Domingo ás 18 horas na Ponte): os lucenses, tras derrotar ao Friol na pasada rolda, buscará a continuidade no torneo ante un Brollón que vén de eliminar na tanda de penaltis ao Corgo.

Segunda Feminina

C.F. Rúa Valdeorras – Antas S.D. (Domingo ás 17 horas no Aguillón): as rapazas de Melendo afrontan un encontro histórico. Unha victoria daríalles o ascenso directo a falta dunha xornada sen depender de rivais.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *