É un deses partidos diferentes. Un auténtico duelo entre veciños. Un encontro cuxa rivalidade habería que buscala na prehistoria. Moito antes de que chegase o fútbol. Na raíz máis fonda das rivalidades locais que, para ben ou para mal, temos por estas terras. A envidia do veciño só lle falta ser deporte olímpico. En pleno corazón da Terra Chá. Un leva o nome do concello. O outro da parroquia máis prolífica.
Un partido dos que se anotan no almanaque. Aínda que os tempos xa non son os que eran. Como positivo, que a rivalidade en si vai a menos. Pero como negativo tamén é a perda de interese por parte da afección. Nesta temporada 2019/2020 os dous equipos do concello de Cospeito vólvense atopar na mesma categoría. Na primeira volta gañou o Cospeito no Pichón (0-3). Este domingo tería lugar o seu segundo derbi do curso. Correspondente a 21ª xornada da Segunda Rexional grupo norte. E como o maldito virus non nos deixa desfrutalo a pé de campo, propoñémosvos outro plan: desfrutar do derbi dende a vosa casa e seguindo o noso twitter.
A idea parte da experiencia practicada a semana pasada polo CD Leganés. Vía twitter transmitiu o partido que se tiña que xogar en Butarque contra o Valladolid. Un xeito de concenciar a poboación da necesidade de quedarse na casa nestes días. Pero tamén de seguir divertíndose con esa cousa máis importante das menos importantes. Xuntando realidade e retranca, o Leganés fixo pasar un bo momento aos seus. Na medida do posible, nós tentaremos facelo mesmo. Este domingo ás 16:30 xogamos co Cospeito – Muimenta como se estiveramos na Fonte. E coidado con pasarse porque temos colexiado. Jésus López Fernández, deixa momentaneamente a Terceira Galega para asubiar este encontro de alto nivel. E para os que xoguen con nós haberá premio. Todos aqueles que participen cun retweet de calquera das publicacións relacionadas con esta transmisión, entrarán no sorteo de 4 entradas para o día de reapertura da Discoteca Hermo e de 4 camisolas do centro de ocio con sede en Muimenta.
A situación clasificatoria de cada un é distinta. O Cospeito está asentado na zona media da táboa. Sufrindo moito menos ca o curso anterior. Non obstante, o número de equipos antecesores e a distancia de 10 puntos, fai que sexa complicado loitar polos postos de ascenso. Aínda así, unha vitoria este domingo podería reforzala moral dun grupo que aínda ten que recibir na Fonte o Sanci ou o Meira. En cambio, o Muimenta precisa os puntos para afastarse do descenso. Mantén seis de vantaxe co descenso directo. E cinco sobre o Goiriz, que ocupa unha praza que podería ser tamén de descenso no suposto caso de que houbera arrastres.
Analizamos a previa deste emocionante partido dende a casa con dous referentes do xogo de cadanseu club. Ademais teñen pasado nos dous equipos. Falamos con Manuel Lozano “Congui” que na súa taxectoria futbolística vestiu a celeste. Agora é un dos veteráns do CD Cospeito e mentor de que esta idea se puxese en marcha. E tamén conversamos con Jairo Gegunde. Por terceiro ano seguido é un dos líderes no campo da SD Muimenta, pero tamén conta no seu historial con temporadas nas que portou a camisola vermella. Tanto nos xuvenís como no primeiro equipo.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
CONGUI (COSPEITO)
– A temporada: «Está sendo bastante máis tranquila que estas últimas, donde sempre estabamos preto dos postos de descenso. Somos un equipo cunha media de idade moi nova, a pesar de Nano, Lalo, eu…(risas). Pero con xente que xa leva anos competindo nesta categoría. Esa experiencia nótase. Esperamos poder engancharnos o máis arriba posible. Está todo moi igualado, aínda que os postos de ascenso xa se nos escaparon un pouco».
– O derbi: «Eu que son do Depor teño fácil a comparación. É un mini Depor-Celta (risas). Non é un partido máis, sempre hai ese pique sano e esa motivación extra dun partido especial».
– Lembranzas: «Teño moitos recordos. Pero gustaríame destacar o cambio que deu o derbi desde fai anos a agora. Antes eran partidos con moitas discusións, moita trifulca, pelexas…Agora, a pesar desa motivación extra que sempre temos, penso que se levaron a un ambiente máis sano. Pique si, pero dentro duns límites».
SEGUINDO AS RECOMENDACIÓNS DO ESTADO DE ALARMA…
– Último compañeiro de equipo ao que tocaches?: «Seguramente a Xesu ou a Xoán, que sempre viaxamos xuntos aos adestramentos e aos partidos».
– Cando foi a última vez que saíches da casa e para que?: «Saín o mércores tirar o lixo. Toda unha experiencia (risas). E hoxe toca ir ó supermercado repoñer para dúas semanas máis. A ver se chego san e salvo».
– A que compañeiro poderías sacar a pasear?: «A Xesu. A parte de que sempre o levamos a adestramentos e partidos, para pasear necesitamos un can, non? Pois iso (risas)».
– A temporada: «É bastante complicada porque os resultados non chegan. En moitos partidos fomos superiores ao rival, pero fáltanos gol. Seguro que neste tramo final da liga os resultados chegarán. Aínda que non esteamos en descenso non nos podemos descoidar polos arrastres».
– O derbi: «Cos anos foise perdendo algo a rivalidade. Hai varios compañeiros cos que xoguei en Cospeito. Iso fai que a rivalidade non sexa tanta. Aínda que no vestiario moitos compañeiros teñan gana de xogar eses partidos».
– Lembranzas: «O mellor recordo que teño foi coa camisola do Cospeito. Era xuvenil de segundo ano e era a primeira vez que me chamara Iván Lamas para ir co primeiro equipo. Entrei dende o banco cando perdiamos 0-1. Provoquei un pensalti que dera o gol da remontada. Acabamos gañando».
SEGUINDO AS RECOMENDACIÓNS DO ESTADO DE ALARMA…
– Último compañeiro de equipo ao que tocaches?: «Hugo»
– Cando foi a última vez que saíches da casa e para que?: «Ao campo de fútbol para ir correr con Miguel Morán».
– A que compañeiro poderías sacar a pasear?: «A Cancio porque coa idade que ten pódelle subir o colesterol. Aínda que sempre da exemplo como persoa e como xogador».