A segunda xornada da derradeira fase na Primeira Autonómica tráenos auténticos partidazos. Un deles será o que disputen o domingo ás 17:30 horas no Arturo Pereiro o Castro e o Chantada. Dous candidatos ao ascenso a Preferente fronte a fronte. Arbitrará o colexiado lucense Iván Prado López.
O Castro completou unha gran primeira fase, na que rematou líder do subgrupo norte. Os de Xoán Peón dominaron desde o comezo unha competición na que amosaron un poderío case insultante no seu campo, onde non encaixaron un só tanto ata o penúltimo encontro diante do Pol, sendo este o único partido no que colleitaron unha derrota. A segunda fase comezou con bo pé para os chairegos. Na primeira xornada derrotaron no Sangoñedo ao Chantada Atlético e consolidaron o liderado do grupo de ascenso.
O Chantada rematou na terceira posición a primeira fase. Logo dun comezo ligueiro un tanto dubitativo, os de Javier Montoto colleron velocidade de cruceiro e tan só perderon dous encontros desde o pasado mes de novembro, o derbi diante do Chantada Atlético e no Chao da Poza co Portomarín. Agora, nesta fase decisiva, á que chegan cun ritmo ascendente, o conxunto chantadino tentará acadar o premio do ascenso. Na xornada inagural foi quen derrotar ao Pol, candidato número un ao salto de categoría.
O último enfrontamento entre o Castro e o Chantada no Arturo Pereiro data do lonxano 19 de decembro de 2015 en Preferente, e rematou con empate sen goles. Un dos nosos protagonistas, Manu Rodríguez entrou no céspede na segunda metade.


QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
SAMU (CD CASTRO)

- Máxima implicación. «O equipo atópase moi ben e todos temos gañas de xogar. Tanto os do primeiro equipo como os do filial estamos moi implicados e iso fai que os adestramentos melloren e cheguemos en mellores condicións ao fin de semana, e polo tanto, con máis opcións de pelexar polos tres puntos en cada encontro».
- O encontro. «Será difícil, ante un rival duro. Xa se viu a pasada semana diante do Pol, que pelexan e déixano todo no campo. A clave vai estar na intensidade. Sabemos que eles van dar todo durante os noventa minutos, e se te relaxas, aínda que sexa un minuto, eles aproveitarano».
- A clave para acadar o obxectivo. «É unha liga moi curta onde unha derrota pode facer que perdas dous postos. Esa é a realidade, polo que hai que ter cabeza e calma, sin que nos poda ningún tipo de presión. Non volvernos tolos e estar unidos como equipo, como o levamos facendo ata o momento será fundamental. Creo que o rival máis duro será o Pol, malia a derrota co Chantada. Teñen ao mellor xogador da liga, Iván González e non teño dúbidas de que estarán aí ata o final. A Portomarín e Chantada tamén os vexo moi fortes».
MANU RODRÍGUEZ (SD CHANTADA)

- Tranquilidade para afrontar a segunda fase. «Chegamos co obxectivo principal cumprido e coa ilusión de loitar cos mellores da liga por dar o salto de categoría. A pesar de ter algunha que outra baixa, chegamos nun bo momento, pois temos un cadro de xogadores amplo para que non se noten moito as ausencias. O triunfo co Pol sérvenos para ver que competindo ao noso máximo nivel somos capaces de prantarlle cara e gañarlle a calquer rival, o que supón unha gran dose de moral para afrontar o que resta de fase».
- O Castro. «Agardo un encontro con poucos goles e que se defina por pequenos detalles. Debemos ser sólidos a nivel defensivo e aproveitar as ocasións que teñamos, xa que o Castro apenas concede, polo que necesitamos estar atinados na finalización. Ademáis teñen bos xogadores tecnicamente aos que lles gusta ter o balón para facer fútbol combinativo. Trataremos de que non se sintan cómodos con él, senon poden facernos moito dano».
- A seguridade defensiva para lograr o ascenso. «Ser un equipo forte atrás será fundamental para estar na pelexa polo ascenso, xa que, calquer rival nesta fase pódeche facer gol con facilidade se non estás firme en defensa. A partir de aí, debemos sacar os nosos partidos no Sangoñedo e non perder como visitante, tentando rascar algunha vitoria que che de ese salto na táboa para estar no máis alto. Castro e Pol son os grandes favoritos, pero nesta liga tan igualada non serán os únicos que cheguen ao final con opcións».
a axenda
PREFERENTE NORTE – FASE DE PERMANENCIA

- Ribadeo – Estudiantil (Domingo ás 17:30 horas no Pepe Barrera): encontro propicio para que os de Dani Moirón comecen con bo pé o seu camiño cara a permanencia. A boa xeira dos mariñáns contrasta coa deficiente temporada dos visitantes, que só foron quen de acadar un triunfo.
- Foz – Laracha (Domingo ás 18 horas no Martínez Otero): semana na que o conxunto focense fixo un chamamento á súa afección para que acuda de forma masiva ao Martínez Otero. Tres puntos fundamentais para abandonar o último posto do subgrupo.
- Escairón – Boiro (Domingo ás 17 horas no Municipal): primeira oportunidade para os de Jorge Rodríguez de trocar a mala xeira de resultados da primeira fase. Enfronte un conxunto chamado a pelexar polo ascenso, que terá que loitar pola permanencia.
PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO
- Pol – Taboada (Domingo ás 17 horas no Municipal de Pol): trascendental encontro para o cadro local logo da derrota da pasada xornada. Os de Germán Campos precisan dun triunfo que os coloque de novo preto do ascenso, diante dun Taboada nun gran momento de forma.
PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA
- Outeiro de Rei – Lourenzá (Domingo ás 12 horas no Municipal de Outeiro): logo de que ámbolos conxuntos lograran importantes vitorias na primeira xornada o que acade os tres puntos dará un paso de xigante cara a permanencia.
SEGUNDA AUTONÓMICA – GRUPO 1 ASCENSO
- San Ciprián – Meira (Domingo ás 17 horas na Veiga): dous dos grandes favoritos ao ascenso fronte a fronte. Os mariñáns chegan feridos no seu orgullo logo da goleada colleitada en Cospeito e precisan dun triunfo para igualar a puntos cun Meira que deu boa conta do Celta Barreiros na Lomba.
SEGUNDA AUTONÓMICA – GRUPO 2 ASCENSO
- Ferreira – Paradela (Domingo ás 16:30 no Baliño): despois da derrota no campo do Antas, os de Pantón precisan dun triunfo no seu feudo para achegarse ao primeiro posto. Os visitantes chegan coa moral polas nubes logo dun importante triunfo do Oural.
SEGUNDA AUTONÓMICA – GRUPO 1 PERMANENCIA

- Mondoñedo – Fonsagrada (Domingo ás 17 horas no Viñas da Veiga): os de Julio Castro non comezaron a fase de permanencia como desexaban. Dúas derrotas ante dous «rivais directos» como Abadín e Goiriz, fan do encontro diante do Fonsagrada unha final anticipada. Os visitantes chegan tras perder no seu campo co Iberia.
TERCEIRA AUTONÓMICA – GRUPO ASCENSO C1
- Nuevo Nausti – Rioaveso (Domingo ás 16:30 horas no Anexo á Madalena): logo do triunfo da primeira xornada desta fase de ascenso o conxunto local tentará darlle continuidade á boa xeira no derbi vilalbés diante dun Rioaveso que vén de empatar diante do Castro B.
TERCEIRA AUTONÓMICA – GRUPO ASCENSO C3
- Lemos B – Monterroso B (Sábado ás 17 noras na Pinguela): primeiro contra segundo. Os dous conxuntos filiais son os equipos con máis opcións de xogar o vindeiro ano en Segunda.
PRIMEIRA GALEGA FEMININA – FASE PERMANENCIA
- Peluquería Mixta Friol – Orzán (Sábado ás 12 horas na Reigosa): logo do contundente triunfo acadado na pasada xornada, o conxunto lucense recibe ao líder. Un triunfo do filial do PM Friol sería un paso de xigante de cara ao obxectivo da permanencia.