Foto de portada: imaxe correspondente ao inicio de tempada do Nuevo Nausti co xa ex Óscar Jaime como adestrador
Comezou a segunda fase na Terceira Rexional. Púxose en marcha co formato especial para esta temporada. Hai catro grupos con catro equipos cada un en funcións das súas posicións da 1ª fase. Xóganse seis partidos (1ª e 2ª volta) e o campión ascende de categoría.
Os primeiros clasificados no primeiro tramo de competición pasaron cunha lixeira vantaxe na clasificación. Non obstante, as diferenzas son mínimas. De entrada, todos os equipos parten con opcións de ascenso. E se non que llo digan ao Nuevo Nausti que se coloca a un punto do líder no seu grupo.
No grupo C1 da zona norte, o Castro B ocupa nestes momentos a praza de ascenso. O filial adestrado por Isaac Rouco empatou sen goles na súa saída a Paraños para xogar co Rioaveso.


Pola súa banda, o Nausti venceu no sempre difícil campo do Catro Ventos ao Cazás. E con remontada completada co gol de Botana. O equipo de Xermade púxose cun 2-0 a favor, gol de falta directa de Bellas incluído. Pero os visitantes lograron darlle a volta. O equipo vilalbés pasou con 0 puntos á 2ª fase, pero agora mesmo suma 3 (igual ca o Rioaveso) e está a un punto do líder.
No grupo C2 da zona norte, o Catro Roldas e a Comercial manteñen o pulso pola posición cabeceira. O cadro de Román é o primeiro na táboa cun punto máis que os da capital. O conxunto amarelo venceu na Canteira ao Friol B. Ramiro volveu a exercer de referente da defensa do Catro Roldas no ano do seu regreso ao equipo da súa parroquia.
Pola súa parte, a Comercial superou pola mínima ao Celeiro. Aínda así, os visitantes presentaron batalla a pesar da infortuna de encaixar moi cedo o gol de Peri. Tiveron ocasións para poder levar algo máis positivo para Viveiro.


No grupo C3 do grupo sur, mandan os filiais. O líder é o Lemos B cun punto de marxe sobre o Monterroso B. O cadro lemista conseguiu un importante triunfo a domicilio ante o Castroverde poñendo cinco puntos de por medio. O filial de Monterroso superou sen apuros ao Relámpago Taboada. Marco realizou unha boa actuación asistindo aos seus compañeiros.
No grupo C4 do grupo sur, segue na cabeceira o Sober. Venceu pola mínima ao filial do Taboada fóra da casa. Quen non quere perder comba é o Carballedo. Derrotou no Poste ao Rubián e colócase segundo superando a un previsible rival directo. Os dous goles do encontro marcounos no segundo tempo.