O Cospeito sorprende no liderado do norte e «unha estrela» deixase ver no sur

Álex Diéguez chegou nas últimas semanas ao Antas e liderou a importante vitoria do equipo sobre o Ferreira

Foto de portada: presentación de Álex Diéguez co Paiosaco na metade da tempada 2020/2021

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

A Segunda Rexional vai collendo forma na 2ª fase xa con todos os grupos en xogo. Na zona norte, os triunfos do Cospeito e do Meira déixaos encabezando a clasificación para subir de categoría. No sur, goleada da SD Becerreá e tres puntos de nota do Antas sobre o Ferreira con papel destacado para Álex Diéguez.

Na segunda xornada da fase polo ascenso da zona norte, o Cospeito e o Meira lideran o grupo. Os pupilos preparados por Luis están comezando do mellor xeito posible esta 2ª fase. Trala vitoria a domicilio ante o Celta Barreiros, derrotaron na Fonte con claridade ao Sanci. Catro goles no segundo tempo. Iso si, os visitantes tamén tiveron as súas oportunidades, principalmente, na primeira metade que rematou sen tantos.

Deportes Élide

Pola súa banda, o Meira suma tamén nove puntos ao conseguir os primeiros tres neste tramo de competición. Venceu tamén con contundencia ao Celta Barreiros na Lomba. Un dos catro goles foi anotado polo incombustible Farra. O futbolista de Pousada foi un dos destacados do encontro.

O Sanci ocupa agora a 3ª praza a tres puntos do líder. Na cuarta posición sitúase a Candelaria con cinco puntos logo de empatar ante o Guitiriz. Partido sen goles que deixa aos dous conxuntos igualados na metade da táboa.

Con catro puntos púxose o Muimenta logo de gañarlle ao Cabreiros pola mínima no Pichón. Pola contra, o equipo preparado por Abel Rochela non atravesa o mellor momento da tempada e non termina de lograr bos resultados de xeito continuo no que vai de 2022. Algo que si conseguira de maneira destacada no inicio de liga.

Na segunda xornada da fase pola permanencia na zona norte, o Xermade, o Iberia e o Matela queren coller diferenzas para evitar problemas. O club xermadino enlazou a segunda vitoria seguida ante o Abadín. Unha xeira que non conseguira no que vai de campaña. O triunfo neste último encontro tivo ao capitán Esteban como a un dos mellores sobre o céspede do Municipal. Ángel Prieto é o único porteiro da zona norte que non encaixou gol nestas dúas xornadas de 2ª fase.

A pesar da derrota, no Abadín salientou a boa actuación de Seco. O dianteiro pastoricense xogaba o seu primeiro partido co cadro abadinense xa que fichou nos últimos días procedente do Sporting Lucense. Do equipo capitalino tamén chega o atacante Jaco.

Pola súa parte, o Iberia trouxo os tres puntos da súa visita ao Fonsagrada. Venceu pola mínima cun gol de Dani Prieto e ponse xa cunha diferenza de sete puntos con respecto a única praza de descenso.

Con seis puntos de marxe sobre a última posición está o Matela. O cadro preparado por Merino tamén se reencontrou co triunfo ante o Roupar. Mejuto debutou como mediocentro e foi un dos destacados do seu novo equipo. O taboadense chega procedente do Riotorto, ao igual que Henry que tamén se estreou. Alberto, outra das incorporacións, tivo minutos no segundo tempo. Das fichaxes anunciadas polos de Outeiro, faltarían Robert e Mauricio por debutar.

Tamén segue sumando o Goiriz. O conxunto vilalbés venceu no Ventiño a un Mondoñedo que nestes momentos ocupa a posición de descenso. Está a dous puntos da salvación; a distancia que o separa do Roupar.

Juan Diéguez cumpría a súa 5ª tempada no Río Sil. Conseguiu o ascenso á 2ª en 2019 e dúas permanencias na categoría

Na primeira xornada da fase polo ascenso da zona sur, a SD Becerreá acreditou o feito na primeira parte da liga cunha clara vitoria sobre o Río Sil. O conxunto soberino non ten adestrador dende a saída de Juan Diéguez. Xente do club dirixe ao equipo estas semanas.

A dous puntos do líder sitúase o Paradela. O cadro preparado por Rubén Bergantiños superou ao Oural pola mínima cun bo gol de Romy. O atacante paradelés realizou unha gran xogada individual que foi clave para desequilibrar a balanza no marcador.

A tres puntos da praza de ascenso colócase a Milagrosa que venceu ao filial da SD Chantada. O atacante Anxo tivo un papel principal anotando os dous goles do partido para os seus.

Empatado coa Mila está o Ferreira que perdeu no Castro Seoane. O Antas superou ao equipo de Pantón que sobresaíu na primeira fase. No conxunto da Ulloa destacou Álex Diéguez. O futbolista monterrosino xogou o seu cuarto encontro coa camisola celeste. Chegou logo dun periplo nos últimos anos pola Terceira División en equipos como o Bergantiños ou o Paiosaco. Na Terceira Galega chegou a participar en case 50 partidos.

Álex fichara o pasado verán no Arzúa pero non chegou a estrearse en competición oficial. Os lazos familiares que o unen ao cadro de futbolistas do Antas foi clave para recalar alí e convertirse nun reforzo de luxo para o tramo final de campaña.

Na segunda xornada do grupo de 5 equipos que loitan pola salvación no sur, o Páramo segue con 7 puntos lodo de caer nas Rapadas ante o Sporting Lucense que suma seis.

O Brollón descansou esta xornada e o Santa Comba venceu nun partido de suma importancia ante o Quiroga. O club da parroquia lucense supera agora en dous puntos o cadro quirogués.

Na primeira xornada do grupo de 4 equipos que loitan pola salvación no sur, o Incio comezou con bo pé. Gañou con claridade ao Bóveda que ocupa posto de descenso e supérao en cinco puntos. Nunha xornada con escaseza de porteiros destacados, quedámonos nos Onces Futbolinlugo coa imbatibilidade a pasada finde do porteiro do Incio, Castro. O gardamallas segue entregado ao balompé aos seus 46 anos.

No outro duelo do grupo o Corgo gañou ao Palas e adiántao na clasificación. Tivo unha boa actuación o viveirense Andrés Guijarro, fichaxe deste curso procedente da SD Viveiro.

Imagen por defecto
Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Artículos: 549

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.