O Iberia busca pleno e 7 equipos en 3 puntos no sur

O Iberia lidera o grupo norte dende a sexta xornada. Hai dúas semanas que se proclamou campión de inverno, é dicir, finaliza si ou si a 1ª volta na primeira posición. Agora quere manterse sen perder, a proba será ante os veciños do Celta Barreiros.

A igualdade é máis que nunca a definición acaída para a zona sur. O Ferreira segue como líder en solitario, pero con menos marxe. Do club de Pantón ao Santa Comba, que é 7º, tan só hai tres puntos.

Na zona norte, o Iberia amplia diferenzas na cabeza. Derrotou por 2-1 ao Cabreiros e alcanza os 34 puntos. Continúa sen perder no que vai de temporada. Queda con seis de marxe sobre o Folgueiro (2º) e sete con respecto ao Riotorto (3º).

A vitoria non lle foi doada aos locais, aínda que se puxeron 2-0 por diante. Barrera e Dani marcaron os goles. Antes do tempo de lecer, o Cabreiros recurtou diferenzas cun tanto de Chema, o seu noveno na liga. O resultado non se moveu, pero a curta distancia fixo que incerteza asomara no segundo tempo.



O derbi deste sábado ás 16:00h no Cascabeiro entre o Celta Barreiros e o Iberia resolverá se o conxunto de San Miguel de Reinante completa a primeira volta invicto.

Pola súa parte , o Cabreiros continúa na zona baixa. É antepenúltimo, con tres puntos máis que o Muimenta, que ocupa posición de descenso directo. Este domingo, os pupilos dirixidos por Isaac Rouco xogarán un duelo directo co Guitiriz, que acumula cinco puntos máis na táboa.

O Folgueiro mantense no posto de promoción. Con todo, non puido pasar do empate no Suso Cruz (1-1 co Guitiriz). O conxunto do Vicedo ve como se lle achegan os perseguidores. O Riotorto atópase a un punto, o Celta Barreiros e o Xermade a tres.



O Folgueiro púxose por diante no primeiro tempo cun gol de Kiños. Na segunda metade, os locais empataron nada máis volver dos vestiarios por medio de Novo. Empuxaron máis no segundo tempo, pero non foron capaces de logar o tanto do triunfo.

O Riotorto chega en forma ao final de ano. Venceu a un San Ciprián (1-2) que veu a menos nesta parte do campionato. O Riotorto presume dunha xeira de catro triunfos seguidos, tres deles con Roberto Ramallal na dirección técnica.

O Sanci logrou o gol o pouco de comezar por medio de Borja Mella. Cedeulle o balón ao rival e puido ampliar vantaxe ao contragolpe. No segundo tempo, o Riotorto seguiu co control e aproveitouse tamén do baixón físico do rival. Logrou a remontada con tantos de Róber e Maci.

Tamén conta con catro triunfos seguidos o Celta Barreiros, que chega a 4ª praza. Derrotou ao Alfoz (2-3) e alcanzou a cifra redonda dos 25 puntos. Aséntase na zona alta da clasificación.

Encontro desputado. O Alfoz adiantouse cun gran gol de Iván García. Javi Andina empatou para os visitantes antes do tempo de recreo. A volta dos vestiarios, Casanova remontou momentaneamente. De seguido, os locais igualaron por medio de Dani Jiménez. O ribadense Diego logrou o terceiro, pero o Alfoz puido empatar na recta final.



O Xermade queda con eses 25 puntos, logo de perder na Pontenova (2-1). A derrota corta a xeira de tres vitorias consecutivas. Precisamente o Sporting Pontenova, co triunfo, queda a un punto do club xermadés. É sexto, a catro do posto de promoción.

Con todo, non foi a derrota o que máis lle preocupou ao Xermade. Aos poucos minutos de comezar o encontro, Mario Fraga sufriu unha grave lesión no seu xeonllo. Tivo que ser trasladado ao hospital en ambulancia. Por agora, está pendente de coñecer o diagnóstico definitivo. Dende aquí, enviámoslle todo o ánimo.

No encontro o Xermade marcou o primeiro por medio de Sergio. Pouco despois, igualaría Fran para os locais. Nun segundo tempo no que ambos conxuntos dispuxeron de oportunidades, Marcos lograría o gol da vitoria dos da Mina.

Os nove primeiros equipos da zona norte, teñen ou superaron os vinte puntos antes de cumprir a metade da liga. O último en facelo foi a Candelaria (9ª), que obtivo os 20 puntos ao gañarlle ao Casás (7º). Queda a oito do posto de promoción e once por riba do descenso directo.

Saíu ben o cadro adestrado por Jaime Matouse, marcou o gol e fixo unha boa primeira parte. Sen nada que perder, o Casás botouse arriba no segundo acto. Xeraron ocasións e puideron igualar ata o final.

Na zona media baixa, destacou o triunfo da Piringalla que se coloca 11ª, con oito de marxe sobre o descenso directo. Logrou un importante triunfo ante o Mondoñedo (2-1), rival directo, que queda con dous puntos menos.

Á hora de xogo, a Piringalla gañaba 2-0. Cristóbal marcara no primeiro tempo e Simón ampliou diferenzas. O Mondoñedo non se veu abaixo, marcou un tanto e pelexou pola empate na recta final.

No descenso, xogouse un dos derbis máis dramáticos dos últimos anos. O Muimenta venceu ao Cospeito (3-0) e engánchase ao tren da salvación. Queda a tres do antepenúltimo.

Pola súa parte, o Cospeito continúa con tan só dous puntos. Nestes momentos ten unha distancia de dez coa salvación.

Os celestes foron superiores, aínda que a primeira opción foi para o Cospeito nun erro defensivo local. Jairo abriu o marcador cun bo gol, tras un pase de Richi. Nunha falta, o propio Jairo anotaría o segundo. Nos últimos minutos, Jesús redondeou a conta de penalti.

Na zona sur, o Ferreira mantense como líder, a pesar de sufrir a terceira derrota da tempada. Perdeu 2-1 co Palas nos Chacotes. Entre outros motivos, este resultado provoca que se aperte moitísimo a zona alta do grupo. Do primeiro clasificado ao sétimo tan só hai tres puntos de distancia. Incluso o Portomarín, que é 8º, está a seis da cabeza.

Encontro desputado no que non faltou a polémica arbitral. Os goles chegaron no segundo tempo. O Ferreira protestou a acción do penalti na que os locais se poñen por diante nun lanzamento que transforma Julián. Aínda así, Fagín logrou igualar nunha boa xogada. Co encontro aberto, foi o Palas quen o levou grazas ao gol de Martínez.

O Becerréa é agora o 2º e ocupa posto de fase de ascenso. A un punto do líder e un por riba do Paradela e do San Roque, tras vencer pola mínima ao Antas (2-1).

O Becerreá entrou ben no partido e adiantouse cun gol de Rio. O Antas aproveitou un erro defensivo para empatar por medio de Louzao. Xusto antes do tempo de lecer os da casa volveron poñerse por diante. No segundo tempo, o Becerreá controlou o xogo e o Antas non foi capaz de xerar o suficiente para igualar.

O Paradela quedou con 27 puntos e desperdiciou a oportunidade de colocarse líder ao perder cun Santa Comba que suma 26 (7º). Encontro de ti a ti no que a vitoria puido caer para calquera. Un dos grandes protagonistas foi o gardamallas local Roy, que realizou varias intervencións de mérito. Maicol foi o único capaz de marcarlle gol.

Tamén perdeu a opción de colocarse líder o San Roque. Caeu pola mínima no Poste co Rubián (1-0), quizais na maior sorpresa da fin de semana. Debutaron co cadro capitalino as tres fichaxes procedentes do San Lázaro: Yelko, titular, e Vigo e Jul que saltaron ao campo no segundo tempo.

Soubo manexar o Rubián os tempos de partido e pelexou polos tres puntos. Logo dun primeiro tempo máis equilibrado, no segundo os locais xeraron máis. Abreu logrou un tanto importante para que o equipo volvese gañar logo de sete partidos sen facelo.

O Brollón é o 5º tamén con 26 puntos. Superou por un gol ao Páramo (1-0). Ademais colle folgos esta semana co regreso de Damián, o futbolista que no verán fichara polo Club Lemos na Preferente.

O club dos Medos tentou levar o peso do partido ante un rival que propuxo unha boa actividade defensiva. O tanto do encontro chegou ao cuarto de hora. Castañer culminou unha boa acción colectiva.

O Portomarín non renuncia a engancharse ao tres de cabeza. Gañou por 3-0 ante un Lemos B que segue na zona baixa, aínda que fóra dos postos de descenso directo.

Foi un duelo igualado ata que o Portomarín marcou diferenzas no segundo tempo. Mooad deu dúas asistencias para os goles de Arturo e Iván Cancio. O propio Mooad redondearía o resultado co terceiro.

Na zona media, o Friol enlazou o segundo triunfo seguido por primeira vez na campaña. Venceu 0-3 ao Chantada B e evita achegarse con perigo ao descenso. Agora queda cunha distancia de nove puntos.

O filial chantadés sufriu a expulsión do seu porteiro mediada a primeira metade. O xogador de campo, Pau, tivo que colocarse baixo paus. Nese momento o Chantada B perdía 0-1.

Logo da expulsión, xa no segundo tempo, o Friol soubo aproveitar as súas oportunidades e logrou dous goles máis.

O Incio logrou un importante triunfo no duelo directo co Quiroga (2-1). O cuarto triunfo do curso do cadro amarelo permítelle acumular 13 e quedar con catro sobre a zona vermella da táboa. Mentres que o Quiroga continúa como último clasificado, a dous da salvación.

O Incio reencontrouse co triunfo no día no que Manel se incorporou a portería, procedente do Oural. Esta circunstancia, permitiulle a Edu regresar a súa posición de campo e precisamente foi o autor do primeiro tanto do encontro.

Jato puxo o empate cun gran gol. A igualdade mandaba, pero o da vitoria quedou na casa por medio dun gol dende lonxe de Cepeda. No Incio tamén debutou Javi López, que chega dende o Paradela. As fichaxes súmanse as de Chomi (Río Sil) e Héctor, que regresou a semana pasada, despois dunha lesión.

A zona baixa do grupo tamén está comprimida. Do 11º (Antas) ao 16º (Quiroga) hai seis puntos, seis equipos querendo escapar do perigo.

Foto de Mariluz Fagín

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *