O Guitiriz e a Milagrosa regresan á Primeira Rexional pola vía da fase de ascenso, estreada esta tempada. O cadro guitiricense accede a nova categoría tendo que superar ao Cospeito nos penaltis. A Mila contivo ao Friol na Reigosa e levou o premio no día da despedida de Rafa Casanova.
Con todo, ambos equipos seguen en competición. Esta fin de semana xóganse varias das eliminatorias dos oitavos de final da Copa Deputación. Alí están o Guitiriz e a Milagrosa. Precisamente o Guitiriz volverá xogar no Suso Cruz co Cospeito por un pase aos cuartos. O gañador enfrontarase ao vencedor da eliminatoria entre o Rioaveso e o Alfoz.
Pola súa banda, a Milagrosa xogará a domicilio ante un Corgo que atopou na Copa a vía de escape a unha mala campaña en canto a resultados. O que saia vitorioso, xogará nos cuartos de final co vencedor da eliminatoria entre o Rubián e o Ferreira.
Na zona norte, xa hai un equipo clasificado para eses cuartos de final. Trátase do filial do Racing Villalbés que superou por 3-1 a outro filial chairego, o Castro B. O conxunto racinguista agarda rival e será tamén un equipo da mesma comarca. Entre o Xermade e o Muimenta anda o xogo.
Tamén na zona sur, hai un equipo metido na seguinte rolda. O Oural venceu a domicilio ao Páramo (0-3) e recupera o ritmo amosado na primeira volta da competición. O seu rival en cuartos será o Incio ou o Paradela.
- Oitavos de final Copa Deputación:
Guitiriz – Cospeito (dom. ás 17:30h)
Rioaveso Machinango – Alfoz (sáb. ás 17:00h)
Racing Villalbés B 3-1 Castro B
Xermade – Muimenta (dom. ás 17:30h)
Corgo – Milagrosa (dom. ás 18:00h)
Rubián – Ferreira (dom. ás 18:30h)
Incio – Paradela (dom. ás 17:30h)
Páramo 0-3 Oural
Co repaso a Copa feito, pasamos a contar como se viviron as finais polo ascenso no Suso Cruz e na Reigosa. Houbo moita igualdade e moita emoción. Contámolo nunha entrega especial de #ONoso11AChaira.
Case nin os penaltis desfán a igualdade entre o Guitiriz e o Cospeito
A final por subir á Primeira Rexional entre o Guitiriz e o Cospeito estivo emocionante ata a última décima de segundo. O resultado da ida xa era igualado (0-0) e ambos equipos amosaron un gran nivel en diversas facetas do xogo. Froito deste equilibrio de forzas a eliminatoria tivo que resolverse nos penaltis.
Si é certo que o cadro vermello comezou mellor. A pizarra de Luis Romay funcionou a perfección antes do cuarto de hora. Dani Prieto rematou a gol tras o primeiro córner lanzado no encontro.
Trataron os visitantes de xerar perigo a balón parado, pero non acabaron de pillarlle o xeito ao partido. Mentres o Cospeito dominaba o centro do campo e xeraba achegamentos. O máis claro por medio dunha xogada de Rui e Xoán que sacou co pé provindencial Jesús.
As molestias que sufriu Paredes cara o final do primeiro tempo minimizaron o poderío do centro do campo do Cospeito. No segundo acto o cadro visitante estivo mellor. Liderados, entre outros, por un Javi Tanketín presente en todo o ancho do ataque guitiricense.
Con todo, no minuto 73 foille anulado un gol a Álex Rábade por fóra de xogo. Seguiu insistindo o Guitiriz que igualou xa entrando no minuto 80. Erik pescou un balón dentro da área para batir a portería rival.
O final dos noventa minutos e logo tamén durante a prórroga o Cospeito tivo as súas ocasións a balón parado. Samu Ferreiro, que entrou no segundo tempo, realizou dous bos disparos directos que lle fixeron intervir a Jesús.
Xoán tivo tamén unha a maiores para os visitantes na primeira parte da prórroga. Novo, que non deixou de correr pola banda (primeiro na dereita, logo pola esquerda) do Guitiriz os 120 minutos, tivo tamén a súa. Máis tarde, Alberto realizoulle unha boa parada a Tanketín.
Todo se tivo que resolver nos penaltis e a historia non puido estar acompañada de máis drama. Na quinta rolda de lanzamentos de penalti, Congui debía de marcar para manter con vida aos seus. Despois aínda tería o seu penalti correspondente o Guitiriz.
🙌⚽ Comezou lanzando o Cospeito:
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) May 28, 2023
✅ 0-1 Samu Ferreiro
✅ 1-1 Jose
✅ 1-2 Permuy
✅ 2-2 Tanketín
❌ 2-2 Paredes
✅ 3-2 Mauro
❌ 3-2 Cancio (parada Jesús)
❌ 3-2 Labrada (parada Alberto)
❌ 3-2 Congui (vídeo 📹)
O @sdguitiriz é de Primeira! pic.twitter.com/E9zVxQU5dM
No vídeo compartido por Futbolinlugo semella que o lanzamento de Congui si entra na portería defendida por Jesús. Con todo, os expertos din que esta non é a mellor posición de todas para comprobar se o balón entra ao completo na portería e que pode levar a engano. O liña non acreditou que o balón entrara e o penalti deuse por non anotado.
Desatouse a emoción no cadro local que celebrou sobre o céspede do Suso Cruz o éxito logrado. Trece anos despois volvían a Primeira Rexional. Unha xeración composta por xente veterá que trata de transmitirlle aos máis novos e aos que foron chegando a idiosincrasia do club.
O partido brillou pola deportividade. Agás un pequeno rifi-rafe entre Dani Prieto e Labrada que o colexiado resolveu cun cartón amarelo para cada un. Si é certo que o Guitiriz acabou con dous expulsados: Suso e Tony cando xa estaban no banco. En principio unhas protestas foron o desencadeante.
No máximo exemplo de deportividade estivo un emblema da SD Guitiriz, Jose Manuel Lorenzo. Leva toda unha vida no equipo, acompañado tamén por seu irmán Suso. Puidemos falar con Jose ao remate do encontro. Visiblemente emocionado, aínda que mantivo o tipo, tivo palabras de agradecemento para seu pai, quen foi parte activa do club, inculcoulle aos seus fillos a paixón polo balompé e de seguro que estará ben contento deste éxito deportivo dos seus.
©️ O escudo dun club, Jose da @sdguitiriz 💙 pic.twitter.com/e4lKlVsKDL
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) May 28, 2023
Como contraste, a desolación tamén se apodereu de varios dos xogadores do Cospeito. Para a maioría era a primeira vez que estaban nunha situación tan óptima para ascender e o resultado supuxo un pau para varios xogadores. O final do encontro, o adestrador Luis Romay loubou a excepcional campaña que fixeron os seus pupilos.
🙌 Caer, coa cabeza moi alta. @LuisRomayRodrig, adestrador do Cospeito 👏 pic.twitter.com/ME97SvwPA2
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) May 28, 2023
O premio para a Mila, o aplauso para Rafa
A 25 km do Suso Cruz xogouse outro ascenso no que a Milagrosa se levou o gran premio e Rafa Casanova o maior recoñecemento. Houbo tamén nervios e emocións fortes que non lle deixaron xogar aos locais como necesitaban.
O Friol adiantouse mediado o primeiro tempo. Non obstante, a resposta da Milagrosa foi inmediata. Xa avisara anteriormente cunha boa opción de Faus e foi Joel Vasco quen anotou o empate. O gol tan repentino sentoulle mal aos da casa.
No segundo tempo, o propio Joel Vasco puxo por diante os pupilos preparados por Couso. O dianteiro foi un dos homes da fase de acenso con catro goles para o cadro de Frigsa. Tentouno o Friol a desesperada e á beira do 90 empatou o partido. O gol de Rafa Casanova co que pecha unha traxectoria “envexable”.
Os locais necesitaban un gol máis para forzar a prórroga e tentárono pero non foron capaces de conseguilo. Tiveron varias opcións a balón parado que a sorte e a defensa da Mila lograron desbaratar.
Houbo un gran ambiente na Reigosa. Por uns minutos o día do ascenso pasou a un segundo plano para aplaudirlle a Rafael Casanova Peteiro. Puxo fin a súa carreira como futbolista no equipo da súa terra e ante o club (a Mila) no que se iniciou. Un sinfín de lembranzas que Rafa seguirá espallando nos campos aos que vaia como adestrador ou como presidente do seu Friol CF.