As categorías de base e as categorías femininas poñen punto e final a esta atípica 2019/2020. A RFEF vén de publicar na súa web un comunicado sobre todas as competicións non profesionais (pódese consultar aquí) no que realiza unha proposta para a conclusión das distintas ligas. A falta de aprobación, todo semella que será o modelo que se poña en práctica e se faga oficial nas vindeiras semanas.
Neste comunicado, no que se trata tamén o relativo á Segunda «B» e Terceira División, confirmase que as competicións de fútbol feminino rematarán coa clasificación tal e como estaba no momento da súa suspensión, sen descensos pero con ascensos (que se resolverán cun play-off exprés nos casos necesarios). O equipo lucense máis afectado por esta decisión é o PM Friol (clube que xa contaba con esta resolución) que, pese a acharse en posicións de salvación, asegura a súa presencia un ano máis no Reto Iberdrola. A Federación manifestou o seu interés en non crear subgrupos na temporada 20/21.
No que atinxe ao fútbol base, a RFEF decreta tamén o remate da División de Honra Xuvenil e a suspensión de descensos, Copa do Rei ou Copa de Campións. Sorprende ademáis o feito de que o representante español na UEFA Youth League será o RC Celta, campión con mellor coeficiente. Ademáis, o feito de que non haxa descensos, mantén ao CD Lugo na máxima división do fútbol xuvenil, a Racing Villalbés e CD Lugo «B» na Liga Nacional e a Residencia, Viveiro e Racing Villalbés «B» na Liga Galega. O procedemento dos ascensos desde as ligas provinciais, así como no resto das categorías, terá que ser confirmado pola Federación Galega nas próximas datas.
Se ben a incertidume segue a ser protagonista nas nosas vidas e rodea todas as decisións que se tomen, manteremos a todos os nosos lectores informados de calquer cambio que se contemple a nivel nacional, autonómico e provincial, agardando que o ano que vén estea cheo de diversión e alegrías onde máis nos gusta, sobre o verde.