Estamos nos últimos momentos da temporada futbolística 2017/2018. Algúns agardaban este momento desde fai tempo: facer a cena de equipo, coller as vacacións, desconectar un pouco de tanto fútbol… Pero hai quen non quere que o fútbol acabe: os nenos.
Para eles, o final da temporada supón verse obrigados a pasarse as tardes sen poder facer o que máis lles gusta cos seus amigos. Porén, este ano abondan solucións para este problema, este ano abondan os campus de fútbol base na nosa provincia (SCD Milagrosa, CD Lugo, SDC Residencia, SD Becerreá, Racing Villalbés, A Piringalla…)
Os campus supoñen unha atractiva actividade para nenos e nenas, especialmente para aqueles que non poden disfrutar da compañía dos seus pais nos primeiros días de verán. Hoxe, presentámosvos algúns dos campus que terán lugar na provincia este ano.
- XVII Campus SCD Milagrosa: para nenos e nenas de entre 4 e 15 anos, ofrece un gran número de actividades complementarias ao fútbol. Asemade, os pequenos poderán disfrutar de distintas excursións, como por exemplo a Burela, a Gandarío ou a Cerceda. Terá lugar ou ben a última semana de xuño ou ben a primeira de xulio (contando ca opción de inscripción as dúas semanas).
Todos os anos o campus conta cun gran éxito, e os rapaces saen felices de ter participado nel. Destacamos que este campus adoita mellorar en cada edición, así que animamos á xente a participar nel!
- III Campus de Verán da SDC Residencia: entre o 25 e o 29 de xuño, os pequenos e pequenas nados entre 2004 e 2013 poderán asistir a este atractivo campus que, ademáis de fútbol, inclúe outros moitos deportes como tenis de mesa, baloncesto, xogos populares, os nenos visitarán o Aquapark de Cerceda…
Este campus, menos «veterano» que o da Milagrosa, conseguiu un enorme éxito nas primeiras edicións, polo que de seguro que nesta non decepcionará!!!
- VI Campus da SD Becerreá: este campus supón un atractivo para os nenos e nenas que non viven na capital, especialmente para os da comarca da Montaña. Con diversas actividades na que os cativos disfrutarán ao máximo, e poderán xogar e aprender á vez.
As datas son: do 25 ao 29 de xuño ou do 9 ao 13 de xullo, e evidentemente a inscripción é moi recomendable!
As follas de inscripción destos campus atópanse nas respectivas páxinas web. Quedan aínda varios dos que falar, que serán publicados nesta mesma web esta semana!