O Chantada deixou o último posto da Segunda Galicia cun traballado triunfo sobre a bucina. O segundo da tempada. As de Jorge González frearon a Lara, unha das mellores xogadoras da competición, e conseguiron igualar forzas e minimizar ocasións de gol. Cando todo apuntaba a un empate co Pontellas, apareceu Ángeles nunha falta lateral. Deixando o triunfo no Sangoñedo co seu gol no minuto 90.
O San Roque sacou un valioso empate nun contexto moi complicado. O equipo de Quiroga foise cunha mínima desvantaxe ao tempo de lecer tras unha primeira metade de poder a poder e sen apenas ocasións. As verdibrancas sobrepuxéronse a un terreo de xogo reducido e en mal estado e ás discutidas decisións do colexiado para impoñer o seu xogo na reanudación. Froito desta superioridade, chegou o empate de Miriam a menos de vinte minutos do remate. Que ben puideron ser tres puntos, de estar máis acertadas de cara ao gol.
Un Antas con moitas baixas fixo pedir a hora ao líder. O inicio non puido ser peor para as de Dani Abelairas, que xa perdían por 2-0 aos dez minutos de xogo. A pegada do Pastoriza resultaba letal. A medida que avanzaba o encontro, o Antas gañou en comodidade e organización. Nuria recurtou distancias desde os once metros, deixando todo aberto para a segunda metade.
Volveu golpear o líder pero as da Ulloa non dixeran a súa última palabra. O Antas avanzou liñas e Nuria logrou o 3-2 nunha acción individual. Os últimos dez minutos convertéronse nun asedio das lucenses á meta local. Porén a falta de contundencia e claridade, por mor do cansazo, provocou que o electrónico non variase ata o asubío final.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O acerto do Brexo Lema nos primeiros vinte e cinco minutos propiciou unha nova derrota da Milagrosa. As branquivermellas pagaron caro o 0-2 inicial e non foron quen de puntuar nun encontro igualado. O gol de Lucía Martínez pasada a media hora de xogo encheu de esperanza ao cadro de Felipe Varela. Porén, as milagrosistas non volveron ver porta e os puntos fuxiron de Frigsa.
O CD Lugo B perde o liderado e o carballedo leva o derbi lucense da terceira galicia
Un CD Lugo B moi mermado polas baixas perdeu o primeiro posto no campo do Taragoña. O dobrete de Ánxela foi o mellor dun día para olvidar. Unha primeira parte deficiente, na que o filial lucense se adiantou, converteuse nun calvario con difícil solución (4-1 ao descanso). O CD Lugo B mellorou considerablemente no segundo acto. Porén todo o peixe xa estaba máis que vendido.
O Carballedo logrou o cuarto triunfo consecutivo no derbi ante o San Lázaro. O combativo cadro de Sementa topou cun muro chamado Jesy, que mantivo o 0-0 ao descanso. A falta de verticalidade local aumentou no segundo acto ante un rival que cambiou o estilo de xogo. O tempraneiro gol de Paula Bugueiro, xusto á volta dos vestiarios e nunha falta lateral, resultou decisivo. Jenny perdoou a sentenza e o cadro de Luchi tivo unha gran oportunidade para empatar. Chusa fixo unha intervención clave para asegurar a vitoria das do Catro Ventos.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/WhatsApp-Image-2024-01-29-at-10.59.49.jpeg)
O Monte Forte goleou ao Vista Alegre nun partido moi serio e que dominou de principio a fin. As de Cristian Penas roubaron en campo contrario e xeraron constantes oportunidades de gol. A comunicación e entrega entre as xogadoras foi máxima. E así asinaron este valioso set en branco. Noa, a mellor xogadora das monfortinas, rubricou un ‘dobrete’.
A Comercial caeu no feudo do novo líder. O Bandeira aproveitouse dun rival moi limitado en canto a número de efectivos e que acusou a calor da primeira metade. O cadro de Vicky mantivo as súas opcións de puntuar ata a hora de partido, contestando en todo momento aos goles locais con bo xogo e puntería. No tramo final, o Bandeira impuxo a súa lei ante unha Comercial á que as lesións lle pasaron factura. Diana fixo dous goles e Nei destacou na meta luguesa, con grandes intervencións e un penalti detido.
Un hat trick de Lynda Muriel leva ao PM Friol á vitoria na Terceira RFEF
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/WhatsApp-Image-2024-01-19-at-11.54.18.jpeg)
O PM Friol levou o máximo botín da súa visita ao Bovedana. O hat trick de Lynda Muriel e o 1-4 que mandaba no marcador á volta de vestiarios; invitarían a pensar que a empresa resultou doada. Non foi así. As reducidas dimensións do terreo de xogo e o balón parado local puxeron en alerta ás friolesas en todo momento. O cadro de Ángel Buján segue a mellorar en termos ofensivos. Porén, os dous goles zamoranos chegaron en sendos erros defensivos da escadra amarela.
O Lóstrego superou a un CD Lugo que competiu de ti a ti durante todo o encontro. O dominio foi alterno, cun cadro local dominador no inicio pero pouco incisivo en ataque. Co paso dos minutos, as albivermellas comezaron a superar a presión avanzada do equipo de Gondomar. María tivo a máis clara das lucenses, que rozaron o gol en varias ocasións. No entanto, o premio caeu do lado do Lóstrego. Unha falta moi discutida puxo o 1-0 antes do descanso.
Pouco cambiou o decorado na segunda metade. O CD Lugo melloraba as súas prestacións ao ritmo que as de Gondomar afundían no plano físico. Porén, cando máis perigo estaban a xerar as de Joaquín Blanco; chegou un tiro de longa distancia para situar o 2-0 no marcador e acabar coas aspiracións de remonta luguesas.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Dura derrota dun PM Friol B que segue fóra do descenso na Primeira
Unha mala segunda metade, na que chegaron os cinco goles do Sporting Cambre, tumbou ao PM Friol B nesta última data. O cadro da Reigosa, que non presentou adestrador a este partido, botou por terra todo o traballo do primeiro acto nunha reanudación para o olvido. O mellor que lle puido pasar ao filial friolés foi que os seus rivais directos perderon, co cal continúa fóra de descenso unha semana máis. A nota positiva deste partido púxoa Floarea Mare, que debutou co equipo amarelo xogando os 90 minutos.
Resultados da xornada
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/WhatsApp-Image-2024-01-05-at-10.12.31.jpeg)
Sporting Cambre 5-0 PM Friol B
noa, primeira Xogadora Torre de Núñez do 2024
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/05/MONTEFORTE_NOA.jpeg)
O primeiro galardón #XogadoraTorredeNúñez de 2024 estivo realmente disputado. A futbolista do Monte Forte Noa foi a máis destacada no mes de xaneiro. Sobresaíu en dúas das tres datas que o seu equipo xogou neste mes. Houbo outras sete xogadoras que destacaron tamén en dúas datas: Lynda Muriel (PM Friol), Berta (CD Lugo), Jesy (San Lázaro), Bona (Milagrosa), Mery (San Roque), Nuria Louzao (Antas) e Ángeles (Chantada). Porén os seus equipos tiveron un partido máis que as do Luis Bodegas. De aí, que a atacante do Monte Forte sexa a gañadora deste lote de produtos do referente cárnico galego.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/Con-F-de-Futbolista-6-1.jpg)