#Fútbol afeccionado #Feminino

O CD Lugo rompe a mala xeira no medio dun esperpento

O CD Lugo que acadou a primeira permanencia en Terceira RFEF

Antes de escribir este artigo, dubidabamos entre ser politicamente correctos ou contar as cousas tal e como son por moi duras que sexan. Por respecto aos nosos queridos lectores e a nós mesmos, eliximos esta última opción.

Futbolinlugo naceu en 2015 co obxectivo de dignificar e unir ao fútbol lucense. Os que xa nos coñecedes, sabedes que sempre nos centramos nos aspectos positivos de cada equipo nas diferentes crónicas e reportaxes. Evitando confrontacións innecesarias. Iso non significa que tapemos actitudes e comportamentos censurables e incluso denunciables. E iso e o que imos facer nesta nova edición de #ConFdeFutbolista. Un relato dos feitos sen edulcorante algún e no que evidenciamos unha triste e repetida realidade, que fai de todo menos dignificar o fútbol lucense (a nosa misión).

O CD Lugo rompeu por fin a súa mala xeira no derbi provincial. Ese é e será o titular. E así o analizaremos en profundidade nas próximas liñas. Pero antes de falar do xogo, debemos comentar as condicións nas que se xestou ese triunfo. E o hábitat no que se produciu.

O PM Friol chegaba ao derbi lucense coa ameaza dunha sanción exemplar pola reiterada desobediencia ás normas da adestradora Covi Regueiro. Pois ben, unha vez máis o club amarelo, apostou pola ‘triquiñuela’ e o baleiro legal. Deuse de baixa a licenza federativa de adestradora do primeiro equipo a Covi. E a susodita campou polo entorno da Cheda ao seu gusto. Dirixindo, indicando, berrando e paseándose pola zona dos bancos e os vestiarios como se non estivese sancionada por 42 partidos.



O colexiado recolleu en acta todo o que observou e esta tarde agárdase unha contundente resposta pola Real Federación Española de Fútbol. Ata onde sabemos, no ente federativo nacional ao igual que no galego; xa están cansos dos procederes dun club pioneiro no seu momento. E duns anos para aquí máis no foco polo extradeportivo que polo que acontece no verde: fichas retidas, problemas con cartas de liberdade e constante éxodo de xogadoras campaña tras campaña.

Despois de ler as declaracións que se ofrecen desde o propio club nos últimos días, quédanos claro que todo segue igual: balóns fóra. Os árbitros minten nas actas, os representantes das federacións cambian de versións en contra do equipo… E a última: o «constante acoso» que sufre a adestradora sancionada por diferentes persoas en «prensa, medios dixitais e redes sociais». Autocrítica cero!

Explicación dos feitos por parte do colexiado do encontro

Iso si, digan o que digan, desta vez superaron calquera liña vermella que se recorde. Os comportamentos reprobables e reiterados de Covi non son só unha ofensa a un fútbol feminino que leva anos loitando pola igualdade. É unha labazada a toda a sociedade tal e coma a coñecemos. Golpeando de cheo os principios básicos de calquera sistema disciplinario e xurídico. Un dogma alternativo no que a lei propia dunha persoa vale máis que calquera decreto, orde ou reglamento establecidos en democracia. E como diciamos, apréciase unha nula capacidade de autocrítica.



E agora, xa por fin, falemos do que nos gusta, do balón rodando e sen mancharse. O CD Lugo deixou atrás oito derrotas consecutivas cunha vitoria balsámica ante o PM Friol. O respecto inicial deu paso a un choque igualado e con alternativas. O cadro de Joaquín Blanco foi o que máis preto do gol estivo na primeira metade, con dúas oprotunidades moi claras que non atoparon o fondo das mallas. O 0-0 mantívose ao tempo de lecer.

O equipo da sancionada Covi Regueiro confirmou a melloría do tramo final do primeiro acto na reanudación. O cadro perruqueiro embotellou ás albivermellas en campo propio e desperdiciou dúas boas oportunidades para adiantarse no marcador. Pero unha indecisión atrás provocou que o CD Lugo situase o 1-0 no electrónico. Outro erro na zaga local provocou de novo o empate das de Friol. A partires de aí, o partido foi un intercambio de ocasións constante entre ambos equipos. A solidez defensiva e a puntería capitalina marcaron as diferenzas.

Covi Regueiro dirixindo ás súas xogadoras no derbi ante o CD Lugo

Un reforzado PM Friol B acaba a xornada en descenso

O PM Friol B completou a mala xornada do club cunha derrota na casa ante o Atlético Arousana na Primeira Galicia. O equipo de Geluco Villar acudiu á cita moi reforzado por xogadoras habituais e mesmo titulares co primeiro equipo. Este feito non foi suficiente para puntuar ante as arousanas. Un gol a menos de dez minutos para a conclusión bastoulle ás visitantes para levar un traballado triunfo da Reigosa. O PM Friol B rematou a xornada en postos de descenso.

O Antas, único lucense vencedor na Segunda Galicia

O Antas asinou un partido completo na súa visita ao Orzán B e colleitou unha importante vitoria na Segunda Galicia. As de Dani Abelairas levaron a iniciativa sen sorte nunha primeira parte moi parella. As da Ulloa, cómodas sobre o verde, avanzaron liñas despois do paso polos vestiarios. O Antas pisou área rival con moita facilidade.

María desfíxose de varias adversarias para servir atrás a Nuria e facer o 0-1. As lucenses non se relaxaron e buscaron a sentenza. Esta chegou cun intercambio de roles. Nuria percorreu 50 metros deixando polo camiño a toda rival que lle apareceu e María enviou o balón ao interior da portería. Quinta xornada consecutiva sen perder para as do Castro Seoane.



O San Roque volveu ao amargo sabor da derrota despois de sete datas sen coñecela. Unha mala primeira metade condicionou ao cadro verdibranco que marchou 0-2 ao descanso. Quiroga fixo un triple cambio e mudou o sistema no tempo de lecer e o seu San Roque volveu ser recoñecible. As capitalinas recurtaron diferenzas aos tres minutos da reanudación. Pero o seu monólogo non se transformou en máis goles. O equipo de Montirón topouse ata seis veces cos paus e os puntos voaron da Polvoreira.

A Milagrosa pecha a clasificación en solitario tras caer con extrema claridade ante o Sporting Meicende. As do Luis López Gorgoso xa perdían por 3-0 aos dez minutos de xogo, o cal xa condicionou por completo o resto do partido. O Chantada descansou nesta data.

Monte Forte e Carballedo prolongan o seu gran momento na Terceira Galicia

Triunfo fundamental dun Monte Forte que xa é terceiro. As de Cristian Penas cotizan á alza despois de sumar unha nova vitoria ante o Vista Alegre. As monfortinas controlaron o partido en todo momento. Un tempraneiro gol de Noa deulles unha mínima vantaxe ao descanso. No segundo tempo, aumentou a capacidade ofensiva lucense e o Monte Forte rematou goleando.

Pola súa parte, o Carballedo asinou o seu terceiro triunfo consecutivo no derbi provincial ante a Comercial. O cadro de Vicky realizou unha boa primeira metade ante un Carballedo con pouca puntería. Diana puxo o 1-0 antes do minuto 10 e as das Gándaras conservaron esa renda ata o tempo de lecer. Aí, Sementa adaptou o seu esquema e lanzouse a pola remonta.

Ainhoa López foi a xogadora máis destacada do Monte Forte nesta xornada

Jenny marcou o primeiro dos seus tres goles nada máis iniciarse o segundo acto. Sara puxo por diante ás do Catro Ventos pero Pau igualou de novo o derbi nunha boa contra. Co paso dos minutos, o partido subiu en decibelios e a Comercial sentiuse perxudicada por varias decisións arbitrais. No relativo ao xogo, o Carballedo confirmou o seu paso adiante e conseguiu os tres puntos con dous novos tantos da de case sempre: Jenny.

A última das vitorias lucenses da xornada non podía ser outra. A dun CD Lugo B que sumou todos os puntos disputados ata o momento. O cadro de Diego Rey venceu pola mínima ao Cruces nun duelo ao que acudiu con só once xogadoras, tres delas notablemente cansadas despois de xogar o día anterior co primeiro equipo. O filial albivermello apenas concedeu na primeira metade e desperdiciou dous centros para adiantarse no marcador. O único gol do primeiro acto chegou nun disparo de longa distancia de Candela Otero.

O CD Lugo B aguantou o empuxe inicial do Cruces na reanudación e foi crecendo desde a presión alta. Xiana marcou o 0-2 e as capitalinas perdoaron o terceiro á contra. Nos minutos finais, as locais fixeron o gol da honra nun rexeitamento.

Por último, o San Lázaro perdeu en Órdenes nun encontro no que estivo lonxe da súa mellor versión. A primeira metade foi realmente mala e aínda así marchou cun 2-1 en contra aos vestiarios grazas ao tanto de Douaa. As da Ponte melloraron levemente na segunda parte. Eukene igualou o partido pasada a hora de xogo. Aínda así, un novo gol do Órdenes na prolongación privou ao San Lázaro de regresar a Lugo con algún punto no peto.

Resultados da xornada

CD Lugo 3-1 PM Friol

PM Friol B 0-1 Atlético Arousana

Jenny, autora de tres novos goles para o Carballedo

San Roque 1-2 Abellá

Sporting Meicende 9-0 Milagrosa

Orzán B 0-2 Antas

Comercial 2-4 Carballedo

Monte Forte 5-1 Vista Alegre

Cruces 1-2 CD Lugo B

Órdenes 3-2 San Lázaro

Descansa: Chantada

O CD Lugo rompe a mala xeira no medio dun esperpento

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 11

O CD Lugo rompe a mala xeira no medio dun esperpento

Covi Regueiro, multada e inhabilitada por un

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *