O Catro Ventos será verdugo esta tarde
-
- 0
- 4min de lectura
O campo do Catro Ventos, na parroquia de Cazás e no concello de Xermade, será xuiz e verdugo esta tarde ás 16.30. O cadro local, o Cazás, mídese a un Castroverde que pode confirmar o seu ascenso á Segunda Futgal. Tan só a victoria chairega impedirá o salto de categoría dun conxunto visitante que chega cunha xeira de resultados espectacular: 13 partidos consecutivos gañando en competición ligueira.
O empate ou a victoria no feudo xermadino dará o ascenso a un Castroverde que leva anos detrás del. Este curso, o cadro dirixido por Iago Núñez conseguiu conformar un grupo moi competitivo e o bo traballo semanal de xogadores e corpo técnico deixou ao equipo nunha situación privilexiada. O técnico afirmou que «a idea e de ir a polos 3 puntos, sabemos que con un punto é suficiente, pero non imos sair a polo 0-0. Logramos vencer en campos como os de Goiriz, Rioaveso, Abadin a semana pasada… e queremos poñer o broche de ouro vencendo noutro campo complicado como e o Catro Ventos».
O preparador sinalou que «aos rapaces dígolles que disfruten, pois partidos nos que podes lograr ascender non se xogan todas as fins de semana. E o que lles digo sempre, que sexan valientes e non se escondan por medo a fallar». Con respecto ao potencial salto de categoría, Núñez admitiu «o cambio mais grande producese o ano pasado cando conseguimos meternos na promoción ao non perder nas derradeiras cinco xornadas de liga, e logo quedándonos a un gol de ascender. Somos un equipo máis compacto, que concede menos e incluso xera máis ocasións».
Ademais, Iago non se quixo esquecer «da xente que non o puido lograr o ano pasado (Fran Veiga, Samu, Manu, Dani Gómez) e que este ano non están con nós. E de Manel, Sergio e Feli que se perderán o partido de maña por lesión. Que chegasemos ata aquí tamén foi e é gracias a eles».
No outro lado da narrativa está o Cazás. Os do Catro Ventos, que xa teñen asegurada a disputa da promoción de ascenso, queren competir polo ascenso directo ata a última xornada. Unha victoria diante do Castroverde permitirá aos de Ángel Franco apretar a táboa clasificatoria a falta de tres xornadas para o final (dúas no caso do Castroverde). O adestrador sinalou que «a charla previa será a mesma que en todos os partidos anteriores, saír a competir por nós, sen mirar ao rival nin o posto que ocupen na táboa».
Porén, recoñece que a presión está no lado adversario. Os seus non terán nada que perder, pois «mentres as matemáticas non digan o contrario, seguiremos loitando. Aínda temos posibilidades de ascadar o ascenso directo». O Catro Ventos fará o seu traballo esta tarde «porque aínda que eles veñan coa súa xente, a nosa non nos vai deixar sós. Agardo un ambiente moi bo, dos que gustan para xogar. Será un partido bonito».
No peor dos casos para o cadro de Cazás, o seu feudo alentará aos seus na promoción: «desde o meu punto de vista non hai favoritos, pois podes quedar fóra por un mal partido ou unha mala acción. Nós fixemos un bo ano e espero que se remate da mellor maneira, pois creo que este grupo merece unha alegría despois de tantos anos sufrindo».