A Segunda Rexional parou na súa maioría nesta ponte festiva. Só o subgrupo 2A da zona sur tivo competición. A presenza de nove equipos fai que as xornadas a xogar sexan maiores ca o resto. Agora quedan dúas en cada subgrupo antes de que remate o ano. A finde do 18 de decembro rematará a primeira volta. Tamén se xogou o partido aprazado pola neve entre o Fonsagrada e o Guitiriz.
Na Segunda Galicia, subgrupo 2A da zona sur, a SD Becerreá perdeu por primeira vez no curso. Contaba os cinco encontros xogados por vitorias e no sexto caeu pola mínima ante o Antas. O conxunto da Ulloa fixo un partido moi serio no Municipal de Becerreá e soubo aproveitar as escasas opcións de gol que tiveron. O equipo becerrense ten agora dous puntos de vantaxe sobre os seus perseguidores.
O Páramo e o Paradela seguen de preto ao líder con 13 puntos. Os pupilos preparados por Santi venceron nos Chacotes ao Palas e consolídanse na súa boa liña. Pola súa parte, o Paradela reencontrouse co triunfo ante o Sporting Lucense. Foi decisivo o único tanto do partido anotado por Romi.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2021/12/Presentacion-FIL-6.jpg)
A xornada tamén trouxo a primeira vitoria do curso para o Santa Comba. No Tras do Novo os locais superaron pola mínima á Milagrosa. O papel de Jaime dende banda esquerda foi un dos actos centrais dun Santa Comba que logrou os tres puntos nos intres finais. O Palas, a Mila e o Santa Comba ocupan os últimos postos da táboa clasificatoria con catro puntos. Atópanse a cinco do Antas que marca a zona dos que pelexarían na segunda fase polo ascenso. Nesta xornada descansou o Corgo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
A NEVE, PROTAGONISTA NA FONSAGRADA:
Na Segunda, subgrupo 1B da zona norte, o Fonsagrada tentaba poñerse ao día nesta ponte festiva e non o logrou. Xogou na finde o partido aprazado na anterior xornada pola neve. Empatou a un gol ante o Guitiriz. Este mércores festivo tiña xogar o encontro suspendido no seu día ante o Abadín, pero desta volta a neve volveu obrigar a aprazar o choque. Cun partido menos, o cadro fonsagradino está a dous puntos da zona de privilexio.
O LIDERATO EN XOGO EN DOUS CAMPOS:
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Esta finde hai un duelo de altura no subgrupo 1A da zona norte. Este sábado ás 16h no campo da Cea enfróntanse os dous líderes: Cabreiros e Celta Barreiros, igualados a 15 puntos. Á mesma hora do sábado hai outro encontro da parte alta no subgrupo 2A da zona sur. No Gandarón o Paradela (3º con 13 puntos) recibe á SD Becerreá (1ª con 15 puntos). O Páramo, que está entre os dous na clasificación, descansa nesta xornada.