O Antas e o PM Friol B loitarán polo título da Copa Deputación o próximo domingo en Palas. O vindeiro día 9 de xuño, ás 18.00 horas, o campo de Os Chacotes acollerá a rolda final do torneo do KO. Unha competición que nos deixou dúas semifinais do máis igualado que se recorda nos últimos anos.
Nuria Louzao decidiu o cruce ante o San Lázaro cun golazo de falta a menos de quinte minutos para a conclusión. O mellor San Lázaro do ano plantexou un partido moi incómodo e trabado ás da Ulloa. A intensidade e concentración local propiciou perdas constantes nun Antas que foi de máis a menos na primeira metade.
Paula, cun balón ao traveseiro; e Tamara, cun par de mans a mans; coquetearon co tanto visitante. Pola súa parte, as de Luchi tamén se toparon co pau nun disparo de longa distancia.
Na reanudación, un Antas mellor posicionado pisou máis campo rival sen excesivo perigo. O San Lázaro tivo a Nuria baixo control e as de Dani Abelairas non atopaban o camiño do gol. Ademais, preto do tramo final, o Antas aguantou con Mel baixo os paus cun nocello inflamado. Non puido seguir Eva, que marchou substituída.


Aínda así, Nuria apareceu a tempo. Decidiu buscar porta nunha falta lateral e o resultado foi inmellorable. Golazo e pase á final para as de Dani Abelairas. Mireia destacou nun San Lázaro no que Kaoutar, Douaa e Luanda non se quedaron atrás. Iria fixo o propio nun Antas que tivo a Nuria como a súa figura decisiva.
A igualdade tamén reinou na outra semifinal de Copa, que compartiu o mesmo escenario que a anterior: o campo 1 das Gándaras. Os penaltis déronlle o pase a un PM Friol B que atopou un rival máis duro do agardado.

O filial albivermello asinou o mellor partido da tempada, con moito ritmo e intensidade. E defensa férrea en bloque cando tocou. O CD Lugo B tivo que remar contracorrente ante un PM Friol B que se adiantou nada máis comezar o encontro.

As locais empataron á volta dos vestiarios e levaron o choque á lotaría dos once metros. Aí, as de Geluco Villar marcaron todos os seus lanzamentos. Pola súa parte, o CD Lugo B fallou os dous primeiros e o último. Alba destacou nun filial albivermello no que María Paredes tamén raiou a gran nivel. Thimote brillou no PM Friol B.
O CD Lugo B e o Carballedo inician esta fin de semana o play off de ascenso a Segunda Galicia

Este domingo 2 de xuño, dous dos nosos representantes inician a súa andadura nos play off de ascenso a Segunda Galicia. O CD Lugo B recibirá na matinal do domingo ao CF Cañiza. Mentres que o Carballedo xogará ese mesmo día en terras pontevedresas no feudo do Lóstrego C.
Os gañadores deses duelos mediranse entre eles a dobre partido. Co cal poderiamos ter unha final lucense polo ascenso. Iso si, o CD Lugo B disputaría a ida da final polo ascenso a mesma fin de semana que a final da Copa Deputación 2024. Un hándicap importante…
Resultados da xornada
CD Lugo B 1-1 PM Friol B* (por penaltis)
San Lázaro 0-1 Antas
goico, #XogadoraTorreDeNúñez do mes de maio
O penúltimo galardón #XogadoraTorredeNúñez do curso foi a parar ao CD Lugo. No marabilloso sprint final pola salvación que asinaron as de Joaquín Blanco; houbo un nome por enriba de todos. Goico destacou en todos e cada un dos partidos disputados polas albivermellas no mes de maio. Nos próximos días, a incisiva futbolista do cadro lugués recibirá o seu merecido premio.