Sería polo ano 2003 en Baleira, no Cádavo. Mes de xaneiro, con moito frío. Un partido deses complicados con moitas faltas e tarxetas. Non me lembro do número de expulsados nin do resultado.
Rematou o partido e xa comezaron os típicos menosprezos antes de entrar ao vestiario. Entrei e sentei para poñerme a escribir a acta. Que non era dixital como agora. Nin calcantes eran os papeis. Levara eu follas para calcar para darlle despois a cada equipo. Eu estaba xa preparado para redactar o acontecido mentres escoitaba alí sentado aos do equipo visitante. Non vou dicir o nome desde club, que eso xa da igual, pero o problema en cuestión foi con eles.
De súpeto, cando me dispoñía a apuntar as tarxetas, caeume un balde de auga cheo a tope. Criminal, destes caldeiros grandes que se usaban para o reto aquel de mollarse. Empapáronme. A min e aos papeis, que non valían para nada.
Non puiden facer a acta. Asustado non estaba pero si preocupado. Era un rapaz de dezasete ou dezaoito anos por aquelas. E só pensaba en ver como facer aquela acta ante semexante loucura. Chamei a Manolo Núñez, en paz descanse, que por aquelas era o noso delegado. Díxome que non me preocupase e que fose con el facer o anexo. Que marchase do campo e chamase á Garda Civil se tiña calquera problema. Non fixo falta. Funme de alí entre os insultos pertinentes e pouco máis. Iso si, daquelas eran outros tempos, outra tensión. Non como agora. Despois fixen o meu anexo e quedeime con esta anécdota. A molleira daquel día ao marchar para a casa aínda permanece no meu recordo.
Óscar Carballo Vázquez. Colexiado emigrado a Cataluña, con pé e medio en Galicia.