O almanaque 18/19 da Terceira Rexional

Á publicación do calendario da Terceira seguiulle a decisión de que o FC Becerreá comunicou finalmente a súa decisión de non continuar como equipo sénior na Terceira Rexional, polo que a liga do grupo sur sufre algunha pequena modificación. Quedará con 11 equipos e os conxuntos que se ían enfrontar o FC Becerreá descansarán esa xornada. En canto a nomes, tamén hai cambios no grupo norte, xa que aparece o CDB Lugo Unión, un equipo formado pola xente que o ano pasado creou o Rábade e que se traslada á capital: “No concello de Rábade non seguimos porque a partir de xaneiro o campo ía estar inutilizable. Entendemos que hai un equipo de veteráns que ten prioridade no campo e é normal que o queiran coidar. O campo non soporta os dous equipos. Para non ter mareo de ter que desprazarnos en campos distintos a directiva máis os xogadores quixeron crear o club en Lugo. Non é culpa do Concello, nin nosa; simplemente culpa das inclemencias do tempo”, apuntou o adestrador Óscar Jaime.

A Terceira Rexional volve ao seu formato habitual e estrutúrase en dous grupos na vindeira temporada. Non haberá cruces entre os equipos de distintos puntos da provincia, xa que os dous primeiros clasificados de cada grupo ascenderán directamente, mentres que do 3º ao 6º xogarán un play off (cada grupo independentemente) e xogaranse unha praza de ascenso en cada grupo.

Na primeira xornada a estrea do CDB Lugo Unión será un dos atractivos, na casa ante o Celta Barreiros; xunto coa presenza da Milagrosa no grupo norte que comeza ante o Friol B. Ademais, o Muimenta que estivo a un paso do ascenso na temporada pasada comeza a competición xogando no campo do descendido Matela:

Friol B – Milagrosa

Catro Roldas – Cazás

Matela – Muimenta

Celeiro – Alfoz

Fonsagrada – Rioaveso

CDB Lugo Unión – Celta Barreiros

No grupo norte, só hai dous equipos do mesmo Concello. Vilalba está representada polo Rioaveso e o Catro Roldas que se enfrontarán na cuarta xornada.

Podes consultar todos os encontros da temporada aquí: calendario_terceira_norte_18_19

O Muimenta prevese que sexa un dos candidatos ao ascenso no grupo norte despois de perder a final o ano pasado ante o Guntín. O cadro celeste vén de ser finalista no Torneo de Cospeito

O grupo sur terá que agardar pola estrea dun dos seus novos inquilinos. O Taboada B non comezará ata a fin de semana do 16 de setembro debido á desaparición do FC Becerreá. Quen si xogará o seu primeiro partido oficial será o Lemos B que se enfrontará na casa ante o Río Sil:

Relámpago Taboada – Castroverde

Lemos B – Río Sil

Rubián – Quiroga

Sober – Laxosa

Antas – Paradela

Descansa: Taboada CF B

O único duelo interparroquial deste grupo será na penúltima xornada (a primeira fin de semana de decembro) entre o Sober e o Río Sil.

Podes consultar o resto de partidos da campaña aquí (onde pon FC Becerreá o seu rival descansará esa xornada): calendario_terceira_sur_18_19

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario