A penúltima xornada da primeira volta na Segunda Rexional coloca ao Alfoz máis preto do primeiro posto. Nunha finde no norte marcada polo partido da xornada no Derbi das Praias. Pero tamén houbo duelos de proximidade no sur onde o San Lázaro continúa coa súa boa xeira e mantén as distancias. A continuación os onces Futbolinlugo da 14ª xornada.
O Sanci ve como o Alfoz se achega ao primeiro posto. O cadro alfocense reduciu 4 puntos nas últimas dúas xornadas. Non obstante, o equipo preparado por Carra mantén a distancia co terceiro clasificado, o Xermade. Precisamente foi o seu rival a pasada fin de semana. O encontro rematou en igualada. O 5º empate do curso para o Sanci que segue sen perder. A cuarta vitoria seguida do Alfoz colócao a un punto do liderado. E seis máis ca o seu predecesor. Os pupilos adestrados por Suso Martínez levaron os tres puntos no duelo de proximidade ante o Mondoñedo. Non obstante, houbo equipos da parte alta que sumaron de tres e que están metidos de cheo na pelexa polos postos de cabeza. Gañou o Meira que iguala a puntos co Xermade. Saíu vencedor nun partido de 7 goles ante o Cospeito. Os mesmos puntos tenos o Cabreiros. Venceu pola mínima a domicilio ante o Muimenta. Gol e asistencia de Vicente. No encontro estreouse Pani coa camisola do conxunto xermadino. Foi un dos reforzos de inverno. Procede dos xuvenís do As Pontes. Ademais tamén chegaron Sergio Cazás dende O Val e Meidán, un gardamallas de San Sadurniño. O Sporting Pontenova tamén volveu ao camiño da vitoria. Derrotou na Mina ao Goiriz. Suma 24 puntos.
E xusto por debaixo aparece o Celta Barreiros. Gañou o ‘Derbi das Praias’ cun ambientazo nas Valgas. Preto de 500 persoas asistiron nunha tarde soleada de xaneiro ao duelo futbolístico por excelencia do Concello de Barreiros. Os visitantes souberon controlar ben o partido. Adiantáronse por medio dun penalti que convertiu en gol Jorge López. O dominio foi alterno, pero as ocasións máis claras eran do Iberia. Adrián Juiz ou Balbón non tiveron acerto. Antes do tempo de lecer, Dani Chinchón aproveitou un erro defensivo para marcar o segundo. Na segunda metade a saída de Álex deulle outro aire aos locais. Nun saque dende o recanto, o capitán Marcos adiantouse no primeiro pau e marcou un gol para meter aos seus no encontro. Nos últimos intres, o Iberia tentouno pero sen demasiado perigo. Nese tramo o gardamallas Pelayo xogou como futbolista de campo. Na zona media baixa houbo dous grandes triunfadores. A Candelaria e o Roupar que se distancia do descenso cos seus triunfos. O equipo da Rúa derrotou na casa ao Guitiriz. Hat trick de Rocky incluído. O Roupar confirma a súa melloría. Superou ao Abadín na súa casa. Jony tivo que volver poñerse baixo paus. Un dos poucos que se salvou nun partido no que non volveron estar ben os locais. O Roupar leva cinco xornadas sen perder. Ten 7 puntos de diferenza co descenso que seguen ocupando o Iberia e o Abadín.
O San Lázaro segue ao seu no máis alto do grupo sur. O Bóveda non puido facer nada para deter o poderío do líder. A distancia co segundo posto conxelouse esta xornada en seis puntos. O Ferreira reencontrouse co triunfo dous partidos despois. Gañou a domicilio ante o Quiroga. O Portomarín consolida o terceiro posto. Non tivo o día o Paradela no derbi. Aínda por riba, Samos tivo que retirarse do partido no día da súa estrea. Unha lesión no xemelgo foi a causa. Noutro dos duelos de proximidade da xornada o empate foi o resultado final. O Incio e o Oural igualaron a un gol. Na primeira metade non houbo grandes oportunidades, pero si un Oural máis vistoso. Precisamente ao inicio do segundo acto púxose por diante. Os dez minutos Orlando empatou para o cadro amarelo. De aí ata o final continou con poucas ocasións. O Oural quedou cun xogador menso pola expulsión de Turri. Un punto co que o Incio segue na parte alta e o Oural aumenta a súa distancia con respecto aos postos de descenso ocupados polo Chantada B e o Bóveda.
Tampouco quere perdelo ritmo o Páramo. Que volve mirar cara arriba ao enlazar a segunda vitoria seguida. Desta volta venceu a domicilio ao filial do Chantada. Queda con 21 puntos e encabeza un triplo empate con Río Sil e Becerreá. Estes dous últimos enfrontáronse na finde na Carqueixa. O cadro soberino amosáse moi aguerrido como local. Adiantáronse no marcador nun balón parado. O Becerreá empatou cun bo gol de Xairo. Na segunda parte, mellores ocasións dos visitantes, pero tamén insistencia dos locais. Xairo tivo a última, pero o seu tiro de falta petou no pau. Quérese unir a esa zona o Santa Comba. Venceu na casa ante un Palas que non acaba de atoparse nesta temporada. Seis partidos sen gañar. José Ángel foi, xunto con Joshua do San Lázaro, o único porteiro imbatido da xornada. O máis beneficiado da zona baixa foi o Corgo. O único que gañou. O equipo non perde dende a chegada de Walter hai seis xornadas. Desta volta ademais superou a un rival directo, o Brollón; ao que tamén adianta na clasificación.