A sexta xornada da Segunda Rexional trouxo o primeiro triunfo na categoría para o Castro B. No norte, o Meira segue mandando con claridade na cabeza. No sur, o Guntín e o Oural son os que se manteñen máis arriba. Repasamos o acontecido en #ONoso11Futbolinlugo que lle dá a benvida a un patrocinador. Dende esta semana, Deportes A Chaira patrocina esta sección. Así que contarémolo todo no #ONoso11AChaira
Na zona norte, o Meira segue invicto e suma 16 puntos de 18 posibles. Non saíu ben o Celta Barreiros na Lomba. Non obstante, foi capaz de empatar o 2-0 en contro inicial. Os locais volveron dobrar a aposta antes do tempo de lecer, pero os da Mariña amosaron tamén efectividade para marchar ao descanso cun axustado 4-3. No segundo tempo, quen materializou as súas ocasións foi o Meira, para ampliar a vantaxe en dous goles máis.
Tres puntos importantes sumou o Muimenta para alcanzar a segunda praza da clasificación. Partido igualado ante o Xermade no que ningún dos dous equipos dispuxo de moitas ocasións. Non obstante, os locais desequilibraron a balanza xa no primeiro tempo nunha contra culminada por Seijas. No segundo tempo, o Xermade tentouno ata cun menos pola expulsión de Esteban.
Na terceira posición está o Roupar con doce puntos. Aínda non perdeu, pero tres empates afástano momentaneamente do liderado. O conxunto verde tivo o encontro controlado no xogo a maior parte do tempo, pero non logrou convertir en gol as ocasións que xerou. A máis clara que tivo o Fonsagrada foi ben detida por Edi, que partindo dende a portería segue sendo clave para os de Dopico.
Cuarto é o Folgueiro que se enfrontou ao Iberia (6º). Bastantes ocasións para ambos equipos. O primeiro tempo foi igualado cos locais tentando levar algo máis a iniciativa. No segundo tempo, o Iberia tivo a vitoria nun penalti. Marcos errou no lanzamento.
O Alfoz é 5º (marca os postos de play off) logo de superar ao Guitiriz. Condicións atmosféricas adversas no primeiro tempo que practicamente imposibilitaron a practica do fútbol. Nun penalti os locais conseguiron o gol da vitoria.
Na parte media da táboa clasificatoria están a Candelaria e o Cospeito que sumaron de tres a pasada fin de semana. A Candelaria comezou mellor ante o Cabreiros e realizou unha gran primeira metade e marcou dous goles. No segundo acto, os locais reaccionaron, conseguiron meterse no partido cun tanto pero non lles chegou para lograr a igualada.
Pola súa banda, partido moi completo do Cospeito en Goiriz que enlazou a segunda vitoria da temporada e acumula catro partidos sen perder logo dun mal inicio en canto a resultados.
Na zona baixa, salientou o triunfo do Castro B. O filial adestrado por Isaac Rouco aportou máis intensidade e ambición no xogo ante a Comercial. Navia cun dobrete foi un dos grandes protagonistas do encontro. O filial refíxose logo de que, por medio dun gol en propia, os locais empataran. Na segunda metade, despois de varias ocasións marcaron o tanto da vitoria.
Na zona sur, o Guntín e o Oural comandan o grupo. O cadro do Ladairo superou a domicilio ao filial do Lemos B. O conxunto preparado por Hugo demostra semana a semana que é un dos firmes candidatos a conseguir o ascenso de categoría. Sumou a súa cuarta vitoria seguida.
Pola súa banda, o Oural xogou un dos grandes partidos da xornada co Paradela. Duelo de proximidade entre dous conxuntos da parte cabeceira. Os visitantes afrontaron o partido con baixas en defensa. A primeira parte foi máis trabada, pero na segundo abriuse máis o partido. Os locais adiantáronse cun bo gol de Colón e puido sentenciar ao contragolpe.
Precisamente o Paradela queda 3º e na cuarta posición aparece o Friol que derrotou ao San Roque. O cadro capitalino segue en construcción e séguelle custando sumar na casa. Os visitantes adiantáronse nunha primeira metade sen grandes ocasións. No segundo acto, o Friol foi práctico e efectivo para manter o resultado e ampliar a vantaxe sen pasar apuros.
Cun punto de diferenza, na quinta e na sexta posición están o San Lázaro e a Milagrosa, respectivamente. Ambos xogaron xuntos esta finde e igualaron a un gol. No primeiro tempo adiantouse o San Lázaro por medio do goleador Yelko que comezou a tempada a un grandísimo nival. No segundo tempo, os locais conseguiron igualar o marcador por medio de Marco.
A SD Becerreá empatou nun partido con seis goles co Brollón. Partido tolo xogado Municipal. Os locais comezaron mandando, xerando ocasións (detidas por César) e marcando o primeiro tanto do duelo. Os visitantes aproveitaron a súa opción para igualar por medio de Maza. E pouco despois, antes do tempo de lecer conseguiron a remontada provisional.
Na reanudación os locais lograron a igualada. A balón parado o Brollón marcou o terceiro por medio de Tourón. Aí os locais volcáronse para sacar algo positivo e lográrono case o final tamén a balón parado.
Becerreá, Sporting Lucense, Ferreira, Río Sil e Brollón están na zona media con oito puntos na clasificación. O Sporting Lucense superou o Corgo a pesar das lesións de Ousmani e Núñez. Houbo alternativas no marcador pero os locais conseguiron gañar a pesar de quedar cun menos no segundo tempo.
O Ferreira tamén sumou os tres puntos ante o Carballedo nun enchoupado Catro Ventos. Na segunda parte puidose xogar algo máis ao fútbol. Marcos adiantou aos de Pantón no marcador e fixo un gran traballo en defensa.
Sete puntos son os que acumula a SD Chantada B logo de reencontrarse coa vitoria ante o Río Sil. Non houbo moitas ocasións na Carqueixa. O filial levouse os tres puntos con dous goles a balón parado. O primeiro nunha falta directa e o segundo marcando de penalti.