Miragre con dez e sorpresa na Pastoriza

Os de abaixo apretan nunha xornada de pinchazos

A borrasca Fabien privounos do duelo entre Folgueiro e Monterroso. Non así do resto da xornada. Así que, con todos vós, o noso agasallo de Noiteboa: Os resumos e os Máxicos da Data 16.

*Outeiro de Rei-Chantada Atlético: Goles, intensidade e emoción ata a baixada de telón. Un Chantada Atlético perigoso na transición defensa-ataque abriu a lata nun testarazo a unha falta botada por Anxo. Un bo Outeiro fixo tres goles para remontar antes do descanso, a base de centros laterais e unha xenialidade de Dani Renda a balón parado. Na reanudación, os de Josito Jul non foron capaces de matar o partido. E deixaron con vida aos de Fran García, que nunca deixaron de crer. E finalmente acadaron a igualada nunha boa xogada combinativa e nun penalti transformado por Adri.

*Guntín-San Roque: O vento e o estado do terreo de xogo propiciaron un partido de marcado xogo directo. Nunha primeira metade disputada, o Guntín abriu a lata nunha indecisión dos capitalinos. Núñez devolvía as táboas ao marcador nun saque dende o curruncho. Tralo descanso, os de Martín mostráronse mellores nese xogo directo, dispuxeron de varias ocasións de gol. Porén Roi e a falla de puntería local, demoraron o gol do triunfo ata o minuto 84. Obra de Iván nun córner.

*Burela-Friol: Encontro feo, igualado e sen apenas ocasións que se decidiu por unha xenialidade. Un lanzamento de falta directa de Diego Chao a menos de dez minutos para o remate, bastou para deixar os tres puntos na Marosa. Os pupilos de Antonio Abad non atoparon o camiño do gol nunha tarde compricada no atmosférico e no verde.

*Atlético Escairón-Lourenzá: Alternativas nun duelo con moita máis cafeína da que semellaba. O líder impuxo a súa lei con dous goles e superioridade manifesta na primeira media hora. Un tanto do Lourenzá antes do descanso animou aos mariñáns, que igualaron a pelota parada antes do cuarto de hora da segunda metade. Macía evitou o 2-3 dun colista que rozou o empate no Saviñao. No entanto, os homes de Montoto sacaron réditos a tempo. Julito pescou en río revolto e deixou os tres puntos na casa despois dunha serie de rexeites.

*Pastoricense-Pol: Sorpresa no Acebreiro. O Pastoricense saiu do descenso directo despois de impoñerse a un dos conxuntos máis en forma da competición. A fórmula de contragolpe e balón parado saiulle redonda aos de Fran Veiga, que conqueriron os seus dous goles na primeira metade. Os de Fernando Corredoira nunca se atoparon cómodos ante o xogo directo, perdendo moitísimas segundas xogadas. E aínda que o balón foi dos visitantes no segundo tempo, o Pastoricense puido rematar goleando.

*Chantada-Castro: O acerto e o vento mandaron no Sangoñedo. O Chantada fixo bo ao descanso un solitario gol ao cuarto de hora. Tras o paso polos vestiarios, os de Juan Rodríguez castigaron os erros defensivos dun notable Castro. E puxéronse 3-0. Lonxe de dar o encontro por rematado, os de Vitín mostraron unha soberbia reacción. Chegando a poñerse a un só tanto no minuto 91, e con dez homes pola lesión de Fede (xa estaban todos os cambios feitos). Os do Sangoñedo remataron pedindo a hora ante un Castro que morreu na beira.

*Santaballés-Riotorto: O Santaballés rematou o ano ligueiro do xeito que mellor sabe: ganando con oficio. Os de Dani Moirón abriron a lata nada máis comezar nunha indecisión entre Juanmi e a defensa visitante. Un soberbio Riotorto empatou no ecuador dunha primeira metade na que tivo un pau e un claro man a man errado. No segundo tempo, os de Suso Orxás topáronse co longueiro ante un rival que lle custaba chegar con perigo. No entanto, a expulsión de Ferreirós puxo o panorama máis de cara para os chairegos. Que se fixeron co triunfo no tramo final, nun tanto nun saque dende o curruncho.

*Xove Lago-Taboada: Un espectacular Xove Lago sobrepúxose a todo o que se pode un practicamente sobrepoñer. Chegaba ao encontro con baixas clave, lesionóuselle Luis Varela e quedou con dez homes ao minuto 9 por unha suposta agresión de Eric. Aínda así, tivo contra as cordas ao Taboada. Meteu medo ao seu rival a balón parado e coqueteou co triunfo. Se ben é certo, que os de Manu desperdiciaron a súa oportunidade. Saíron moi enchufados ao comezo do segundo tempo e, sobre todo, cun longueiro de Fabio na prolongación.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario