Salvatierra Abogados Lugo patrocina unha nova semana dos Máxicos, que continúan a súa andaina nesta temporada 23/24.
O Burela supera a un Outeiro baixo mínimos (2-0). Chegaban os visitantes con numerosas baixas á Marosa, e os locais tiveron o control do choque no comezo, pero erraron dúas ocasións claras. O Outeiro aproveitou as dúbidas locais para gañar presenza no encontro, pero un gol local á volta dos vestiarios deu tranquilidade ao Burela, que seguiu co dominio do coiro ata que anotou o segundo tanto para pechar o encontro, 2-0 para un dos cadros «Máxicos» neste arrinque de ano.
O Guntín supera ao Lourenzá para gañar tranquilidade (3-0). Un remate de nunha falta lateral desnivelou o encontro para os locais logo de media hora de dominio alterno. Na segunda metade, o Lourenzá deu un paso adiante na procura do empate, pero o Guntín aproveitou dous balóns largos case consecutivos para anotar dous goles máis que pecharon o encontro para os do Ladairo, 3-0.
O Chantada Atlético vence á Milagrosa con menos comodidade da que marca o resultado (3-0). Os capitalinos entraron moi enchufados ao duelo, cunha presión alta que incomodou moito aos chantadinos. Pouco a pouco, o Chantada Atlético aproveitou os espazos á espalda para facer dano e anotou dous tantos antes do descanso. O ritmo foi menor nunha segunda parte na que houbo poucas ocasións e tan só César foi quen de anotar un gol máis para sentenciar no Sangoñedo, 3-0.
O Portomarín cae con claridade ante o Pol (0-5). Aínda que o plan de partido dos locais mantívose sólido ao longo da primeira media hora, un gol de Gerado abriu a lata para o líder e o segundo tanto, obra de Marquitos, condenou aos miñotos. Xa na segunda metade, un dos máxicos da xornada -Omar- asinou un hat-trick para engordar o resultado e deixar aos seus cada vez máis preto do ascenso á Preferente.
O Meira e o Foz asinan táboas na Lomba (0-0). O partido, pese ao que marca o resultado, foi entretido para o espectador. Ambos conxuntos contaron con opcións ao longo do primeiro tempo, con chegadas por bandas e centros laterais que inquedaban ás defensas, pero que non remataban con éxito. Xa no segundo tempo, o Meira deu un paso adiante e estivo preto de lograr a victoria, pero o bo facer focense permitiu que houbese reparto de puntos no feudo meirego, 0-0.
O Taboada supera ao Xove Lago logo dun bon primeiro tempo (2-1). Unha boa primeira media hora bastoulle ao Taboada para vencer ao Xove na Medela. Os de Martín Murado gozaron de numerosas ocasións e anotaron dous goles antes do descanso para encarrilar o partido, pero os mariñáns melloraron moito tras o paso por vestiarios e conseguiron recurtar diferenzas á saída dun córner. Xa na recta final, o Xove volcouse sobre a portería rival e o Taboada gozou de contragolpes para sentenciar, pero o electrónico non se movería máis, 2-1.
O Atlético Escairón supera á SD Chantada no partidazo da xornada (1-0). Dábanse cita no Saviñao dous dos cadros máis «Máxicos» da categoría, inmersos na loita polos postos de promoción. Julito inaugurou o marcador para os seus no minuto 5′ logo dun desaxuste na zaga visitante nun saque de banda. O Escairón estaba cómodo coa vantaxe e levou o duelo ao seu xogo, con moitos duelos e disputas nas que foron superiores ao rival. A SD Chantada intentouno, sobre todo na recta final do choque, con balóns colgados e achegamentos desde a frontal, pero o bo facer dos defensores locais impediu que os chantadinos empatasen e deixou os tres puntos na casa.
O Guitiriz e o Riotorto empatan e quedan con mal sabor de boca (1-1). Xogo directo no Suso Cruz nun partido no que o Riotorto sufriu a lesión de Borja e que tivo pouco ritmo. O primeiro tempo destacou polas imprecisións e as malas decisións dun equipo local nervioso, mentres que o Riotorto neutralizaba ben o xogo dos seus rivais, a excepción dun man a man errado por Tanketín e un contragolpe mal rematado polos visitantes.
Na reanudación continuou a igualdade, pero Cristian aproveitou un rexeite para facer o 0-1. Pouco despois, o Guitiriz anotou o empate por medio do xuvenil Sergio Campello, que debutaba no fútbol sénior, nunha xogada embarullada na área. O Guitiriz volcouse sen fortuna na procura da remontada, mentres que o Riotorto contragolpeaba con perigo, pero sen acerto na definición. Ao final, 1-1 e reparto de puntos.
O Santaballés e o Monterroso empatan na Liga (1-1). O xogo directo do Santaballés foi neutralizdo polo Monterroso nunha primeira metade na que os de Cerdeiriños anotaron o 0-1 e gozaron de algunha oportunidade máis, pero non obtiveron maior premio. De feito, serían os chairegos quen golpeasen cun tanto de Novás desde os once metros. Na segunda metade ambos conxuntos tiveron oportunidades, aínda que foron os locais os que levaron o peso do xogo. Ao final, reparto de puntos no feudo do Santaballés nun duelo que puido caer para calquer lado.