#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 8

portada maxicos

Logo dunha longa ponte na que os Máxicos nos deixaron temporalmente orfos de bo fútbol, este domingo volveu a Primeira Galicia aos campos da provincia.

Pastoricense 0-1 Burela: o Burela levouse os tres puntos do Acebreiro nun choque igualado, no que os locais mereceron algo máis, pero os visitantes aproveitaron unha opción de Jairo que se traduciu en gol antes do descanso. Á saída dos vestiarios, o Burela foi mellor e puido sentenciar en sendos achegamentos. Nos últimos 15′ o Pastoricense apretou e puido empatar a balón parado, pero a victoria foi para Burela.

San Lázaro 1-1 Chantada Atlético: Saúl adiantou ao San Lázaro cun gran gol de falta cando o Chantada Atlético comezaba a asentarse no partido. Tras o gol, os visitantes erraron un penalti e tiveron varias ocasións que non transformaron. Xa na recta final, un erro defensivo dos da Ponte a saída dun córner traduciuse no empate. Ao término dos 90′, reparto de puntos nas Gándaras.

Pol 1-1 Castro: o duelo directo da zona alta non rompeu a imbatibilidade de ningún dos dous conxuntos. Dani Roca adiantou aos visitantes no 9′, pero o Castro soubo reaccionar e Marco fixo o empate no 30′. A partires de aí foi mellor o Castro, pero non estivo atinado de cara a portería. Bo partido, con moita intensidade, que deixa todo por decidir entre dous dos candidatos ao ascenso.



Monterroso 2-1 Portomarín: o Monterroso logrou a segunda victoria consecutiva a costa dun Portomarín que xogou toda a segunda parte cun home menos. Foi precisamente nos segundos 45′ cando os locais foron quen de anotar dous goles moi seguidos que puxeron o partido de cara para eles. Porén, o Portomarín tirou de épica, recurtou diferenzas e a piques estivo de conseguir un empate heroico.

Alfoz 0-1 Lourenzá: o Alfoz segue a competir moi ben pero non consigue resultados. Nesta ocasión, o Lourenzá fixo un gran partido, moi igualado e intenso, e no que se levou o gato á agua cun gol de falta tras un contragolpe na recta final. Os locais gozaron de opcións para anotar, pero non estiveron acertados de cara a porta.

Friol 1-1 Guntín: empate xusto na Reigosa nun choque no que os dous goles chegaron no primeiro tempo, ambos tras errores defensivos. Adiantouse o Friol pero o Guntín foi quen de igualar antes do descanso. No segundo tempo, os visitantes mandaron no xogo, pero Viusky deixou mostras da súa valía baixo paus e o Friol tivo varias opcións á contra nas que puido anotar. Ao final, 1-1 que non deixa satisfeito a ningún.



Riotorto 0-0 Sporting Pontenova: o derbi da Terra de Miranda saldouse cun empate que non deixa satisfeito a ningún dos conxuntos. No primeiro tempo foron mellores os visitantes, que gozaron de varias opcións para adiantarse, pero o bo facer de Édgar baixo paus evitouno. Presno fixo o propio na segunda metade e detívolle un penalti a Fran Pastor. Ao final, resultado gafas nun duelo entretido para o espectador.

Chantada 3-0 Outeiro de Rei: dominio da SD nunha primeira metade na que se puxeron cun 2-0 favorable. O primeiro tanto chegou tras un centro desde banda esquerda, mentres que o segundo foi resultado dunha boa acción polo lado dereito. Tras o descanso, o Outeiro mellorou pero non foi quen de crear oportunidades, e o Chantada sentenciou tras un rexeite na área.

Folgueiro 0-1 Xove Lago: a mala sorte cebouse co Folgueiro no derbi mariñán. Os locais tiveron opcións de todas as cores, en especial no segundo tempo, pero a boa actuación de Trullo e un erro na saída de balón dos locais (aínda na primeira parte) condenou aos de Boa Vista, que están a pagar moito a súa falta de efectividade. O Xove soube defenderse para sacar os tres puntos dun campo complicado.

Taboada 2-1 San Roque: as imprecisións marcaron o choque na Medela. O Taboada adiantouse aos 5 minutos de xogo e dominou no primeiro tempo. Trala reanudación, os visitantes puideron empatar nun man a man, pero na seguinte xogada os locais aumentaron a diferenza. Sí anotou o San Roque pouco despois, conseguindo meter o medo no corpo aos siareiros locais, pero finalmente non logrou empatar. O porteiro visitante, aínda en idade xuvenil, firmou un gran partido.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *