#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 2

Unha xornada máis para os nosos Máxicos, que xa comezan a definir os seus obxectivos.

Riotorto 1-1 San Ciprián: foi mellor o Riotorto no primeiro tempo, gozando de varias ocasións e conseguindo adiantarse por medio de Coedo. O Sanci apenas xerou perigo no primeiro tempo, pero cos cambios da segunda metade os mariñáns melloraron moito e lograron o empate nunha acción moi protestada polos locais. O Riotorto puido vencer con dúas ocasións que se estrellaron nos paus, pero finalmente se repartiron os puntos.

Xove Lago 2-2 Atlético Escairón: reparto de puntos nun choque moi igualado. Comezou o partido con opcións para ambos conxuntos, ata que o Escairón aproveitou un erro defensivo local para poñer o 0-1. Empatou o Xove cun golpeo desde a frontal, pero no último minuto do primeiro tempo, o Escairón fixo o segundo tras varios rexeites logo dunha falta lateral. No 90′, un Xove que deu o máximo conseguiu un merecido punto nun duelo moi entretido entre dous bos equipos.

Foz 3-1 Burela: comezou mellor un Burela que fixo o 0-1 no primeiro tempo e mandou no xogo ata a recta final. O Foz aproveitou un contragolpe tras un gol anulado aos visitantes para provocar o penalti e facer o 1-1. Esta xogada, polémica, sacou ao Burela do partido e permitiu aos locais completar a remontada nos dez últimos minutos, 3-1.



Pol 3-1 SD Chantada: unha parte para cada equipo en Pol. Foi mellor a SD Chantada no comezo, e froito eso chegou por diante ao descanso, 0-1 á saída dun córner. No segundo tempo, os locais melloraron e conseguiron remontar en dous minutos. Un golazo de Dapo supuxo o empate e Diego puxo o 2-1 xusto despois. Pese a que os visitantes se volcaron na procura do empate, o Pol sentenciou na última xogada do choque.

Outeiro de Rei 4-0 Sporting Pontenova: partido moi serio do Outeiro ante un Sporting que plantou cara, pero que perdeu os tres puntos na última media hora de partido. O Outeiro soubo cansar aos seus rivais para poñerse por diante e sentenciar a partir do minuto 60.

Chantada Atlético 2-1 Pastoricense: púxose o partido de cara para o Pastoricense cun gol no primeiro minuto de xogo, pero o fútbol combinativo do Chantada Atlético permitiu aos locais empatar na primeira metade. Na segunda metade, o Atlético remontou nun contragolpe e, a pesares de que o Pastoricense o intentou, non foi quen de evitar a derrota.



Monterroso 0-1 Lourenzá: partido igualado, cun Monterroso que buscaba sorprender con xogo directo. O Lourenzá estivo ben plantado e gozou de varias ocasións no primeiro tempo. Tamén os locais puideron anotar, aproveitando erros visitantes en saída de balón. No segundo tempo, o Monterroso quedou cun xogador menos, e o Atleti aproveitou ese feito para apretar aos locais. Finalmente, un balón parado no 90′ traduciuse no 0-1 a prol do Lourenzá.

Santaballés 2-1 Antas: o Santaballés manexou o balón, mentres que o Antas tratou de ralentizar o xogo local e aguantou ben o resultado. No segundo tempo, apareceron os homes chave do Santaballés para facer o 1-0. Porén, o Antas conseguiu o empate cunha boa acción de Ismael. Non foi ata o 75′ que os da Liga pecharon o choque por medio dun penalti para conseguir a súa primeira victoria do ano.

Castro 2-1 Taboada: un gran inicio do Castro puxo todo de cara para os do Arturo Pereiro, que mandaban por 2-0 no 25′ e controlaron o xogo ao longo do primeiro tempo. Na segunda parte, un penalti para o Taboada permitiu aos da Medela recurtar diferenzas e apretar aos locais, pero o bo facer defensivo dos vermellos deixou os puntos na casa.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *