Semana de derbis para os Máxicos, que se saldaron con emoción e goles a partes iguais.
O Foz e o Burela empatan nun derbi espectacular (3-3). Comezaron mellor os visitantes no Martínez Otero e, no 25′, xa mandaban por 0-2. Porén, os focenses recurtaron diferenzas antes do descanso e empataron na reanudación por medio dun penalti que transformou Moreda, un dos xogadores máis en forma da categoría. Co paso dos minutos, o fútbol tornouse máis directo e comezaron as ocasións para ambos conxuntos. Adiantaríase de novo o Burela cun tanto de Jairo Campo, pero unha acción nos últimos intres culminada por Adrián puxo o 3-3 para coroar unha tarde de fútbol preciosa no Martínez Otero.
O Pol remonta en Xove con polémica incluida (2-4). Foron mellores os locais nos primeiros minutos, e Diego fixo dous goles tras dúas grandes xogadas de Jorge e Dani, respectivamente. Porén, un penalti moi protestado polos locais supuxo o 2-1 antes do descanso e deu osíxeno a un Pol que saiu reforzado dos vestiarios, conseguiu o 2-2 e, pouco despois, fixo o 2-3. Non se rendiu o Xove pese á remontada visitante e comezou a xerar perigo en transicións, ata que sufriron as expulsións de Kevin, Luis e do míster Pelayo. Con superioridade numérica, o Pol non sufriu, marcou o 2-4 e levou tres puntos de ouro do Municipal.
O primeiro tempo chégalle á SD Chantada diante da Milagrosa (2-0). Foron moi superiores os de Traste no comezo do encontro, no que buscaron con insistencia o gol e conseguiron o premio por partida dobre antes do minuto 20′, primeiro grazas a un rexeite aproveitado por Sergio e despois nunha acción combinativa rematada por Pablo. A Milagrosa non baixou os brazos e tratou de achegarse no marcador ao longo do segundo tempo, pero a solidez e seguridade defensivas locais valéronlles aos chantadinos para manter o resultado e conseguir unha boa vitoria no Sangoñedo.



O Riotorto leva o derbi frente ao Lourenzá e da un paso adiante (1-0). Choque de alternativas na Veiga entre dous equipos que necesitaban os puntos. O Lourenzá tivo maior presenza en campo rival ao longo do primeiro tempo, pero os locais foron solventes en defensa e evitaron ocasións claras. Mediada a segunda metade o Riotorto aproveitou unha falta lonxana que rematou Coedo para poñer o 1-0 nun partido marcado polas disputas e o fútbol directo, e que vale ao Riotorto para saír da zona de risco
Os adestradores medíanse aos seu ex-equipos no Monterroso-Outeiro (1-3). Partido especial para os adestradores Josito Jul, que se medía a un antigo equipo, o Outeiro de Rei, e para Adrián ‘Cacha’, que xogaba ante un Monterroso ao que coñece moi ben. Foi mellor o Monterroso no inicio, cun gol de Pardo, pero Veiga empatou xusto despois, 1-1. O Outeiro quedou cun home menos no 20′ logo da rigurosa expulsión de Lucas, pero os chairegos competiron moi ben e, xusto antes do descanso, Samu fixo un golazo de falta directa para adiantar aos seus, 1-2. O Monterroso tratou de sorprender a unha defensa repregada no segundo tempo, pero sería o visitante David Román quen sentenciaría nun balón parado rematado á perfección, 1-3 para deixar sen puntos aos locais.
A versión máis pragmática do Santaballés supera ao Guntín (3-1). A primeira parte estivo marcada polo fútbol directo, con maior dominio do Guntín e máis achegamentos do cadro laranxa. Porén, os tres cambios introducidos por Freire na reanudación e un penalti a prol dos locais traduciuse no merecido 1-0 para os Santaballés logo dos primeiros minutos da segunda metade. Os chairegos conseguiron o 2-0 pouco despois e, pese a que Debasa recurtou diferenzas para os seus, os da Liga sentenciaron co definitivo 3-1 nun contragolpe ante un Guntín volcado na procura do empate.

O Guitiriz volve caer ante un bo Chantada Atlético (0-1). Non remata de coller o pulso da categoría o Guitiriz, mentres que os chantadinos mantéñense na zona nobre. O duelo do domingo foi moi trabado, con moitos paróns, sobre todo ao longo do primeiro tempo, aínda que foi o Guitiriz o que tivo máis presenza no campo rival, sen ocasións claras. Xa na segunda metade, os visitantes conseguiron o gol grazas a un remate de César tras unha boa saída por banda dos de Edu. O Guitiriz volcouse na recta final e xerou perigo por medio de saques de banda longos, pero non foi quen de anotar e os puntos voaron cara Chantada, 0-1.
Un sólido Escairón supera a un Portomarín que pagou os erros de concentración (3-0). Os locais aproveitaron os erros visitantes para anotar dous goles na recta final do primeiro tempo, por medio de Adrián e Manuel. O Portomarín cambiou o sistema na segunda metade e xerou máis ocasións, pero a solidez defensiva dos do Saviñao permitiulles non pasar apuros e sentenciar nun contragolpe ben levado e culminado por Julito para pechar unha tarde alegre para o Escairón, 3-0.
Un Meira en liña ascendente vence en Taboada (1-3). Foi superior o conxunto de Ramón Labrada na Medela, facendo dano en transicións e ás costas da defensa rival, froito do cal Seixosmil puxo o 0-1 mediado o primeiro tempo. Xa na reanudación, o Taboada deu un paso adiante, pero os da Lomba aproveitaron dous contragolpes para facer o 0-2 e acadar un penalti que supoñería o 0-3. Os locais non baixaron os brazos e recurtaron diferenzas, pero o esforzo non foi suficiente para os de Martín Murado, 1-3 na Medela.
