O concello de Outeiro de Rei volverá ter un equipo na Segunda Galicia despois do ascenso a pasada fin de semana do Matela. Esta parroquia con sede física na aldea veciña de San Lourenzo de Aguiar (onde xogan os seus partidos) conseguiu subir de categoría despois de quedar estas últimas campañas sempre ás portas. Desta vez, tivo que superar unha dura promoción de ascenso, para acadar o reto.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/04/IMG_7576-300x200.jpg)
A temporada comezou de xeito inmellorable para o conxunto verde que foi o líder da Terceira Galicia grupo sur na primeira metade da primeira volta, man a man co Ourol. Non obstante, as varias baixas ás que tiveron que facer fronte ao longo do ano minguaron a un equipo no que ata o capitán Pedro Rodríguez que é central tivo que vestir as luvas e xogar de porteiro.
Un mal remate de temporada con tres derrotas en catro partidos deixounos cuartos na clasificación con 33 puntos, empatados co quinto clasificado, o Cervo que sería o seu primeiro rival na loita polo ascenso por medio dos play-offs. Despois do 1-1 da ida na Bidueira, o Matela fixo valer a súa pequeña vantaxe máis o factor campo e derrotou ao cadro da Mariña por 2-1 no partido de volta.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/04/IMG_7571-300x200.jpg)
E chegou a gran final, ante un dos conxuntos potentes da categoría, o Goiriz que só os erros puntuais nos partidos chaves da temporada lle impediran ascender xa directamente. No partido de ida, un gol nos últimos minutos de Óscar Veiga fixo que a vantaxe do equipo de Vilalba fose mínima. E no Ventiño o Matela púxose cun 0-2 a favor antes do descanso. Os saques de banda de Pedro Rodríguez fixeron de filón para que Alberto Pardiño e Marcos Veiga puxeran a eliminatoria de cara.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
No segundo tempo tocou sufrir, o Goiriz empatou a dous goles e un tanto máis deixaría ao Matela sen ascenso. Os de Outeiro souberon aguantar e celebraron así, por fin, un ascenso logrado a base de insistir. A pesar de que o obxectivo principal non é máis ca o de xuntarse e pásalo ben, o ascenso é un ingrediente festivo que nunca se rexeita.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)