Mario Puerta é un dos nomes propios da temporada 23/24. Mario Puerta é a referencia goleadora do Oural, líder da Segunda Rexional zona sur. Mario Puerta marcou 17 goles en 14 partidos. No fútbol masculino da provincia só lle segue o ritmo Martín Piñeiro (anotou tamén 17 goles co Sober na 3ª Rexional).
Mario Puerta (18-05-1996, Colombia) chegou a Galicia xunto co seu amigo Jorge Andrés Ospina. A súa velocidade non pasa desapercibida para as defensas da zona sur da provincia. O seu promedio goleador supera o de un gol por partido.
O Oural deu un paso adiante este curso. Continúa dirixido por Jorge Fernández ‘Negrete’ acompañado por Miguel Préstamo ‘Pío’. Noutras tempadas a competición fíxoselle longa. Esa experiencia pode servir para este ano pelexar ata o final na súa sétima campaña na categoría. E a chegada de futbolistas como Mario Puerta pode dar un plus nos momentos cruciais. De momento, promete quedar.
Futbolinlugo: Como acabas no Oural?
Mario Puerta: Chego cun amigo, con Ospina. Fixemos unha pequena pretemporada e presentámonos na Sarriana. Alí por temas administrativos non se levaron a cabo as nosas incorporacións. Logo, coñecimos o Oural e decidimos falar cos adestradores. Pedímoslles se nos deixaban adestrar mentres esperabamos por ter toda a documentación. Aceptáronnos, déronnos a oportunidade e seguimos.
Fil: Como fuches recibido no vestiario?
MP: Dende o principio acolléronme moi ben. Trato de render, aportar o que sei e axudar cos goles. O equipo máis que un grupo é unha familia que se vive en cada adestramento. Todo iso está demostrado nos resultamos que estamos conseguindo.
Fil: Xa estabas afeito a marcar tantos goles antes?
MP: En parte si. Houbo un tempo en Colombia que xoguei de lateral esquerdo. Pero o mesmo compañeiro, Ospina, animoume a que aproveitara a miña velocidade e que xogara de extremo. Probei e sempre me foi moi ben. Por iso aquí decidín que a miña posición era esa.
Fil: Entón no Oural nunca dixeches que foras lateral esquerdo?
MP: Non, non; non lles mencionei nada (risas).
Mario Puerta: “En Colombia o fútbol afeccionado non forma parte da Federación”
Fil: Que diferenzas atopas no fútbol afeccionado aquí en Lugo coa experiencia que ti tiñas de Colombia?
MP: Principalmente na organización que ten o fútbol aquí. En Colombia tamén se vive o fútbol, pero non ten as ligas tan estruturadas. Xógase ao fútbol afeccionado pero non forma parte da Federación. A Primeira e a Segunda, que son o fútbol máis profesional, son as categorías que están reguladas alí pola Federación.
Fil: En que campos se corre mellor?
MP: En Colombia hai campos bonitos, pero aquí están moi por riba tanto os de céspede natural e artificial. Eu síntome moi cómodo xogando nos campos de aquí.
Mario Puerta: “O obxectivo do Oural é intentar gañar a liga”
Fil: Cal pode ser a clave do bo momento do Oural?
MP: A unión. Non hai envexa, todos queren dar o mellor. Tamén é de resaltar o traballo que fan xogadores como Ospina, Cayuela, Fran ou Manu, por nomear algúns. Sempre están aportando e animando ao equipo. O obxectivo é intentar gañar a liga. Dende o inicio, o adestrador dixo que o reto era chegar lonxe, intentar gañar a competición e sentirnos orgullosos do traballo feito.
Fil: Que che están parecendo os rivais?
MP: Hai bos equipos. Creo que somos un dos que intenta levar o balón ao chan e tocar, pero hai bo nivel. Por exemplo, enfrontámonos ao Friol que me parece un equipo bastante complicado. De feito, gañounos.
Fil: Entendemos que dentro do equipo, Ospina é alguén moi importante para ti?
MP: Máis que un bo amigo e un compañeiro, para min é un irmán. Crieime dende pequeno con el. Coñézoo moi ben, por iso no campo tomamos boas decisións. El trata de buscarme moito con balóns ás costas dos laterais. Sabe que son rápido.
Mario Puerta: “Tiven unha proposta de Preferente”
Fil: Con estes bos números, tivo Mario ofertas para marchar?
MP: Chegoume unha proposta dun equipo de Preferente. Pero por temas de transportes non puiden aceptar. Tratei o tema cos adestradores do Oural e dixéronme que estivera tranquilo que xa chegarían máis oportunidades. Decidín rematar esta temporada co Oural e despois mirar que sucede. Ou ben se ascendemos quedar ou poder mirar outras propostas.
Fil: Que é para ti o fútbol?
MP: O fútbol é a miña paixón. Si que é certo que agora mesmo un xa ten outras miras. Pola miña idade é complicado chegar moito máis arriba. Pero teño a mentalidade de en cada partido loitar polo equipo e dar o mellor de min.