O golazo de Vila, Pacín ao Portomarín e os dobretes con puntos de Juan e Roi

Vila foi un dos protagonistas da semana na 19ª xornada da Segunda. Un gran gol seu deulle a vitoria a un Xermade que segue na parte alta.

No sur, un dobrete de Juan nos últimos minutos propiciou un punto do Páramo nas Rapadas. De xeito similar, Roi con dous goles favoreceu ao triunfo do Incio. Os equipos seguen reforzándose. Pacín chega ao Portomarín.

O Folgueiro líder cun partido máis

Os pupilos preparados por Manuel Vicente mantéñense na cabeza da clasificación por segunda semana seguida. Alcanzan os 43 puntos, ao lograr a 14ª vitoria da campaña. Superaron ao Sanci (1-2) e teñen un partido máis e dous puntos de marxe con respecto ao Iberia.

Un dobrete de Aarón puxo con vantaxe moi cedo ao Folgueiro. Os dous goles do atacante de Lourenzá deixaron tocado a un cadro local que non se atopou cómodo na primeira metade. O Sanci mellorou no segundo acto, Borja Mella marcou e o equipo estivo a piques de lograr a igualada.



O Sanci é 9º con 26 puntos. Sitúase a quince do posto de promoción e con nove de marxe con respecto á antepenúltima posición. Recuperará o partido pendente co Xermade o sábado 22 de marzo, xa que é unha finde na que se prevén os oitavos de final de Copa, pero ningún destes clubs está vivo na competición.

O Iberia volve ao seu

Logo de non poder xogar na anterior xornada, o Iberia tiña gana de resarcirse da primeira e única derrota polo momento da temporada. Superou ao Casás (4-0) e queda a dous puntos do líder cun encontro pendente. A praza de play off tena cuberta ata agora con sete puntos de marxe co Riotorto (un partido máis), o Xermade (un encontro pendente) e o Celta Barreiros (tamén un pendente).

A primeira gran oportunidade do partido foi para o Casás, por medio de Cristian, pero Alonso fixo unha boa parada. A xuventude reivindicouse no cadro preparado por Moro. Carlos (2005) adiantou aos seus cun disparo dende a frontal. Acto seguido, Borja Fernández de Remourelle (2003), que moveu o seu posto habitual de central a mediocentro, marcou tras un córner.



No segundo acto, tentouno o Casás, pero cos goles de Jorgito (2007) e novamente de Borja os locais levárono con tranquilidade.

O Casás é 7º con 29 puntos. Ten un partido máis, está a doce da praza de fase de ascenso e conta con doce puntos de diferenza co antepenúltimo posto.

O Riotorto non ten piedade do Cospeito

Gústalle o gas ao vestiario do Riotorto, á vista das últimas peticións dun dos seus capitáns nas redes sociais. O gas e os goles, porque venceron por 8-0 ao Cospeito na Veiga. É a segunda maior goleada do curso que encaixa o club cospeités logo dos nove que lle marcara o Iberia.

Precisamente, un dos portadores do brazal no Riotorto, Manu Carreira, foi un dos protagonistas do xogo ao anotar un hat-trick. O ex xogador do Lemos e do Escairón, entre outros, acumula nove tantos na súa 5ª temporada no conxunto riotortense.

Tamén marcou un dobrete Saad, e cadanseu tanto Foad, Iván López e Borja Silvosa.



O Cospeito é último clasificado con tres puntos. Este resultado supón un baixón con respecto á liña amosada nos últimos encontros, onde estivera a piques de puntuar.

Sergio Vila desequilibra a favor do Xermade

O club xermadés continúa igualado co Riotorto (un partido máis) e co Celta Barreiros a 34 puntos. A praza de promoción de ascenso segue estando a sete, grazas a que o Xermade venceu 0-1 ao Alfoz. É o cuarto equipo que gaña este curso no Municipal. Antes fixérano o Mondoñedo, o Folgueiro e o Celta Barreiros.

Con todo, o encontro foi moi igualado e ningún dos equipos dispuxo de moitas ocasións. No tramo final, a diferenza marcouna Sergio Vila. O dianteiro, nado en Ferrol, marcou un bo gol cun lanzamento dende lonxe.

O sábado 22 de marzo o Xermade recuperará na casa o encontro pendente co Sanci.

O Alfoz é 9º con 27 puntos. Sitúase a 14 da promoción (un partido máis) e a dez do antepenúltimo.

O Celta Barreiros gaña todo en 2025

Non puido xogar por mor do temporal de inverno, pero o club do Cascabeiro non baixou o ritmo en 15 días sen encontro oficial. Superou ao Mondoñedo (4-2) e mantense nos postos cabeceiros. Enganchado agora ao tren dos 34, o posto de promoción de ascenso está a 7 puntos.

O partido púxoselle de cara aos locais, que dominaron máis con balón. Antón marcou, tras unha boa xogada colectiva e, ao pouco, Javi Andina fixo o segundo.

No inicio do segundo tempo, parecía que o Mondoñedo se podía meter no partido. Javi Álvarez anotou de penalti. Non obstante, o Celta Barreiros non lle deixou marxe. De seguido, Casanova puxo o terceiro no marcador. En nada, Javi Andina sentenciou o partido co cuarto. No tramo final, Vázquez logrou o segundo visitante.

O Mondoñedo é 14º con 17 puntos, ten cinco de marxe co descenso directo e está a tan só un punto de salvar a primeira posición de arrastre.

O Sp. Pontenova aínda quere engancharse arriba

Segunda vitoria do 2025 para o conxunto pontenovés. Venceu 0-3 á Piringalla e sobe á 6ª praza con 30 puntos. Ten un partido pendente de xogar co Iberia que o podería aupar a estar máis arriba no tramo final de liga. Agora mesmo está a 11 puntos do club de San Miguel de Reinante.

Foi un encontro que comezou igualado, aínda que Presno si detivo unha boa ocasión local. No segundo tempo, tentoulle imprimir máis ritmo o Sporting Pontenova, pero o gol non chegaría ata que o partido entrou no tramo final. Marcou Pasarín, ao pouco, Costea anotou o segundo nun penalti.

Logo os locais quedaron cun meno pola expulsión de Pipi. Adrián sentenciaría o resultado co terceiro gol.

A Piringalla é 18ª con 18 puntos, seis máis que o descenso directo e un sobre o antepenúltimo clasificado.

O Cabreiros, o equipo máis en forma da zona baixa

10 puntos de 12 posibles. Son os números que presenta o Cabreiros en 2025. Ademais que son puntos que se revalorizan porque foron ante rivais directos. De feito, ten o gol average gañado xa co Muimenta e coa Piringalla. Iso si, quédalle igualado coa Candelaria, a quen derrotou a pasada finde por 1-2 en plenas festas da parroquia da Rúa. Os pupilos preparados por Isaac Rouco ocupan a 11ª posición con 23 puntos, a dous do seu rival e seis de diferenza co antepenúltimo.

Chema volveu ser protagonista e puxo por diante aos seus. Antes do tempo de lecer, Joan realizou unha boa xogada individual para facer o segundo. Non logrou o terceiro o cadro visitante, e os locais quixeron meterse no encontro. Tinga marcou preto do 80 nunha acción protestada polos rivais. Poucos minutos despois, o ábitro asubiu tamén un penalti discutido polo Cabreiros. Puido igualar a Candelaria pero Nesi estivo atinado baixo paus.

A Candelaria é 10ª con 25 puntos.

máxicos

O Guitiriz volve gañar

Dende novembro, o cadro guitiricense non lograba a vitoria. Dende aquela, catro empates e dúas derrotas. Con todo, logrou os tres puntos nun dos días máis importantes. Venceu ao Muimenta (1-3) e deixa o descenso directo a dez puntos.

O conxunto local saíu xa de inicio con Manu, xogador de campo, como porteiro. O vilalbés tomou a responsabilidade ante a ausencia de Cancio e Antonio, ademais de Noche (lesionado de longa duración). Non tivo excesivo traballo, pero o Guitiriz foi efectivo nas accións das que dispuxo.

Os locais non estiveron atinados e o conxunto guitiricense marcou ao pouco de comezar o segundo acto. O Muimenta logrou igualado por medio de Pablo, pero o rival respondeu moi rápido con goles de Mauro e de Antón.

O Muimenta é penúltimo con 12 puntos, a cinco de quedar fóra do descenso directo.

O San Roque regresa ao liderado

Conseguiuno durante unha semana en xaneiro, e agora o equipo preparado por Piru volve ao máis alto da clasificación. O San Roque venceu ao Lemos B (1-3) e aproveitouse do empate do Becerreá. A liga está igualadísima, tanto que é complicado describila con palabras. E tan só hai dúas prazas en xogo: unha de ascenso directo e outra de promoción.

San Roque – 40 pts.

Becerreá – 38 pts.

Santa Comba – 38 pts.

Ferreira – 36 pts. (un partido menos)

Paradela – 34 pts.

Brollón – 33 pts. (un partido menos)

Friol – 31 pts.

Saíu ben o San Roque no primeiro tempo e foi contundente en ambas áreas. Marcaron o central Raúl e Diego Alvariño. Con todo, no inicio do segundo tempo, o filial aproveitouse dun erro rival para meterse no partido. Pouco a pouco, o San Roque volveu ter o control e sentenciou cun tanto de Jul.

O Lemos B caeu a zona de descenso directo por mor do triunfo do Rubián. O filial lemista é 15º con 13 puntos, a tres de fuxir da zona de máis perigo.

O Becerreá queda a espera

Dende que volveu a liga en 2025, o líder non dura máis dunha semana. Nese cambio constante, tocoulle ao Becerreá saír do primeiro posto. Empatou sen goles na súa visita ao filial da SD Chantada. Queda a dous puntos do líder, igualado co Santa Comba e con dous máis que o Ferreira (que ten un partido pendente de rematar).

Non houbo moitas oportunidades nun partido no que o Becerreá dominou máis ao comezo. No segundo acto non cambiou moito a tónica, ambos gardamallas estiveron seguros baixo paus.

O Chantada B é 12º, con 17 puntos. Non perde en 2025. Sumou 8 de 12 posibles. Conta con catro de marxe sobre o descenso directo e tan só un con respecto á antepenúltima praza.

O Santa Comba continúa superándose

Décimo segunda vitoria do curso para o Santa Comba, recén ascendido e que semana a semana se revaloriza como a revelación da liga. Venceu ao Quiroga (2-1) e queda a pré coa praza de promoción de ascenso. O liderado está a dous puntos.

O encontro comezou igualado cun Quiroga intenso. Rematou mellor o Santa Comba e comezaron tamén ben o segundo tempo. Con todo, foron os visitantes quen se adiantaron no marcador por medio de Mavilo. A partir de aí, o Santa Comba apertou e logrou a remontada.

O Quiroga continúa como último clasificado con 10 puntos. Coa vitoria do Rubián, saír do descenso directo está a seis puntos.

Seis goles no Chao da Poza

O Ferreira queda na 4ª posición, logo de empatar na casa do Portomarín (4-4). A falta de que remate o seu partido pendente co Brollón, o cadro de Pantón ten 36 puntos, a catro do líder.

O Ferreira foi superior na primeira metade e marchou gañando ao descanso 1-2. Cambiaron as tornas no segundo tempo. Os locais foron mellores e chegaron a remontar o partido. No último tramo de xogo, o cadro de Pantón logrou a igualada.

O Portomarín é 8º casificado con 26 puntos. O posto de promoción está a 12, mentres que co antepenúltimo posto ten unha vantaxe de 10. Nas últimas horas, o cadro preparado por Diego Rey reforzouse coa chegada de Carlos Pacín. O mediocentro chega procedente do Guntín de 1ª Futgal, pero xa coñece a varios dos que volven ser os seus compañeiros ao coincidir con eles estas últimas campañas na Comercial.

Roi López leva cinco goles na súa temporada de estrea co Incio

O Paradela, único derrota dos de arriba

O Paradela non puido co Incio nun duelo de oito goles, que levou o cadro amarelo por 5-3. Os pupilos adestrados por Santy López quedan no 5º posto con 34 puntos, a seis do líder. Pola súa parte, os tres puntos son moi necesarios para o Incio. Son 13º con 17 puntos, un máis que o antepenúltimo e catro de marxe co descenso. É o primeiro triunfo de 2025 e o quinto da tempada para os do Carboeiro.

Na primeira metade os visitantes responder con gol das dúas veces que o Incio se puxo por diante. Avanzado xa o segundo tempo, chegaron os restantes catro goles. Volveu acontecer a tónica da primeira, marcan os locais e empata o Paradela.

Con todo, nos intres finais foi decisivo o papel de Roi López que entrou no segundo tempo. En dúas xogadas pola banda dereita, fixo valer a súa velocidade e logrou dous tantos para os seus.

O Incio dedicoulle o triunfo a Xosé. O defensa de Saa tivo que marchar en ambulancia o venres anterior no adestramento. Está pendente de probas, pero a lesión semella grave nun xeonllo. Dende aquí, todo o noso ánimo.

O Brollón recupera sensacións nos Medos

Aínda co encontro pendente de terminar co Ferreira, o Brollón non coñecía a vitoria no 2025. Logrouna na casa ante o Antas (2-0). Queda con 33 puntos, a sete do líder.

O gardamallas local Álex actuou moi ben nas dúas oportunidades máis claras que tiveron os visitantes no primeiro tempo. Pouco a pouco, o Brollón foi controlando máis o partido, cunha melloría notable na segunda parte

Á volta dos vestiarios, Damián marcou de falta directa. Seguiron insistindo os locais que aumentaron a súa vantaxe con tanto de Miguel a pase de Tourón. Nos últimos minutos, o Brollón fallou un penalti.

O Antas é 11º con 19 puntos. Conta con seis de marxe con respecto ao descenso directo, pero o antepenúltimo posto está tan só a tres puntos.

Juan López acumula oito goles este curso co club da súa vila

O Friol corta a xeira de vitorias, pero leva 8 sen perder

Seis vitorias consecutivas acumulaba o Friol nos últimos tempos. No seu mellor momento da temporada en canto a resultados, o cadro friolés empatou co Páramo (3-3). Se fora en tempadas anteriores estaba seguro na pelexa (ata o 5º xogaba play off), pero as circunstancias complícanse co novo método deste curso. O Friol é 7º con 31 puntos, a sete do 2º, único equipo que xoga a fase de ascenso.

Un gol para cada equipo nos primeiros dez minutos. A partir de aí o Friol dominou e marcou dous tantos máis antes do tempo de lecer. Non deu atinado máis, a pesar de ter ocasión. No tramo final do partido, Juan erixiuse salvador do club da súa vila e marcou dous tantos que lles deron o empate.

O Páramo é 10º con 26 puntos, conta con 10 de vantaxe sobre o antepenúltimo e atópase a doce do segundo.

O Rubián sae do descenso directo a costa dun Palas en mala xeira

Os pupilos preparados por Senén López lograron o cuarto triunfo do curso. Venceron ao Palas (4-3) e conseguen tres puntos que lles dán aire. Ocupan a antepenúltima posición (que non está exenta de descenso), teñen tres de marxe coa zona de perigo vermella e están a só un punto dos seus dous antecesores.

Goles e de calidade os que se marcaron no Poste. Os locais sempre foron a remolque dun Palas que se puxo dúas veces por diante no marcador por medio de Tenerife. Antes do descanso o Rubián logrou o 3º, pero o Palas igualou o comezar o segundo tempo.

Ao redor do minuto 80, Álex, cun tiro dende lonxe, logrou o tanto que significou os tres puntos.

O Palas é 9º con 26 puntos (igual que o Portomarín e o Páramo). O peor é a xeira de cinco derrotas consecutivas.

O golazo de Vila, Pacín ao Portomarín e os dobretes con puntos de Juan e Roi

O triunfo do Corgo comprime a pelexa

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *